Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 5 de maio de 2020 Páx. 19073

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 68/2020, do 20 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Carballo-Coristanco, puntos quilométricos 32+620-34+400, de clave AC/16/082.06, nos concellos de Carballo e Coristanco.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia número 122, do 28 de xuño de 2019, publicouse o Anuncio do 29 de maio de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto construción Itinerario peonil e ciclista na AC-552. Treito: Carballo-Coristanco. Puntos quilométricos 32+620-34+400, de clave AC/16/082.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 17 de febreiro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto construción Itinerario peonil e ciclista na AC-552. Treito: Carballo-Coristanco. Puntos quilométricos 32+620-34+400, de clave AC/16/082.06.

Este proxecto ten por obxecto a construción dunha senda de uso compartido que permita a circulación de peóns e ciclistas non deportivos na estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 32+620–34+400, que dará continuidade as beirarrúas existentes no núcleo de Carballo ata as beirarrúas existentes no lugar de Montecelo, no concello de Coristanco.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de marzo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto construción Itinerario peonil e ciclista na AC-552. Treito: Carballo-Coristanco. Puntos quilométricos 32+620–34+400, de clave AC/16/082.06.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade