Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 27 de febreiro de 2020 Páx. 13755

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 31 de decembro de 2019 dos premios Talento Mozo Galicia, ao abeiro da Orde do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Mediante a Orde do 10 de outubro de 2019 (DOG nº 200, do 21 de outubro), establecéronse as bases reguladoras dos premios Talento Mozo Galicia e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2019.

De conformidade co artigo 15 da citada orde, o órgano competente para resolver é a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Así mesmo, o artigo 18 da mesma orde establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 31 de decembro de 2019, ditada no procedemento BS327A, dos premios Talento Mozo Galicia, ao abeiro da Orde do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 31 de decembro de 2019 que finaliza este procedemento esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación a través desta publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través desta publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

ANEXO

Resolución dos premios Talento Mozo Galicia, ditada no procedemento BS327A, ao abeiro da Orde do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Pola Orde do 10 de outubro de 2019 (DOG nº 200, do 21 de outubro) establecéronse as bases reguladoras dos premios Talento Mozo Galicia e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2019.

O artigo 13 da orde de convocatoria prevé a constitución dun xurado para o exame e valoración dos expedientes, designado para o efecto por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que será quen desempeñe a súa presidencia.

O artigo 12 da orde sinala que o órgano instrutor do procedemento é o Instituto da Xuventude de Galicia. De acordo co citado artigo, unha vez completos os expedientes, o Instituto da Xuventude de Galicia remitiu ao xurado as candidaturas en cada unha das modalidades para a súa valoración, conforme os criterios recollidos no artigo 14.

O día 10 de decembro, o xurado emitiu o informe proposta de candidaturas premiadas para cada unha das modalidades, de acordo co prescrito no artigo 14 da orde reguladora.

Con base no anterior e conforme o sinalado no artigo 15 da orde, á vista do expediente e do informe-valoración do xurado, o día 11 de decembro o Instituto da Xuventude de Galicia, como órgano instrutor do procedemento, propuxo que se resolvese a 1ª convocatoria dos premios Talento Mozo Galicia 2019 nos termos propostos polo xurado.

Á vista do exposto, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e atribuída a competencia para resolver, por delegación da conselleira de Política Social, segundo o disposto no artigo 15 e na disposición derradeira primeira da orde de convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder os premios da primeira convocatoria dos premios Talento Mozo Galicia ás seguintes candidaturas:

Na modalidade de Ciencia a Christian Vidal Vides (expediente 49/2019), dado que o transcurso da súa traxectoria científica representa un alto grao de innovación e orixinalidade e gran calidade, con investigacións en entidades tanto nacionais como internacionais, formándose e achegando valor investigador no eido tanto da química orgánica sintética como na química organometálica, sendo un investigador mozo que destacou pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X.

O seu curriculum vitae é exemplo de grao de excelencia e de éxito, como traxectoria no ámbito da investigación científica premiada, con bolsa e con alto impacto nas súas publicacións (índice h=14). Trátase dunha persoa que traballa de forma colaborativa sendo o vínculo de unión entre universidades de referencia a nivel mundial e empresas, o que lle dá cualidades como investigador que inicia procesos de transferencia ao eido empresarial.

Con todo isto, tanto a nivel investigador como no marco das liñas de investigación do seu grupo de investigación, podemos concluír que a súa traxectoria no ámbito da investigación científica é excelente; ademais, a súa liña de traballo enmárcase nun campo novidoso e que terá un gran impacto na mellora da saúde das persoas.

Na modalidade de Rural a Paula Rodríguez Villamayor (expediente 94/2019), por ser a candidata que representa unha importante traxectoria na profundización do coñecemento no eido da cunicultura, contribuíndo a mellorar as producións e a converter o medio rural nun espazo de oportunidades e de dinamización económica, incidindo positivamente na fixación de poboación neste ámbito.

Na modalidade de Deporte a Ana Peleteiro Brión (expediente 39/2019), como candidata que mellor representa e reúne na súa traxectoria a excelencia no ámbito deportivo, un maior impacto positivo entre a sociedade e cun gran efecto multiplicador entre a xuventude. Tamén é a candidatura que ten unha indubidable consideración como exemplo de éxito e de carreira deportiva de traballo e superación. A súa traxectoria, as múltiples distincións recibidas e o seu palmarés tanto nacional como internacional así o acreditan (récords, campionatos e medallas ao máis alto nivel de competición).

Na modalidade de Empresa a Jorge López Rodríguez (expediente 85/2019), dado que se trata do proxecto con maior grao de innovación e orixinalidade así como o que se considera con maior potencial de crecemento e por tanto de producir melloras no tecido produtivo galego e na creación de emprego.

Ten unha considerable relevancia no seu ámbito, é un proxecto real e sustentable, respectuoso co medio e o que mellor pode ser considerado como exemplo de éxito no ámbito do emprendemento ou xeración de emprego de entre todos os presentados.

Na modalidade de Cultura e Creación a Sara Donoso Calvo (expediente 15/2019), en atención á súa traxectoria marcada pola constancia e pola excelencia e á súa consideración como exemplo de éxito, que combina unha dobre formación académica (graduada en Belas Artes e doutora en Historia da Arte), completando a súa formación en crítica e en xestión con dous mestrados e por desenvolver proxectos en múltiples áreas de traballo dentro do ámbito da cultura contemporánea, facendo comisariado, crítica, investigación, divulgación, xestión cultural, comunicación, educación, etc.; poñendo en valor a arte contemporánea, apostando especialmente polos novos valores galegos e facendo da xestión cultural un ámbito transversal de coñecemento e investigación e como recoñecemento do labor das persoas que desenvolven o seu traballo no eido do comisariado, da crítica e da xestión cultural, e a posta en valor de perfís profesionais que tamén son importantes no ecosistema da cultura contemporánea, trazando pontes e xerando escenarios para a creación.

Segundo. As persoas premiadas deberán cumprir coas obrigas previstas no artigo 17 da Orde do 10 de outubro de 2019.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente un recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. A publicación desta resolución producirá os efectos de notificación, nos termos establecidos no artigo 18 da Orde do 10 de outubro de 2019 e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2019. A conselleira de Política Social. P.D. Artigo 15.2 da Orde do 10.10.2019; DOG nº 200, do 21 de abril. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Cristina Pichel Toimil