Olivia Díez Lindín dirixe escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, o día 30 de xaneiro de 2020 mediante o que comunica a súa renuncia como membro do Consello de Bioética de Galicia.
Antecedentes.
A Orde do 16 de outubro de 2015 pola que se regulan as funcións, a composición e o funcionamento do Consello de Bioética de Galicia foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia do día 27 de outubro.
Mediante a Orde do 16 de novembro de 2015 nomeáronse os membros integrantes do Consello de Bioética de Galicia (DOG do 23 de novembro), entre os cales figuraba como membro a citada Olivia Díez Lindín.
Consideracións legais e técnicas.
De conformidade co parágrafo II do número 1 do artigo 3 da Orde do 16 de outubro de 2015, «Os membros do Consello de Bioética de Galicia serán nomeados e cesados pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade por un período de tres anos, prorrogables por outro período de igual duración. Tanto o nomeamento como o cesamento serán publicados no Diario Oficial de Galicia».
O artigo 8 establece que unha das causas de cesamento dos membros do Consello é «a renuncia expresa presentada por escrito ante a persoa titular da Presidencia do Consello».
Pola súa banda, no que atinxe á súa composición numérica, segundo dispón o referido número 1 do artigo 3 da orde, «O Consello de Bioética de Galicia estará integrado por un máximo de vinte membros, que deberán dispor de titulación en Ciencias da Saúde, Humanidades ou Ciencias Xurídicas e Sociais. Polo menos a metade deles deberá ter formación en bioética».
Na actualidade, a composición do Consello axústase ao citado tope numérico.
Logo de ver o que se expuxo,
ACORDO:
O cesamento de Olivia Díez Lindín, por petición propia, como membro do Consello de Bioética de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020
Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade