Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15323

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2020 de modificación da composición do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

O presidente do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo enviou o día 13 de febreiro de 2020 un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde no que comunica a renuncia de tres persoas como membros do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e asemade propón o nomeamento doutras dúas como novos membros do citado órgano.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 6 de febreiro de 2018, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 14 de febreiro de 2018, se concedeu a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo, se estableceu a súa sede e se nomearon como membros ás persoas que se relacionaban no seu anexo.

Entre as persoas que se relacionaban no anexo figuraban Cristina Márquez Riveras, Sandra Vidal Martínez e Rosa Ana Castelo Domínguez; todas elas renuncian agora á súa condición de membro do comité.

O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia, ou órgano que o substitúa.

Consideracións legais e técnicas.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo, en todo caso, a representación equilibrada entre homes e mulleres».

O punto 7 do artigo 5 dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo audiencia do/a interesado/a».

Acerca da composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos, e coa vontade de mantela así, propúxose o nomeamento de Eva Marcos Doldán, pertencente á Subdirección Xeral de Sistema e Tecnoloxías da Información, e de Catalina Caamaño Isorna pertencente á Area Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou o xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Cristina Márquez Riveras, Sandra Vidal Martínez e Rosa Ana Castelo Domínguez como membros do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Así mesmo, o nomeamento de Eva Marcos Doldán e de Catalina Caamaño Isorna como membro do citado comité.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade