Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 24 de marzo de 2020 Páx. 17223

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, articulada a través do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar das familias galegas mediante diferentes actuacións que se estruturan en tres eixos principais: axudas, servizos e recursos de conciliación.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do Programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable no cal non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial, ao tempo que se traballa sobre a dimensión socioeconómica da cuestión demográfica e se deseñan as solucións precisas para favorecer que a poboación poida ter o número de fillos/as que desexe, paliando o custo que leva aparellado a crianza e coidado dos fillos e fillas.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á universalización do primeiro ciclo de educación infantil, mellorando a accesibilidade deste recurso e constituíndo unha rede galega de centros de educación infantil 0-3 articulada e de calidade, como recurso educativo, dado que a educación e os coidados da primeira infancia constitúen o fundamento da educación e a formación das persoas e un piar esencial para o éxito en materia de aprendizaxe permanente, desenvolvemento persoal e empregabilidade futura.

Na procura deste obxectivo enmárcase a modificación operada a través da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que engade no seu artigo 23.Seis unha disposición adicional novena á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se recollen as actuacións previstas para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos/as fillos/as e sucesivos, establecendo, no seu número 5, que a consellería competente en materia de servizos sociais adoptará medidas tendentes a promover e fomentar que as entidades privadas que sexan titulares de escolas infantís de 0-3 anos, apliquen para o segundo fillo ou filla da unidade familiar e sucesivos/as unha bonificación do 100 % da contraprestación pecuniaria que teñan establecida pola atención educativa. Entre tales medidas poderá atoparse o establecemento de subvencións, sendo, nestes casos, a cargo das entidades a contía da bonificación en que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

Con esta base, ponse en marcha unha nova liña de fomento, que ten como finalidade, atendendo a razóns de impulso demográfico e de conciliación, así como de apoio ás familias galegas, favorecer o acceso á atención educativa 0-3 en condicións de equidade, promovendo que todas elas se beneficien e teñan oportunidades para mellorar ou manter a súa situación de benestar. Esta nova liña diríxese ás entidades privadas titulares de centros de educación infantil 0-3 para que bonifiquen ao 100 % o custo da atención educativa e tamén o custo da matrícula do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar, contribuíndo a cunha compensación a través dunha subvención para que a medida se poida levar a cabo.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta, en todo caso, os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas ás escolas infantís 0-3 anos de titularidade privada para promover a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2020 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020/21 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar (código de procedemento BS420C).

2. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.

Así mesmo, entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 6.500.000 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Importe

2020.13.02.312B.470.2

2020-00052

6.000.000 euros

2020.13.02.312B.481.3

2015-00477

500.000 euros

2. O crédito consignado na aplicación 2020.13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.un.t) da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

3. O crédito consignado na aplicación 2020.13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas e as de iniciativa social que non accedan á bonificación da gratuidade da atención educativa e da matrícula a través doutros programas sempre que en ambos os dous casos teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

Artigo 4. Contía da axuda

1. As axudas compensarán a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativa a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar na contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 260 euros/mes por praza a xornada completa, excluído, en todo caso, o mes de vacacións do neno ou nena.

2. Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula do curso 2020/21 dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 200 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do de inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.

3. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2019/20 e do prezo da matrícula, os cales se poderán incrementar ata un 10 % para o curso 2020/21, sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude.

4. Para os efectos do previsto nos números anteriores, desde o mes de abril de 2020, este incluído, a entidade emitirá os xustificantes mensuais de pagamento para entregaren aos suxeitos obrigados nos que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lle correspondería aboar coa lenda «prezo bonificado 100 %». Esta lenda constará igualmente nos xustificantes de matriculación do curso 2020/21. Nos supostos nos que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula será a cargo das entidades beneficiarias a contía da bonificación en que exceda a contía da subvención outorgada pola autonómica.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción das axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria e antes do 1 de setembro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.

b) Certificado de ocupación do curso 2019/20, asinado pola persoa representante legal da entidade titular do centro, no cal consten o número de prazas ocupadas á data de presentación da solicitude, indicando aquelas ocupadas por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as, e a contía do prezo que lle corresponde aboar mensualmente ás persoas obrigadas ao seu pagamento (anexo II).

c) Relación nominal de alumnado do curso 2019/20 á data de presentación da solicitude (anexo III). Para a elaboración deste documento o órgano concedente facilitaralle ás entidades beneficiarias o modelo de ficheiro en formato adecuado para xuntar coa certificación anterior.

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I farase constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) Que todos os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentos son certos.

c) Que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre os requisitos establecidos nela.

d) Que a entidade non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na cal fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa reguladora da protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración tributaria (AEAT).

g) Certificación de estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) ou, de ser o caso, no anexo IV, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección con competencias en materia de demografía e conciliación quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do dito requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria, solicitarase un informe á subdirección con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería de Política Social para os efectos de comprobación de que os centros susceptibles de subvención non fosen obxecto de sanción en materia de servizos sociais que impida a súa percepción.

6. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria serán tramitadas por un procedemento abreviado no cal o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, tendo en conta as limitacións previstas, de ser o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

7. Respecto dos expedientes nos cales concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión, deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no cal se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións nas tarifas respecto das establecidas no curso 2019/20 e/ou no número de prazas ocupadas por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as durante o período de aplicación desta convocatoria. Para estes efectos, terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida poderán ditarse resolucións complementarias pola contía que corresponda nos termos previstos no artigo 4.

b) No caso de que a contía total calculada pola certificación final de ocupación resultase inferior á concedida ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

3. As modificacións da concesión inicial realizaranse tendo en conta que a axuda por bonificación da atención educativa se calcula mensualmente, excluído o mes de vacacións. A axuda pola gratuidade da matrícula non é divisible e unicamente se xera para as prazas efectivamente ocupadas na data da certificación de ocupación para a xustificación final da axuda.

4. As resolucións complementarias están supeditadas á existencia de crédito axeitado e suficiente e á solicitude da entidade de modificación da resolución de concesión coa que achegará o certificado final de matrícula.

Artigo 14. Xustificación das axudas

1. Con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as entidades beneficiarias, deberán achegar, coa data límite do 5 de decembro de 2020, a seguinte documentación:

a) Solicitude final de pagamento (anexo IV), e de concesión complementaria nos supostos recollidos no artigo 13.2.a).

b) Certificado de ocupación do período abril-decembro de 2020 actualizado á data de presentación da xustificación (anexo II).

c) Relación nominal do alumnado do período abril-decembro 2020 (anexo III) actualizado á data de presentación da xustificación.

2. A Consellería de Política Social poderá comprobar os xustificantes que estime oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, podendo requirir á entidade beneficiaria a entrega dos resgardos dos xustificantes mensuais de pagamento e de matriculación entregados ás familias.

Artigo 15. Pagamento

As entidades beneficiarias das axudas percibirán ata o 90 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 10 % restante librarase unha vez xustificado o número de prazas ocupadas por segundos/as e sucesivos/as fillos ou fillas para os que concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde tendo en conta as modificacións que procedan de acordo co previsto no artigo anterior. A percepción destes pagamentos, en concepto de anticipo, queda exonerada da constitución de garantías.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Manter actualizados no RUEPSS todos os datos exixidos pola normativa de aplicación e, nomeadamente, as tarifas de prezos.

b) Remitir os informes e demais documentación que, no marco da actividade subvencionada, reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

c) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto dos centros subvencionados.

d) Ter a disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa de que todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil 0-3 cumpren o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

e) Conservar á disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á compensación pola bonificación do 100 % da atención educativa e do prezo da matrícula 2020/21 e os xustificantes dos recibos mensuais de pagamento asinados polos suxeitos obrigados emitidos nos termos establecidos nesta orde.

f) Asumir a contía da bonificación en que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos nos que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista no artigo 15.

d) Cando se incumpra a obriga de cofinanciamento nos supostos nos que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula.

e) Cando se incumpra a obriga de conservación dos resgardos dos recibos mensuais de pagamento asinados polos suxeitos obrigados acreditativos da bonificación do 100 % do prezo da matrícula ou pola atención educativa.

f) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa de que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

g) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano no cal se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 16, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas contempladas no artigo 16, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 19. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional primeira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2020.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file