Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 7 de abril de 2020 Páx. 18016

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de marzo de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Alvelle ou parcela R, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de febreiro de 2020, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Alvelle ou parcela R, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira, parroquia de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 22 de xuño de 2017, Francisco Carballo Rivas, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) da parcela Alvelle a favor dos veciños da parroquia de Santiago de Oliveira. Expón que a dita parcela non foi incoada polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra por entender que parcialmente xa estaba clasificada.

O monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Ponteareas.

Parroquia: Santiago de Oliveira.

Nome do monte: Alvelle-parcela R.

Cabida: 73.124 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte

Parcela

Titulares

-------

Muro-baluarte que separa de montes particulares da parroquia de Santiago de Oliveira

214

Clemencio Bouzo Rodríguez

219

Propietario descoñecido

209

Albino Sebastián Candeira

215

Zulmira Diz Barral

216

José Pérez Souto

217

Severino Domínguez Rodríguez

-----

Camiño-pista forestal (36.42.0.0.82.9106)

Sur

Parcela

Titulares

291

Parte con Monte Comunal da parroquia de Guillade

Leste

Parcela

Titulares

291

Parte do Monte Comunal da parroquia de Guillade

------

Montes particulares da parroquia de Guillade

281

José María Bouzo Argibay

228

Modesta Gómez Rodríguez

------

Camiño-pista forestal (36.42.0.82.9106)

Oeste

Parcela

Titulares

-------

Con monte veciñal en man común de Santiago de Oliveira da mesma propiedade (unido por camiño público asfaltado 36.42.0.82.9101, camiño-pista forestal 36.42.0.82.9101 e parcela 290)

--------

Muro-baluarte que separa un enclave de montes particulares da parroquia de Santiago de Oliveira

265

Irmáns Delmiro Costas Candeira

266

Luciano Rodríguez Bouzo

267

Álvaro Argüelles García

268

Irmáns Delfín García David

271

Piedad Vázquez Gómez

270

Reinaldo Caldeira Soto

269

Vicente Pazos García

275

Maribel Iglesias Giráldez

273

Irmáns José Montero Giráldez

272

Celia Souto Rodríguez

274

Propietario descoñecido

237

María Cruz Redondo Araujo

235

Amelia Maceira Fernández

234

Alicia Maceira Rodríguez

233

Indalecio Maceira Rodríguez

223

Rosa David Rodríguez

Coa solicitude xunta: levantamento topográfico da parcela Alvelle, executado por persoal técnico da empresa Compañía Galega de Silvicultores, S.L., correspondencia parcial da parcela Alvelle dentro do polígono 82 e parcela 291 do concello de Ponteareas.

O 30 de xuño de 2017 achega estudo pericial da divisoria coa parroquia de Guillade solicitado pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para emitir a Sentenza número 827/1999.

Segundo. O 11 de agosto de 2017, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela Alvelle de 7,31 ha, da non afección a montes de utilidade pública, nin patrimoniais, nin Rede Natura 2000. Que o terreo solicitado está sen clasificar salvo un solapamento ao oeste de 0,53 ha que si está clasificado a favor da CMVMC de Guillade. Así mesmo, xunta montaxe sobre ortofoto e catastro do predio Alvelle que corresponde parcialmente co polígono 82 e parcela 291 e inclúe camiños e cabeceiras doutras parcelas (do polígono 82: parcelas 291, 280, 278, 277, 219, 216, 215, 214 e 209, e do polígono 83: parcelas 20 e 18).

Terceiro. O 5 de xullo de 2017, o Xurado de Montes acorda incoar expediente de clasificación da parcela Alvelle (parcela R) e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 10 de xullo de 2018 ao Concello de Ponteareas e o 11 de xullo de 2018 ao promotor da clasificación

Cuarto. O 25 de agosto de 2018, o persoal técnico do Distrito Forestal do Condado-A Paradanta emite informe preceptivo do Servizo de Montes. Do informe despréndese a existencia dunha masa arbórea mixta de distintas idades sen ningunha silvicultura recente de Eucaliptus globulus, Quercus robur e Acacia melanoxylum. Tamén existe Citisus sp. (xestas de 1,5 a 2 metros) e abundante matogueira: toxo, carqueixa, silveiras e fentos. Existe unha área de colmeas no nordés da parcela e pequenos aproveitamentos de toxos na zona norte e nordés. Como usos non forestais existe un antigo campo de fútbol en estado de abandono na parte sur da parcela e, no norte da parcela, indicios dun antigo vertedoiro.

Quinto. O 20 de xuño de 2019, o Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica que os predios dos que se insta a clasificación, coa información facilitada non se atopan inscritos no Rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello de Ponteareas, e no DOG o Anuncio do 2 de xullo de 2019 polo que se inicia a clasificación do monte Alvelle-parcela R a favor da CMVMC de Santiago de Oliveira (DOG número 136, do 18 de xullo).

Sexto. O 1 de agosto de 2019 e dentro do período de trámite de audiencia, a CMVMC de Guillade achega alegacións ao expediente de clasificación da parcela Alvelle a favor dos veciños da parroquia de Santiago de Oliveira. En síntese, alega:

– Que a parcela catastral 291 do polígono 82 figura a nome da CMVMC de Guillade e que é da súa propiedade.

– Que o monte que se pretende clasificar atópase dentro da parroquia de Guillade (liña divisoria apoiada en fitos e marcos contidos na documentación histórica), achega planimetría.

– Existen denuncias contra actuacións realizadas pola CMVMC de Santiago de Oliveira.

Sétimo. O 14 de agosto de 2019 a CMVMC de Santiago de Oliveira presenta un escrito en que solicita que non se teñan en conta as alegacións achegadas pola CMVMC de Guillade, xa que:

– A liña divisoria das parroquias baséase nunha delimitación parroquial ficticia sen ningún tipo de fundamento histórico (...) no Catastro do Marqués da Ensenada non se menciona un marco de grande importancia denominado «Espiga do Val do Perro» e que estaba asentado onde agora está o campo de fútbol de Santiago de Oliveira (Sociedade Deportiva Oliveira).

– Que a parcela está en zona en convenio coa Administración forestal.

– Que a titularidade da parcela catastral a nome da CMVMC de Guillade é un erro.

– Achega facturas de limpeza no monte Gramil-Alvelle e planimetría.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de xeito continuado, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceira. No Rexistro de MVMC de Pontevedra (acceso público) consta a solicitude de clasificación do 7 de xuño de 1994 da CMVMC de Guillade en que instaba á clasificación dos montes Alvelle e Gramil e Eiras da Mo. Na Resolución do 9 de setembro de 1996 o instrutor reflicte a conflitividade das comunidades de montes veciñais en man común de Guillade e de Santiago de Oliveira na definición das estremas da parcela Alvelle e Gramil.

O 9 de outubro de 1996 o Xurado clasifica só en parte a parcela Alvelle deixando excluída da clasificación a parte situada ao norte da estrada de Guillade a Ponteareas por non acreditar a comunidade solicitante o seu aproveitamento (parcela da que agora solicita a clasificación a CMVMC de Santiago de Oliveira).

A CMVMC de Guillade interpuxo recurso contencioso-administrativo e o 16 de decembro de 1999 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emite a Sentenza número 827/1999 que ditamina desestimar o recurso, ben que do antecedente terceiro da sentenza extráese o seguinte:

«Coa solicitude de iniciación do expediente presentáronse diversos documentos. De ningún deles pode desprenderse de xeito patente e indiscutible a existencia dun aproveitamento exclusivo; e ante tal circunstancia e á vista das discrepancias entre os veciños das parroquias estremeiras afectadas acordouse a emisión dun informe técnico, cuxo contido non serviu para resolvelas».

Na actualidade, a CMVMC de Santiago de Oliveira non achega documentación que acredite un uso veciñal patente e indiscutible da parcela Alvelle, xa que, segundo o informe do distrito forestal atópase en total abandono e sen ningún tipo de silvicultura preventiva nin produtiva. A CMVMC de Santiago de Oliveira achegou o estudo da divisoria coa parroquia de Guillade que, en síntese, conclúe que a parcela Alvelle é unha parcela en litixio entre a CMVMC de Santiago de Oliveira e a CMVMC de Guillade.

Así mesmo, segundo os datos existentes no Servizo de Montes (bases do convenio 3615062 e a planimetría a escala 1:5000), non é certo que a parcela Alvelle, da que se insta a clasificación, se atope en convenio coa Administración forestal.

Por todo o exposto, o que procedería, sería tramitar un expediente de deslindamento administrativo regulado no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sen prexuízo das partes de acudir á vía xurisdicional civil.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non clasificar o monte Alvelle ou parcela R solicitado polos veciños da CMVMC de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas (Pontevedra), ao non reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de marzo de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra