Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 27 de febreiro de 2020 Páx. 13745

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga (Pontevedra).

O Concello de Valga, segundo o acordo plenario do 25 de novembro de 2019, solicita a incoación do procedemento de declaración de ben de interese cultural para a liña de vagonetas e embarcadoiro pertencente á antiga industria cerámica Novo y Sierra, localizados na parroquia de Santa Cristina de Campaña, ao ser un ben do patrimonio industrial de Galicia único na súa natureza.

Tendo en conta que a Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural, e en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Tendo en conta o contido da información achegada e o informe dos servizos técnicos desta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que conclúen que a instalación do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra constitúe o único exemplo desta tipoloxía (a do transporte aéreo de materiais) que pode ser conservado, dunha tipoloxía industrial moi presente e relevante en Galicia, a da produción cerámica, e tomando en consideración a súa orixe en 1927, fan que sexa un exemplo único na Comunidade Autónoma, do cal existiron outros exemplos que non se conservan.

Tomando en consideración o establecido no artigo 103 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que recolle que integran o patrimonio industrial os bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico.

E, á vista do recollido no artigo 104 da Lei 5/2016 dita, no cal se indica que se presume que concorre un significativo valor industrial, para a súa inclusión neste capítulo, nos seguintes bens, sempre que sexan anteriores a 1936, tanto para instalacións, lugares e paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e de explotación dos recursos naturais como para as mostras singulares da arquitectura de ferro, incluídos os mercados, pontes e viadutos.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 11 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, en resposta á petición motivada do Concello de Valga e segundo o establecido no artigo 16 e seguintes da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural o funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga (Pontevedra), conforme o descrito no anexo desta resolución e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

Descrición do ben

1. Denominación:

Funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra, tamén denominado antiga liña aérea de vagonetas e embarcadoiro Novo y Sierra.

2. Localización:

• Concello: Valga (Pontevedra).

• Parroquia: Santa Cristina de Campaña.

• Coordenadas UTM ETR89 fuso 29.

Elemento

Denominación

X

Y

A

Embarcadoiro

526.449

4.728.852

B

Torre 7

526.458

4.728.845

C

Torre 6

526.474

4.728.825

D

Torre 5

526.501

4.728.796

E

Torre 4

526.534

4.728.761

F

Torre 3

526.668

4.728.632

G

Torre 2

526.722

4.728.590

H

Torre 1

526.745

4.728.544

• Referencias catastrais:

– Torre 1: 36056A006006510000AQ.

– Torre 2: 36056A006006370000AZ.

– Torre 3: 36056A006006260000AK.

– Torres 4, restos das torres 5, 6, 7 e embarcadoiro: 36056A006005950000AO.

3. Descrición xeral.

• Descrición histórica.

A orixe da actividade industrial que deu orixe ao transporte de vagonetas localízase na Gándara de Campaña, onde contra 1921 se instalaría unha primeira casa para cocer tella e ladrillo, nunha zona en que xa existían barreiras que se viñan empregando, cando menos desde o século XVIII. Esta primeira empresa sería cedida a empresarios cesureños dedicados ao comercio de ultramarinos xa en 1923, Escudero & Cía, cos socios de Novo y Sierra que, ademais, solicitarían o permiso de explotación de caolín e arxila da sociedade anterior e doutros terreos dos veciños de Campaña.

Esta empresa tería xa unha industrialización precoz co uso de enerxía mecánica de vapor, gas e electricidade, fornos de cocción continua, secado de pezas con vapor... que lle permitirían acadar unha posición destacada entre as máis importantes desta industria en Galicia.

Nestas condicións, a instalación dun transporte inmediato entre o lugar de produción e aprovisionamento resultaba un instrumento máis para a eficacia dos traballos, polo que en 1927 consta a solicitude de autorización para construír o embarcadoiro e un sistema funicular de transporte dos materiais ata el, desde as barreiras da mina Mercedes, como sería coñecida desde aquela, e que posteriormente se ampliaría a outros xacementos próximos.

As modernizacións serían continuas e permitirían duplicar o volume de produción:

• 1930: muíño de vapor de dúas rodas.

• 1941: ampliación das cámaras do forno.

• 1963: instalación dun secadoiro automático de 120 m de longo e dun forno de túnel de fuel.

• 1964: novos secadoiros para pezas crúas cunha cheminea de 50 m para evitar a contaminación local.

• 1990: instalación de fábrica de coxeración eléctrica cos ciclos de recuperación propios.

A empresa introduciu tamén novidades técnicas en materiais de construción, pero a calidade do material empregado requiría de altos consumos de combustible polas maiores temperaturas de cocción precisas. Nunha situación de competencia de materiais foráneos máis económicos, a empresa deixa a produción en 2009, e grande parte dos terreos están ocupados na actualidade por outras firmas industriais.

Durante os seus máis de oitenta anos de funcionamento, a instalación funicular permitiu unha situación de vantaxe no manexo e transporte de grandes volumes de material. Este sistema, que xa fora usado nas minas de Silvarosa en Viveiro, adaptouse en Valga para o transporte bidireccional optimizando aínda máis os seus recursos.

• Descrición formal.

A antiga liña aérea de vagonetas e embarcadoiro están situadas no lugar de Campaña e conectaban a mina Mercedes, a antiga fábrica de cerámica Novo y Sierra e o porto no río Ulla. Da totalidade da liña existente, na actualidade, os restos conservados limítanse ao tramo comprendido entre a vía ferroviaria e o río Ulla. Conforman un total de oito elementos principais: sete torres (catro delas completas) e unha zona de embarcadoiro.

As torres de celosía metálica segundo o sistema alemán Bleichert, no cal dous cables permiten a circulación pechada de ida e volta combinando a suspensión e o percorrido por carrís dunhas vagonetas capaces de transportar máis de 300 kg. Este sistema construtivo modular permite variar facilmente a largura e altura das torres para adaptalas ás necesidades xeográficas. As torres dispóñense no terreo sobre alicerces construídos para o efecto co propio material cerámico, e sobresaen parcialmente do nivel das terras. Das conservadas, a altura varía entre os 5 e os 7 m e a base entre os 1,5 e 3,5 m de lado.

A zona de embarcadoiro mantén o sistema estrutural de soporte de material cerámico, de forma poligonal cara ao río Ulla, cun piar central que sostería a última das rodas do sistema de xiro. Na actualidade perdeu a estrutura metálica que albergaría as rodas metálicas para o xiro das vagonetas de carga.

4. Estado de conservación.

O estado de conservación é moi precario. Do conxunto da instalación apenas se conserva o resto de sete das torres do sistema de transporte funicular, con diferente grao de integridade, e a parte do embarcadoiro construída con material cerámico. A estrutura das torres da 1 á 4 consérvase coa maior parte dos seus elementos principais de sustentación e aparentemente estables e sen risco ou ameaza de derruba, mentres que nas 5, 6 e 7 apenas se conservan os alicerces e a parte inferior. Así mesmo, existe material relacionado coa instalación, como rodas e outros elementos metálicos, dispersos pola parcela, algúns deles de grandes dimensións.

Non se conservan elementos asociados ao sistema de impulsión nin de suspensión do transporte, ou, cando menos, non se teñen identificado na documentación consultada.

Os elementos metálicos atópanse completamente afectados pola oxidación e, nalgúns casos, danados polo crecemento da vexetación.

A actividade de extracción e de elaboración de material cerámico xa cesou, ben que os ámbitos extractivos na actualidade están en proceso de reintegración ambiental e constitúen espazos de valor natural e paisaxístico. Entre o ámbito máis próximo ao Ulla e as zonas de extracción discorre o trazado ferroviario, así como as principais estradas de comunicación. Como consecuencia desta posición estratéxica, tense densenvolvido unha intensa actividade industrial e na actualidade existen instalacións en funcionamento que, aínda que non responden a industrias de carácter histórico, si testemuñan o pulo orixinado polo mercado da arxila e dos materiais cerámicos.

5. Valoración cultural.

Segundo o establecido no artigo 103 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), integran o patrimonio industrial os bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos cales se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade, e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico.

O dito artigo tamén indica que o patrimonio industrial forma parte do patrimonio cultural de Galicia e os bens que o integran son expoñentes característicos da historia social, técnica e económica de Galicia.

No artigo 104 da LPCG indícase que se presume que concorre un significativo valor industrial, para a súa inclusión neste capítulo, nos seguintes bens, sempre que sexan anteriores a 1936, tanto para instalacións, lugares e paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e de explotación dos recursos naturais como para as mostras singulares da arquitectura de ferro, incluídos os mercados, pontes e viadutos.

A información achegada, a instalación de funicular de transporte aéreo de materiais da empresa Novo y Sierra, constitúe o único exemplo desta tipoloxía (a do transporte aéreo de materiais) que pode ser conservado, dunha tipoloxía industrial moi presente e relevante en Galicia, a da produción cerámica, tamén especialmente no baixo Ulla.

A súa orixe en 1927 e o uso de celosía metálica aínda conservada fan que sexa un exemplo único na Comunidade Autónoma, e do cal existiron outros exemplos que non se conservan (minas de ferro da Silvarosa en Viveiro ou do Freixo en Monforte de Lemos). O uso de sistemas de suspensión que supoñían unha tecnoloxía avanzada para a época permitía posicionar a industria de referencia en mellores condicións polos rendementos en tempo e volume de material transportado, o que favorecía dar resposta aos requirimentos de material de construción relacionados cos primeiros desenvolvementos e alargas urbanas de Galicia.

Así mesmo, aínda que o material producido coa materia prima local era principalmente empregado para a construción, a instalación permitía un percorrido de ida e volta que facilitaba o seu funcionamento, coa importación de materia prima de mellor calidade do Salnés e O Rosal, para o conxunto da industria desta comarca, intensamente estendida pola ría de Arousa.

6. Usos.

Na actualidade a actividade que orixinou a instalación cesou e o propio estado de conservación impide o seu uso. Estímase que a recuperación de uso para o transporte pode estar condicionado polas necesarias garantías de seguridade e as normativas actuais.

Malia iso, estímase que as actuacións dirixidas ao coñecemento do ben, da natureza da actividade que as orixinou e a interpretación do contexto histórico e social da súa evolución e perda poden ser compatibles coa rehabilitación ou instalacións complementarias para o lecer, a práctica deportiva e outras de carácter público e comunitario, sen perder en ningún caso a súa potencialidade como ferramenta didáctica.

7. Réxime de protección e salvagarda provisional.

A resolución de incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural o inmoble determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura e Turismo e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

– Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

– Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Delimitación e contorno de protección.

• Identificacións dos bens.

O ámbito en que se localiza o tramo conservado e a continuidade do seu trazado ata o lugar en que se extraían e depositaban os materiais está recollido no PXOM aprobado definitivamente o15.10.2010. As sete torres e o embarcadoiro que forman o actual conxunto están localizadas nas parcelas catastrais 36056A006006510000AQ, 36056A006006260000AK 36056A006006370000AZ e 36056A006005950000AO.

A declaración do ben proposto, por tanto, corresponde con oito elementos integrantes, as sete torres conservadas neste tramo e o embarcadoiro.

Segundo a localización indicada, no referido ao embarcadoiro, corresponderá coa totalidade das estruturas de defensa e pavimentación, mentres que para o caso das torres con todos os seus elementos estruturais, incluídos os alicerces, e un metro de terreo en toda a súa contorna desde a súa máxima proxección.

Identifícase este ámbito no plano cos puntos vermellos do plano anexo entre o A que corresponde ao embarcadoiro e o H que corresponde á torre 1.

• Contorno de protección.

O contorno de protección corresponde cunha franxa de terreo limitado polo sur polo trazado ferroviario existente e as súas zonas de protección, e polo norte polo ámbito que cara ao mar limita a zona arqueolóxica preventiva dos achados do leito do río Ulla (GA36056-ACH003). Polo leste e o oeste empréganse os trazados dos camiños e regos que conforman a estrutura do territorio máis próximo.

Non se considera precisa unha maior extensión dada a natureza do ben, así como da propia clasificación urbanística de toda a franxa costeira, xa clasificada como solos rústicos de especial protección da costa e dos espazos naturais.

Identifícase este ámbito no plano cunha liña descontinua amarela que corresponde co contorno de protección.

9. Plano coa delimitación do ben e o seu contorno de protección.

missing image file