Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 5 de maio de 2020 Páx. 19075

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 69/2020, do 3 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de dous treitos antigos, de 110 e 60 metros lineais, da estrada provincial EP-2102 Nigrán-Vincios.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 11 de xaneiro de 2019, o Concello de Gondomar e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo o proxecto Humanización da interconexión das rúas San Bieito e Emigrante coas estradas de Peitieiros e Chain-Morgadáns (Concello de Gondomar). A cláusula quinta deste convenio recolle a obriga do concello de solicitar a transferencia de varias vías, de conformidade co establecido na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

O Pleno da corporación provincial, na sesión ordinaria do 27 de setembro de 2019 aprobou a proposta de cambio de titularidade ao Concello de Gondomar de dous treitos antigos de 110 e 60 metros lineais da EP-2102 Nigrán-Vincios, xa que presenta unhas características funcionais e de utilidade asimilables ás vías municipais de tipo urbano, servindo como elementos accesorios e de acceso aos predios e edificacións lindeiras e, polo tanto, carecendo da funcionalidade de soporte físico para as comunicacións e circulación de vehículos automóbiles. A transferencia de titularidade ao concello garantirá o mellor mantemento dos treitos antigos da estrada xa que permitirá levar un control máis directo sobre eles co fin de evitar posibles ocupacións indebidas do dominio público.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de abril de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de:

– Treito antigo de 110 metros da EP-2102 Nigrán-Vincios que comeza no punto quilométrico 7+190.

– Treito antigo de 60 metros da EP-2102 Nigrán-Vincios que remata no punto quilométrico 7+540.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Gondomar deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Gondomar, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade