Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 2 de marzo de 2020 Páx. 14268

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 13 de febreiro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de febreiro de 2020 relativa á revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, no concello de Bande.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común adoptou o seguinte acordo, baseándose nos feitos e consideracións legais que a seguir se expoñen:

Feitos:

Primeiro. Con data do 24 de outubro de 2017, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Comba presentou un escrito no rexistro da oficina agracia comarcal de Bande (número 787/2611642) no cal solicita que se realice unha revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común na zona de Currás.

Coa solicitude achegou planos e documentación descritiva das parcelas.

Segundo. O Servizo de Montes elaborou unha proposta de revisión con data do 31 de xullo de 2019 na cal fai constar os seguintes aspectos:

A revisión do esbozo realízase soamente dunha parte dos montes que integran o monte veciñal en man común Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, concretamente no predio denominado Currás.

Tendo en conta as superficies catastrais destas parcelas, resulta unha superficie total para o predio denominado Currás de 3,24 ha.

Con esta revisión parcial do esbozo, as estremas xerais que constan no acordo de clasificación non varían, e tendo en conta as características dos planos de clasificación non se considera tampouco que varíe a súa superficie.

Consideracións legais y técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de acordo coa proposta do Servizo de Montes do 31 de xullo de 2019, acordou por unanimidade o día 6 de novembro de 2019:

Aprobar a proposta de revisión da cartografía do monte veciñal en man común Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, no concello de Bande.

Ourense, 13 de febreiro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense