Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.
Domicilio social: polígono empresarial das Gándaras, parcela U2, rúa Aller Ulloa, Ramón María, nº 9, 27003 Lugo.
Denominación: reforma do CT 13032 Mazo.
Situación: concello da Pontenova.
Características técnicas:
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV a CT Mazo 13032, con orixe no apoio A28486 e final no CT Mazo proxectado, cunha lonxitude de 20 metros en condutor tipo RHZ1-150.
• Centro de transformación non prefabricado Mazo 113032, no cal se realiza a obra civil necesaria para o seu acondicionamento e se instala una cela de liña, unha de protección e un cadro de baixa tensión, cunha potencia máxima admisible de 630 kVA e unha potencia inicial de 250 kVA, relación de transformación 20.000/400-230 V.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310) do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, esta xefatura territorial, de acordo cas competencias que resultan do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se crea e establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, resolve:
Conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente, independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
De conformidade co establecido na disposición adicional oitava do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo lo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVI-19, o referido prazo para a interposición do recurso, segundo o disposto na resolución, computarase desde o día hábil seguinte á data de finalización da declaración do estado de alarma, con independencia do tempo que transcorrese desde a notificación da actuación administrativa obxecto do recurso ou impugnación con anterioridade á declaración do estado de alarma.
O devandito enténdese sen prexuízo da eficacia e executividade do acto administrativo obxecto de recurso ou impugnación.
Lugo, 2 de abril de 2020
Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo