Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 3 de marzo de 2020 Páx. 14530

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de febreiro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución de 12 de febreiro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Veiga de Lomear, Veiga, Gralleira e Fachado e Veiga de Arriba e Veiga de Abaixo, no concello de Calvos de Randín.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Veiga de Lomear, Veiga, Gralleira e Fachado e Veiga de Arriba e Veiga de Abaixo, no concello de Calvos de Randín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 25 de febreiro de 2019 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural en Ourense (nº 644/rx 405790) un escrito do Xulgado de Paz de Calvos de Randín co que se achegaban copias compulsadas dun acto de conciliación celebrado o día 8 de novembro de 2018 entre as comunidades propietarias dos montes veciñais en man común de Veiga de Lomear, Veiga, Gralleira e Fachado, Veiga de Arriba e Veiga de Abaixo, no concello de Calvos de Randín.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 27 de marzo de 2019 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado non afecta outros montes veciñais en man común, e de acordo coa documentación achegada está perfectamente definido mediante a planimetría, descrición escrita e coordenadas UTM de todos os vértices que conforman as liñas poligonais abertas que definen os límites en cuestión.

O deslindamento realizado non modifica os lindeiros que figuran nos respectivos acordos de clasificación e as descrición que constan nas carpetas fichas dos expedientes.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común acordou por unanimidade o día 6 de novembro de 2019:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos montes veciñais en man común de Veiga de Lomear, Veiga, Gralleira e Fachado e Veiga de Arriba e Veiga de Abaixo, no concello de Calvos de Randín, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 27 de marzo de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de febreiro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense