Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 17 de marzo de 2020 Páx. 16792

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se outorgan a Hidroeléctrica de Silleda, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV de SET Cira a SET Silleda, no concello de Silleda (expediente IN407A 2015/085-4).

Feitos:

Primeiro. O 30 de abril de 2015, a empresa Hidroeléctrica de Silleda solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada liña aérea de alta tensión 66 kV de SET Cira a SET Silleda.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste nunha liña área de alta tensión a 66 kV estruturada en dous tramos A e B, que discorre polos lugares de Cira-Dornelas, Lamela, Cervaña e Escuadro, no municipio de Silleda. O tramo A, de 3.830 metros de lonxitude, inclúe tres subtramos subterráneos e o tramo B é de 7530 metros áreos.

Segundo. O 8 de febreiro de 2016, a empresa promotora achegou o estudo ambiental requirido e, o 9 de marzo de 2016, esta xefatura territorial deu traslado deste estudio á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a emisión do informe de impacto ambiental.

Terceiro. Mediante escritos do 9 de marzo de 2017, esta xefatura territorial notificou ás persoas contidas na relación de bens e dereitos afectados a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 7 de marzo de 2017, publicada nos seguintes medios:

– DOG: 4 de maio de 2017.

– BOP: 20 de abril de 2017.

– Xornal Faro de Vigo: 7 de abril de 2017.

– Taboleiro de anuncios do concello de Silleda: permaneceu exposta ao público do 20 de abril de 2017 ao 22 de maio de 2017, segundo certificado municipal do 23 de maio de 2017.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

• Oposición ao prezo dado para as parcelas que se pretende expropiar.

• Imposibilidade de continuar co aproveitamento forestal, único uso economicamente rendible, o que supón, ademais, unha diminución no valor das parcelas afectadas.

• Imposibilidade de continuar co aproveitamento agrícola, único uso economicamente rendible, o que supón, ademais, unha diminución no valor das parcelas afectadas.

• Afección da parcela por unha liña doutra empresa distribuidora de electricidade.

• Algunhas persoas alegantes solicitan planos en que se reflictan con exactitude as afeccións sobre as súas parcelas.

• Perda da totalidade do valor económico dalgunhas parcelas afectadas.

• Existencia de patrimonio natural protexido.

• Existencia de bens para efectos urbanísticos que gozan de especial protección no PXOM do Concello de Silleda.

• Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcela, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para efectos de notificacións, etc.

• Solicítase que a liña discorra soterrada para evitar o dano ao patrimonio natural.

• Solicítase a expropiación total dalgunhas das parcelas afectadas.

• Preocupación polas posibles radiacións electromagnéticas emitidas pola instalación.

• Solicítase a modificación do trazado para evitar maiores perdas económicas.

• Solicítase a avaliación de impacto ambiental simplificada.

• Oposición á declaración de utilidade pública.

• A sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A. achegou alegacións en que manifesta que o tramo proxectado de canalización soterrada que pasa pola parcela onde está situada a subestación Paizás, da súa titularidade, esgota a posibilidade de acometer posibles ampliacións requiridas para atender o servizo.

Quinto. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou á súa conformidade cos condicionados establecidos.

Sexto. O 5 de febreiro de 2018, a empresa promotora remitiu un proxecto modificado do tramo B e as modificacións ocasionadas na relación de bens e dereitos afectados, atendendo ao condicionado presentado pola Demarcación de Estadas do Estado referente á zona de protección da autoestrada AP-53 definida no PXOM de Silleda.

Sétimo. Mediante escritos do 28 de febreiro de 2018, esta xefatura territorial notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados pola modificación do tramo B.

Oitavo. A modificación do tramo B no proxecto e na relación de bens e dereitos afectados someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 28 de febreiro de 2018.

– DOG: 10 de abril de 2018.

– BOP: 3 de abril de 2018.

– Xornal Faro de Vigo: 20 de marzo de 2018.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Silleda: permaneceu exposta ao público do 3 de abril de 2018 ao 2 de maio de 2018, segundo certificado municipal do 22 de maio de 2018.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

• Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcela, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para efectos de notificacións, etc.

• Oposición ao prezo dado para as parcelas que se pretende expropiar.

• Preocupación polas posibles radiacións electromagnéticas emitidas pola instalación.

• Solicítase a expropiación total dalgunhas das parcelas afectadas.

• A parcela xa se encontraba afectada por unha liña doutra empresa distribuidora de electricidade.

• Solicítase a avaliación de impacto ambiental simplificada.

• Solicítase a modificación do trazado para evitar maiores perdas económicas.

• A imposibilidade de continuar co aproveitamento forestal, único uso economicamente rendible, o que supón, ademais, unha diminución no valor das parcelas afectadas.

Noveno. O 22 de marzo de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático requiriu á empresa promotora que realice emendas na documentación corresponde coa tramitación ambiental da instalación, facendo fincapé na proposta das medidas correctoras para eliminar o impacto sobre os elementos do patrimonio cultural existente na zona de afección e, principalmente, o impacto visual e paisaxístico que as obras previstas van causar sobre o Camiño de Santiago (Vía da Prata). Como consecuencia do requirimento, o 29 de maio de 2018, a empresa promotora remite unha modificación no trazado do tramo A do proxecto de execución e na relación de bens e dereitos afectados.

Décimo. Mediante escritos do 21 de xuño de 2018, esta xefatura territorial notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados pola modificación do tramo A.

Décimo primeiro. A modificación do tramo A no proxecto e na relación de bens e dereitos afectados someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 21 de xuño de 2018.

– DOG: 3 de agosto de 2018.

– BOP: 23 de xullo de 2018.

– Xornal Faro de Vigo: 14 de xullo de 2018.

– Taboleiro de anuncios do concello de Silleda.

Durante este trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Décimo segundo. Esta xefatura, debido a modificacións do tramo A, solicitou o preceptivo informe do Concello de Silleda. O Concello non presentou ningún informe ou condicionado no prazo establecido.

Décimo terceiro. O 16 de abril de 2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe de impacto ambiental da liña de alta tensión desde a subestación Cira ata a subestación Silleda, no concello de Silleda (Pontevedra), promovida por Hidroeléctrica de Silleda, S.L.

Décimo cuarto. Para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 11 de xullo de 2019 e o 15 de outubro de 2019 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE), respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio, non compareceu ningunha persoa interesada.

Décimo quinto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista das alegacións presentadas e da documentación existente no expediente emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables da LAT 66 kV de SET Cira a SET Silleda, para a que Hidroeléctrica de Silleda, S.L. solicita a autorización administrativa de construción, son:

• Liña de alta tensión a 66 kV desde posición 606 liña 4 reservada da subestación (SET) Paizás (Cira), de Unión Fenosa Distribución, S.A., ata a futura SET Silleda. A liña está estruturada en dous tramos:

– Tramo A, cunha lonxitude total de 4.020 metros (2.440 metros aéreo e 1.580 metros subterráneo) desde a SET de Cira ata o apoio 17.

– Tramo B, de 7.530 metros aéreos, desde o apoio 17 ao 52 (futura SET Silleda).

• O condutor aéreo é LA-180 e o subterráneo RHZ1.

• A instalación discorre polos lugares de Cira-Dornelas, Lamela, Cervaña e Escuadro, no termo municipal de Silleda.

Cuarto. Con relación ao impacto sobre os elementos do patrimonio cultural existente na zona de afección e, principalmente, o impacto visual e paisaxístico sobre o Camiño de Santiago, o informe de impacto ambiental emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 16 de abril de 2019 indica que, tendo en conta o documento ambiental do proxecto de construción e explotación da liña eléctrica de alta tensión 66 kV SET Cira-SET Silleda e da subestación 66/20 kV de Silleda de maio de 2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe onde expón que as modificacións introducidas no proxecto responden á demanda solicitada previamente, considerando suficiente mitigados os impactos paisaxísticos se se adoptan as medidas correctoras oportunas.

Quinto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, exponse o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental e afeccións ao patrimonio natural, estas foron tidas en conta no informe de impacto ambiental emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 16 de abril de 2019, en que indica que o lugar onde se localiza o proxecto non posúe ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais. Tampouco afecta zonas húmidas dos recollidos no Inventario galego de zonas humidas, nin árbores ou formacións selleiras. A zona de actuación non está incluída dentro do ámbito de propostas técnicas de zonificación de plans de conservación/recuperación de especies ameazadas, nin no ámbito de plans de recuperación ou conservación de especies protexidas. O informe destaca que as actuacións previstas son compatibles coa preservación do patrimonio cultural, natural e a biodiversidade, sempre e cando se teña en conta unha serie de medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental que deben ser observadas pola empresa promotora durante o desenvolvemento do proxecto no relativo á xestión de residuos; á integración paisaxística e restauración; á protección da atmosfera, do patrimonio cultural, do solo e infraestruturas, da fauna e da vexetación e outros valores naturais; e ao programa de vixilancia e seguimento ambiental.

2. En relación coas alegacións relativas á titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como ás compensacións, tomouse razón de todos os documentos e manifestacións achegados. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,..), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles. No que respecta ás compensacións económicas que poidan recibir as persoas afectadas pola eventual expropiación, no caso de que non se chegue a un acordo entre elas e a empresa promotora, fixaranse as compensacións no procedemento expropiador de acordo coa lexislación aplicable.

3. Nas alegacións que solicitan o cambio de trazado da liña non se concretan alternativas ao proxecto, polo que non se cumpren os requisitos para que esta xefatura territorial poida valorar diferentes alternativas á tramitada.

4. Con respecto aos bens urbanísticos protexidos no PXOM, cómpre indicar que o Concello de Silleda non achegou o seu informe tras a separata enviada por esta xefatura territorial. En todo caso, esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

5. Con relación á emisión de radiacións electromagnéticas perigosas para a saúde, cabe destacar que os estudos sobre a materia non permiten afirmar que a exposición aos campos eléctricos e magnéticos de frecuencia industrial xerados polas instalacións eléctricas de alta tensión supón un risco para a saúde. Neste tipo de instalacións non se alcanzan con esta liña os niveis establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea 1999/519/CE, do 12 de xullo de 1999, relativa á exposición ao público en xeral a campos electromagnéticos de 0 Hz a 300 GHz. En todo caso, durante a tramitación da avaliación ambiental do proxecto solicitouse informe á Dirección xeral de Saúde Pública indicando que, de cumprirse os padróns establecidos, se debería asegurar a ausencia de efectos significativos na saúde das persoas, polo que indica que non procede a realización dun estudo de avaliación do risco para a saúde do proxecto.

6. No caso concreto das alegacións presentadas pola sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A., é necesario destacar que nos planos do proxecto presentado (plano nº PL-01) non se observa que a liña soterrada no tramo A-B teña o seu trazado sobre algún edificio.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV de SET Cira a SET Silleda, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, así como as condicións indicadas no informe de impacto ambiental da liña de alta tensión desde a subestación Cira ata a subestación Silleda, emitido o 16 de abril de 2019 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren.

Pontevedra, 31 de xaneiro de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra