BDNS (Identif.): 500628.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas e as de iniciativa social que non accedan á bonificación da gratuidade da atención educativa e da matrícula a través doutros programas sempre que en ambos os dous casos teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.
Segundo. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas ás escolas infantís 0-3 anos de titularidade privada para promover a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2020 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020-2021 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar (código de procedemento BS420C).
2. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.
Así mesmo, entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:
1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.
4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C).
Cuarto. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 6.500.000 euros, coa seguinte desagregación:
Aplicación orzamentaria |
Código proxecto |
Importe |
2020.13.02.312B.470.2 |
2020-00052 |
6.000.000 euros |
2020.13.02.312B.481.3 |
2015-00477 |
500.000 euros |
2. O crédito consignado na aplicación 2020.13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.un.t) da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.
3. O crédito consignado na aplicación 2020.13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e mais no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Contía da axuda
1. As axudas compensarán a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativa a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar na contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 260 euros/mes por praza a xornada completa, excluído, en todo caso, o mes de vacacións do neno ou nena.
2. Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula do curso 2020/2021 dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 200 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do de inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.
3. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2019-2020 e do prezo da matrícula, os cales se poderán incrementar ata un 10 % para o curso 2020-2021 sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria e antes do 1 de setembro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social