Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19851

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitiva do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133 eixe sur, treito Franza-Rilo, punto quilométrico 7+200-8+550 (clave AC/16/071.06).

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 28 de abril de 2020 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133 eixe sur, treito Franza-Rilo, p.q. 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 20 de maio de 2016, a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, con base na Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, o documento de fomento da mobilidade sustentable: sendas peonís e/ou ciclistas na comarca de Ferrol, onde unha das sendas propostas é un itinerario peonil e ciclista na AC-133, que se tramitou mediante o proxecto construtivo do itinerario peonil e ciclista na AC-133, eixe sur, treito Franza-Rilo, p.q. 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06.

Segundo. No DOG núm. 96, do 22 de maio de 2017, publicouse o Anuncio do 3 de maio de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e cliclista na AC-133 eixe sur, treito Franza-Rilo, p.q. 7+200-8+550, de clave AC/16/071.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e, no trámite de información pública, as persoas interesadas formularon alegacións. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que, transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, e recibidas as alegacións e os informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante porase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido á información pública:

– Complétase o itinerario peonil e ciclista no treito comprendido entre os pp.qq. 8+260 e 8+340. Como consecuencia do anterior, inclúese no proxecto a expropiación da fronte das parcelas con referencia catastral 1713907NJ6111S (núm. 22 do plano de expropiacións), 1713905NJ6111S (núm. 23 do plano de expropiacións) e da parcela 1713906NJ6111S (núm. 100 do plano de expropiacións), tal e como solicitaron os seus propietarios.

– En resposta á solicitude dos representantes do Concello de Mugardos, acordado con estes, prolónganse os itinerarios peonís ata entroncar co seguinte itinerario de peóns existente no contorno da glorieta situada no p.q. 8+550 da AC-133, e dispóñense novos pasos de peóns coa correspondente sinalización.

– Refórmase a pendente lonxitudinal da senda á altura do p.q. 7+760 co fin de que teña unha pendente máxima do 6 %, dando cumprimento á normativa de accesibilidade da Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados.

– Inclúese no proxecto a reposición dun treito de colector de saneamento que puider verse afectado polas escavacións da zapata do novo muro que se vai executar entre os pp.qq. 9+820 e 9+910.

Rexéitanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e cos fundamentos que constan no expediente de información pública.

Segundo. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto, ou ben só dunha parte deste.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que, logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente.

Terceiro. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

O presente proxecto contén as determinacións do planeamento do Concello de Mugardos que, na súa primeira modificación ou revisión, deben ser modificadas como consecuencia desta aprobación.

Cuarto. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133 eixe sur, treito Franza-Rilo, p.q. 7+200-8+550, de clave: AC/16/071.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito primeiro.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-133 eixe sur, treito Franza-Rilo, p.q. 7+200-8+550, de clave: AC/16/071.06, nos termos indicados no parágrafo anterior.

Terceiro. O Concello de Mugardos deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O cómputo do prazo para interpor recursos iniciarase o día hábil seguinte á data de finalización da declaración do estado de alarma, de acordo co disposto na disposición adicional oitava do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, publicado no BOE núm. 91, do 1 de abril.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos