Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15303

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 28 de febreiro de 2020 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación en centros dependentes desta consellería en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde (código de procedemento ED010B).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición adicional sexta, punto 2, a facultade das comunidades autónomas para ordenaren a súa función pública docente no marco das súas competencias, respectando, en todo caso, as normas básicas contidas no número 1 da propia disposición.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarias, establece no seu artigo 2 que, cando unha praza docente de nivel non universitario queda vacante ou eventualmente non estea ocupada, poderá ser cuberta, en comisión de servizos de carácter voluntario, con persoal funcionario docente que reúna os requisitos para o seu desempeño.

Por Orde do 30 de abril de 2007 regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración aos seus empregados/as para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregados/as públicos/as. Por esta razón, resulta preciso proceder á aprobación dunha nova orde que regule o procedemento atendendo a obriga establecida na citada lei.

Pola súa vez, ademais de abordar a obrigatoriedade do emprego de medios electrónicos, resulta necesario modificar a anterior regulación en relación coas persoas solicitantes, os requisitos de participación, o prazo de presentación de solicitudes e a documentación que se debe presentar no procedemento. Así, a nova orde inclúe entre as persoas solicitantes o persoal laboral docente dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación dependentes doutras administracións educativas que estea en situación de servizo activo.

Así mesmo, modifícanse os requisitos para a concesión da adscrición temporal en comisión de servizos por motivos de saúde, unha vez que a distancia da localidade de destino debe ser superior a 50 km da localidade de residencia e débese solicitar no concurso xeral de traslados praza para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos, salvo en casos excepcionais que serán obxecto de avaliación pola comisión de valoración. Pola súa vez, as persoas interesadas deberán solicitar no concurso de adxudicación de destinos provisionais en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, salvo determinados centros que serán de solicitude voluntaria.

Por outra banda, simplifícase a documentación que deberá presentar a persoa solicitante, unha vez que non será necesario achegar probas médicas senón que abondará co informe médico actualizado do persoal médico de atención primaria e/ou especialista acreditativo da enfermidade/s alegada/s e, ademais, comprobaranse, de non existir oposición e cando corresponda á Xunta de Galicia a súa expedición, o grao de discapacidade do persoal docente e o grao de discapacidade e dependencia da persoa familiar, segundo o caso.

Na súa virtude, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde (código de procedemento ED010B).

Para estes efectos, considerarase que a comisión de servizos é por motivos de saúde cando:

a) Teña por finalidade adscribir persoal funcionario e laboral docente afectado por situacións que impliquen unha notoria mingua das facultades físicas, psíquicas ou sensoriais, sempre que tal diminución das súas capacidades non sexa susceptible da declaración de incapacidade permanente.

b) Existan razóns de enfermidade grave do/a cónxuxe, parella de feito ou dunha persoa familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que impliquen, con carácter xeral, un grao de discapacidade recoñecido de, polo menos, o 65 por 100, que conviva e que estea ao coidado directo da persoa solicitante.

2. Excepcionalmente, poderase autorizar a comisión de servizos por razóns de enfermidade grave dunha persoa familiar en segundo grao de consanguinidade ou afinidade cando, ademais de concorreren as circunstancias relacionadas no parágrafo anterior, non exista ningunha persoa familiar en primeiro grao ou, de existiren, estean incapacitadas para o seu coidado directo.

3. En calquera caso, esta adscrición temporal en comisión de servizos noutra localidade estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico seguinte e que lle corresponda a adxudicación dunha praza das solicitadas de acordo cos criterios establecidos na regulación da adxudicación de destinos provisionais para o curso académico que corresponda.

Artigo 2. Duración

A comisión de servizos terá a duración dun curso académico e, con carácter xeral, non poderá concederse pola mesma circunstancia máis doutros dous cursos, sexan continuados ou interrompidos.

A solicitude de prórroga deberá reunir os mesmos requisitos formais e temporais exixidos para a primeira solicitude de concesión.

Artigo 3. Persoas solicitantes

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo en réxime de comisión de servizos por motivos de saúde a distinta localidade, de ser o caso, do seu centro de destino:

a) O persoal funcionario dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación, dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que estea en situación de servizo activo, de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero.

b) O persoal laboral docente dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que estea en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero.

c) O persoal funcionario de carreira dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación dependentes doutras administracións educativas que estea en situación de servizo activo.

Artigo 4. Requisitos

1. Ter, se é o caso, destino definitivo nunha localidade a unha distancia superior a 50 km da localidade de residencia.

Poderase exceptuar este requisito cando as razóns por motivos de saúde alegadas así o aconsellen de xeito indubidable.

Tampouco será exixible este requisito a aquelas persoas que presten servizos con carácter definitivo nos centros de educación infantil, educación infantil e primaria, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros de educación especial e centros públicos integrados que teñen réxime de xornada partida.

2. Ter solicitado, de reunir os requisitos, agás casos excepcionais que serán valorados pola comisión de valoración, praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos.

Exceptuarase a obriga de ter participado no concurso de traslados cando a solicitude se fundamente en causas sobrevidas ao remate do prazo de presentación de solicitudes do concurso.

3. Con carácter xeral, dous ou máis docentes vinculados familiarmente non poderán gozar dunha adscrición temporal polo mesmo motivo, debendo renunciar, de ser o caso, un deles.

Artigo 5. Solicitudes

1. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de educación en que a persoa interesada teña destino definitivo ou provisional ou á xefatura territorial da provincia en que pretenden prestar servizos para o suposto daquelas persoas solicitantes con destino fóra da Comunidade Autónoma e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do fomulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos http://www.edu.xunta.es/cadp e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Petición a centros e/ou localidades.

As persoas interesadas deberán solicitar en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, agás os centros penitenciarios, os centros de educación permanente de adultos e os centros ordinarios en que se imparten ensinanzas de adultos e aqueles outros centros en que se imparten ensinanzas en réxime de xornada partida, que serán de solicitude voluntaria.

Poderán engadirse voluntariamente peticións a centros ou localidades que se consideren convenientes, tendo en conta que neste caso é preceptivo solicitar os centros ou localidades a que se fai referencia no parágrafo anterior.

3. Documentación que se presenta necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Informe actualizado do persoal médico de atención primaria e/ou especialista acreditativo da enfermidade/s alegada/s. Enténdese por informe actualizado o que estea emitido no ano en que se realiza a solicitude.

b) Copia da resolución administrativa de recoñecemento de grao de discapacidade do persoal docente solicitante cando non fose expedida pola Xunta de Galicia, para aquelas circunstancias en que sexa de aplicación.

No suposto de solicitude de comisión de servizos por razóns de saúde dunha persoa familiar, achegarase ademais:

a) Certificación literal ou copia do libro de familia actualizado.

b) Certificado de empadroamento colectivo da persoa solicitante.

c) Copia da resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 do/a cónxuxe, parella de feito ou da persoa familiar de primeiro/segundo grao de consanguinidade ou afinidade da persoa solicitante cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

d) Anexo II: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as circunstancias, agás os informes médicos, que deberán ser actualizados. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

b) Resolución administrativa de recoñecemento de grao de discapacidade do persoal docente solicitante cando fose expedida pola Xunta de Galicia, para aquelas circunstancias en que sexa de aplicación

No suposto de solicitude de comisión de servizos por razóns de saúde dunha persoa familiar, comprobarase ademais:

c) DNI/NIE da persoa familiar. Para estes efectos, será preciso que o/a cónxuxe, parella de feito ou persoa familiar de primeiro/segundo grao de consanguinidade ou afinidade da persoa solicitante cubra e asine o anexo II, agás no caso de menores de idade, caso en que o documento deberá ser asinado por unha das persoas proxenitoras, persoa titora ou representante legal.

d) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 do/da cónxuxe, parella de feito ou da persoa familiar de primeiro/segundo grao de consanguinidade ou afinidade da persoa solicitante cando fose expedida pola Xunta de Galicia. Para estes efectos, será preciso que o/a cónxuxe, parella de feito ou persoa familiar de primeiro/segundo grao de consanguinidade ou afinidade da persoa solicitante cubra e asine o anexo II, agás no caso de menores de idade, caso en que o documento deberá ser asinado por unha das persoas proxenitoras, persoa titora ou representante legal.

e) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de dependencia do/a cónxuxe, parella de feito ou da persoa familiar de primeiro/segundo grao de consanguinidade ou afinidade da persoa solicitante. Para estes efectos, será preciso que o/a cónxuxe, parella de feito ou persoa familiar de primeiro/segundo grao de consanguinidade ou afinidade da persoa solicitante cubra e asine o anexo II, agás no caso de menores de idade, caso en que o documento deberá ser asinado por unha das persoas proxenitoras, persoa titora ou representante legal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e no anexo II e achegar os documentos.

3. Excepcionamente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Informe

1. As unidades de persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional verificarán que as persoas solicitantes reúnen os requisitos establecidos no artigo 4 da presente orde e facilitarán á inspección médica o acceso ás solicitudes electrónicas para a análise da documentación presentada.

2. As unidades de persoal e a inspección médica da xefatura territorial poderán requirir á persoa interesada que complete a documentación presentada ou que emende os defectos desta.

3. A inspección médica da xefatura territorial onde preste os servizos efectivamente a persoa solicitante, segundo o teor da documentación presentada e/ou, de ser o caso, da comprobación de datos e de calquera outro documento ou historial clínico que puider constar nos arquivos da xefatura territorial e que se considere pertinente, así como dos recoñecementos, inspeccións ou outras circunstancias e actuacións que se consideren oportunas para acreditar a veracidade da enfermidade alegada ou da gravidade desta, emitirá o informe correspondente, que terá carácter preceptivo.

4. Para a emisión deste informe, as persoas interesadas deberán estar localizables pola inspección médica correspondente por se fose necesario completar o devandito informe ou concertar unha entrevista para apreciar mellor as circunstancias que poidan concorrer na persoa solicitante. O incumprimento desta condición pola persoa interesada poderá dar lugar á perda dos seus dereitos.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións daquelas resolucións e actos administrativos que non sexan obxecto de publicación de acordo co establecido nesta orde practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na norma reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se aceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso xeral de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Nos anos en que se convoque o concurso xeral de traslados de ámbito estatal e se resolva por corpos en distintas datas, o prazo será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do último concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comisión de valoración

Unha vez emitido o correspondente informe pola inspección médica, as solicitudes someteranse a informe preceptivo da comisión de valoración que se constituirá para o efecto na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional integrada:

– Pola persoa titular da Subdirección Xeral de Recuros Humanos ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

– Por ata un máximo de catro persoas funcionarias da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, con categoría de xefatura de servizo ou xefatura de sección.

– Un mínimo de dúas inspectoras ou inspectores médicos.

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a.

Todas elas serán designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear unha persoa representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 12. Resolución provisional e reclamacións

Unha vez sometidas as solicitudes ao informe preceptivo da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará na páxina web www.edu.xunta.gal a resolución provisoria.

Contra a dita resolución provisoria, as persoas interesadas poderán formular reclamación no prazo de cinco días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación na web.

Artigo 13. Resolución definitiva

A resolución definitiva que declare a procedencia ou improcedencia da concesión da comisión de servizos por motivos de saúde será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo da proposta da comisión de valoración, e será publicada na páxina web www.edu.xunta.gal.

A resolución pola que se declare a procedencia da comisión de servizos por motivos de saúde non implica a adxudicación de praza por este motivo no concurso de adxudicación de destinos provisionais, que estará supeditada, en todo caso, á existencia de vacante.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os cinco meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse rexeitadas por silencio administrativo.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación achegada será causa de denegación ou revogación, se é o caso, e inhabilitan para solicitar a comisión de servizos no próximo curso académico.

Contra a resolución ditada, a persoa interesada poderá formular recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Adxudicación de destino

Terán prioridade na adxudicación de destinos as comisións de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde pola situación persoal do propio persoal docente sobre o persoal docente que teña concedida a mesma comisión pola situación da persoa familiar. Pola súa vez, as comisións de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde terán prioridade na adxudicación de destinos sobre as comisións de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 15. Toma de posesión

1. A toma de posesión será a que dispoña a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nas súas normas reguladoras do comezo do curso.

2. Cando a toma de posesión coincida coa toma posesión doutro destino adxudicado por concurso de traslados, tomarase posesión e cesamento nominal deste último, para os únicos efectos da reserva do posto de traballo, incorporándose ao destino adxudicado por comisión de servizos cos efectos económicos e administrativos previstos no parágrafo anterior.

Artigo 16. Seguimento e avaliación

As comisións de servizo concedidas por motivos de saúde serán obxecto de avaliación e seguimento durante a súa pervivencia, analizando a evolución da situación que lles deu orixe, na forma que se determine.

Artigo 17. Causas sobrevidas

Os casos que poidan xurdir por causa sobrevida fóra do prazo de presentación de solicitudes establecido na presente orde e con anterioridade á adxudicación definitiva dos destinos provisionais para o curso académico dirixiranse ás xefaturas territoriais correspondentes no prazo de presentación de solicitudes extraordinario que se publicará na páxina web www.edu.xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflictirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Adscrición provisional

Para os efectos desta orde serán tratadas como comisións de servizos as adxudicacións de destino ao persoal funcionario de carreira suprimido ou en expectativa de destino, ao persoal nomeado funcionario en prácticas pendente de nomeamento como persoal funcionario de carreira, ao persoal funcionario interino e ao persoal laboral docente.

Disposición adicional terceira. Prazo de solicitude no suposto de non convocarse o concurso de traslados

Se nun curso académico non se chega a convocar o concurso de traslados entre o persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación, o prazo de solicitude será desde o 15 de abril ata o 30 de abril do ano correspondente.

Disposición adicional cuarta. Obriga de realizar dúas solicitudes

O persoal docente suprimido, desprazado, o persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, o persoal nomeado funcionario en prácticas pendente de nomeamento como persoal funcionario de carreira, e o persoal funcionario interino a que se lle conceda unha comisión de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde deberá realizar, ademais da solicitude de comisión de servizos, unha solicitude ordinaria.

Disposición transitoria única. Requisito de solicitude de prazas no concurso xeral de traslados

O artigo 4.2 desta orde en relación coa obrigatoriedade de ter solicitado praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos será de aplicación a partir do curso académico 2020/21.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 30 de abril de 2007 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B)

Modifícase o punto 2, parágrafo cuarto, do artigo 2 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B), que queda redactado como segue:

«Ao persoal docente interino que supere o procedemento selectivo noutro corpo ou noutra especialidade e que tivese concedida unha comisión de servizos por razón de saúde non lle será tramitada esta solicitude. No entanto, empregarase a solicitude ordinaria de participación que está obrigado a formular este persoal logo de superar o procedemento selectivo, excepto a parte relativa á participación forzosa por provincias, para participar ademais cunha solicitude de comisión de servizos de saúde».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file