Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2020 Páx. 12449

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2020 pola que se convoca un proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo do grupo II, na categoría de técnico/a medio de Prevención de Riscos Laborais polo sistema de promoción interna.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 30 de novembro de 2017 (DOG do 12 de decembro) pola que se aprobou a oferta pública de emprego (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2017, esta reitoría en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro) do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso na categoría de técnico/a medio de Prevención de Riscos Laborais, polo sistema de promoción interna, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir unha (1) praza de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a medio de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo, grupo II polo sistema de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas relaciónase no anexo II.

1.4. Ao presente proceso selectivo aplicaráselle a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (EBEP), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG), o vixente II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, os estatutos da Universidade de Vigo e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio Exeria, Campus de Vigo). Todos eles publicaranse con efectos puramente informativos na seguinte páxina electrónica: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo.

1.6. Para os efectos de información e consultas as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.es e por teléfono ao número 986 81 35 79.

2. Requisitos.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e estar prestando servizos nela con carácter definitivo, en adscrición provisional ou noutra situación con dereito a reserva de praza.

b) Non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes o título universitario de grao, diplomatura universitaria, enxeñería técnica, arquitectura técnica ou título declarado equivalente a algún dos anteriores. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

d) Estar en posesión ou en condicións de obter na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes algunha das seguintes titulacións, ou telas oficialmente recoñecidas ou homologadas:

1º. Título de formación profesional de técnico superior en Prevención de Riscos Profesionais.

2º. Estar en posesión da formación mínima para o desempeño de funcións de nivel intermedio, co contido especificado no programa ao que se refire o anexo V do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, nas condicións establecidas no artigo 36.2 do devandito real decreto.

e) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía.

g) Pertencer a unha categoría distinta á da praza ofertada nesta convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. Para participar nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo > Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio Exeria, Campus Universitario, 36310 Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. Os aspirantes que superen o primeiro exercicio da oposición deberán presentar nos lugares indicados na base 3.2 unha relación dos méritos alegados para a fase de concurso xunto coa documentación xustificativa, no prazo de 10 días hábiles a partir da publicación do acordo do tribunal coa cualificación do dito exercicio. Os méritos valoraranse por referencia á data de publicación desta convocatoria no DOG e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados. A acreditación farase do seguinte xeito:

a) A antigüidade acreditaranse mediante certificación expedida de oficio pola Universidade de Vigo unicamente para as persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio; o orixinal remitirase ao tribunal e unha copia á persoa interesada.

b) A formación acreditarase mediante copia do título, diploma ou certificación correspondente en que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG, aprobando a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, indicando o lugar en que se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderanse implícita na resolución da reitoría, que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o seu decaemento de todos os dereitos que se puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A reitoría publicará nos lugares indicados na base 1.5 a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente/a e o secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus membros.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puideran xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que estime pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ca o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidades que soliciten na forma prevista na base 3.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá a aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano que convoca ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Para os efectos de comunicacións o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria, podendo dirixirse polas canles sinaladas na base 1.6.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Q, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro de 2019 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal, e de ser o caso, do persoal colaborador en orde ao seu correcto desenvolvemento; en caso contrario poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no DOG, sen contar o mes de agosto.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 1.5 con un mes de antelación e non se realizará antes do 1 de abril de 2020.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal, no lugar ou lugares onde se realizase o anterior, e ademais nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de 2 días á data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares previstos na base 1.5. Só se valorarán os méritos presentados en prazo e correctamente acreditados, sendo responsabilidade exclusiva de cada aspirante verificar a correspondente documentación.

6.7. Tras cada exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas na páxina electrónica indicada na base 1.5.

7. Cualificacións.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares previstos na base 1.5, a relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte á realización do primeiro exercicio para presentar reclamacións contra as preguntas. Así mesmo, disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións dese e dos restantes exercicios, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a listaxe coa valoración provisional da fase de concurso, detallada para cada un dos epígrafes que se relacionan no anexo I, que irá acompañada da relación das persoas aspirantes que superasen a fase de oposición, ordenadas pola puntuación final obtida, indicando a puntuación de cada exercicio. Disporase de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación para presentar reclamacións.

7.4. Resoltas as reclamacións, a presidencia do tribunal publicará as puntuacións definitivas da fase de concurso e elevará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida. A continuación a reitoría ditará e publicará unha resolución poñendo fin ao proceso selectivo.

7.5. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: segundo e primeiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.6. Finalizado o proceso selectivo, para os efectos de configurar unha listaxe de agarda para atender as necesidades de persoal que poidan xurdir, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elevará ao reitor unha lista ordenada daqueles aspirantes que, sen ter superado as correspondentes probas selectivas superasen, cando menos, un dos exercicios obrigatorios e eliminatorios.

8. Presentación de documentos e formalización do contrato.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.4, as persoas propostas disporán dun prazo de 20 días hábiles para presentar no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención del título, acompañando o xustificante xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada da titulación prevista na letra d) da base 2.

c) Informe do servizo público de saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen faga valer a súa condición de persoa con discapacidade, deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, as persoas aspirantes formalizarán un contrato de traballo, no cal se considerará un período de proba de 3 meses, transcorrido o cal e de telo superado satisfactoriamente, adquirirán a condición de persoal laboral fixo.

Estarán exentos do período de proba quen teña desempeñado a mesma categoría e funcións na Universidade de Vigo por un período igual ou superior ao que corresponda.

8.3. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non se presenta a documentación ou do seu exame se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Neste caso ou no de non superar o período de proba, o posto adxudicarase á seguinte persoa candidata.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan á Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e se conservarán durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, sexan excluídas do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo no rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos.

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude directamente á delegada de protección de datos do responsable: Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas, s/n, 32004, Ourense (España), 988 36 88 34, dpd@uvigo.gal.

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 4 de febreiro de 2020

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

A/Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de dispositivo, material nin recurso en ningún formato.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 120 preguntas con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, acerca das materias do programa. Cualificarase cun máximo de 40 puntos, sendo necesario obter 20 puntos para superalo.

O tempo de realización será de 130 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 8 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Segundo. De carácter práctico, escrito e eliminatorio. Consistirá en resolver un ou varios supostos prácticos, relativos ao programa. Cualificarase cun máximo de 45 puntos, sendo necesario obter 22,5 puntos para superalo.

Disporase de 180 minutos. Valoraranse os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición.

B/Fase de concurso.

1. Antigüidade na Universidade de Vigo: ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,093 por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados en calquera categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción.

2. Formación: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá achegarse o programa académico ou a guía docente da materia correspondente ao curso no que se superara, indicando o contido e a duración en horas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De 100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido refire directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, so se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

ANEXO II

Programa

1. Lei de prevención de riscos laborais 31/1995, do 8 de novembro (I). A súa posterior modificación na Lei 54/2003, do 12 de decembro. Obxecto, ámbito de aplicación e definicións. Política en materia de prevención de riscos para protexer a seguridade e a saúde no traballo. Política de prevención de riscos laborais da Universidade de Vigo. Organismos internacionais, europeos e nacionais en materia de prevención de riscos laborais.

2. Lei de prevención de riscos laborais 31/1995 (II). Dereitos e obrigas en materia de prevención de riscos laborais. Protección da maternidade na Universidade de Vigo. Consulta e participación do persoal traballador. Comunicación, participación e consulta na Universidade de Vigo. Obrigas dos fabricantes importadores e subministradores. Responsabilidades e sancións.

3. Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención (I). Integración da actividade preventiva na empresa. Plan de prevención de riscos laborais. Sistema de xestión da prevención na Universidade de Vigo.

4. Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención (II). Avaliación de riscos e planificación da actividade preventiva. Identificación de perigos e avaliación de riscos na Universidade de Vigo. Organización dos recursos para as actividades preventivas. Modalidade preventiva da Universidade de Vigo. Acreditación de entidades especializadas como servizos de prevención alleos ás empresas. Auditorías. A vixilancia e o control da saúde do persoal traballador. Colaboración co sistema nacional de saúde.

5. Real decreto 486/1997, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e de saúde nos lugares de traballo. Guía técnica para avaliar e previr os riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

6. Sinalización de seguridade: conceptos e requisitos. Real decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas en materia de sinalización de seguridade e de saúde no traballo. Guía técnica sobre sinalización de seguridade e de saúde no traballo.

7. Protección colectiva e individual. Equipamentos de protección individual (EPI). Concepto e clasificación. Selección, utilización e mantemento. Condicións mínimas que deben cumprir os EPI. Implantación do uso dos equipamentos de protección individual. Obrigas. Comercialización. Xestión e utilización dos EPI na Universidade de Vigo.

8. Condicións de traballo e de saúde. Perigo, dano e risco. Factores de risco. O risco laboral. Danos derivados do traballo. Definicións de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Accidente en acto de servizo. Xestión dos incidentes na Universidade de Vigo: notificación interna e notificación oficial de accidentes. No caso de accidente, onde debe acudir o persoal da Universidade de Vigo. Real decreto 1299/2006, do 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen criterios para a súa notificación e rexistro: cualificación das enfermidades profesionais. Elaboración e tramitación dos partes de enfermidade profesional. Comunicación de enfermidades que se poderían cualificar como profesionais. Grupos de enfermidades profesionais.

9. Disciplinas preventivas. Seguridade no traballo: concepto e técnicas de seguridade. Inspeccións de seguridade. Hixiene industrial: conceptos e criterios de valoración do risco hixiénico. Riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo: prevención e protección. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada: concepto e funcións. Medicina do traballo: concepto e funcións.

10. O traballo con pantallas de visualización de datos: Real decreto 488/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e de saúde relativas ao traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización. Guía técnica. Avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización de equipos con pantallas de visualización de datos. Problemas de saúde asociados ao traballo con PVD.

11. Desenvolvemento do artigo 24 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, en materia de coordinación de actividades. Concorrencia de persoas traballadoras e medios de coordinación. Xestión da coordinación de actividades empresariais na Universidade de Vigo.

12. Seguridade e saúde nas obras de construción. Real decreto 1627/1997, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e de saúde nas obras de construción.

13. Real decreto 1215/1997, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e de saúde para utilizar o persoal traballador dos equipos de traballo. Disposicións mínimas aplicables aos equipamentos de traballo. Disposicións relativas á utilización dos equipamentos de traballo. Control dos equipamentos de traballo na Universidade de Vigo: xestión e uso.

14. Máquinas. Certificación das máquinas. Procedementos de certificación de conformidade. A declaración CE de conformidade. Organismos de control notificados.

15. Atmosferas explosivas. Concepto. Prevención e protección fronte a explosións. Avaliación dos riscos de explosión. Áreas en que se poden formar atmosferas explosivas. Clasificación. Medidas de protección contra as explosións. Criterios para elixir os aparellos e o sistema de protección.

16. Radiacións ionizantes: tipos de radiacións ionizantes. Magnitudes e unidades. Efectos. Límite de dose para o persoal traballador exposto. Protección especial durante o embarazo e a lactación. Exposición especialmente autorizada. Principios de protección do persoal traballador. Clasificación de zonas. Requisitos das zonas. Vixilancia sanitaria do persoal traballador exposto. Sinalización das zonas.

17. Radiacións electromagnéticas. Espectro electromagnético. Radiación ultravioleta. Radiación visible. Radiación infravermella. Microondas e radiofrecuencias. Láser. Fontes. Efectos. Accións de control e medidas preventivas.

18. Exixencias básicas de seguridade no caso de incendio. Regulamento de instalacións de protección contra incendios: requisitos das empresas instaladoras. Requisitos das empresas mantedoras. Obrigas das empresas mantedoras. Posta en servizo das instalacións de protección activa contra incendios. Inspeccións periódicas de instalacións de protección contra incendios. Primeira inspección das instalacións existentes. Protección activa contra incendios. Mantemento mínimo das instalacións de protección contra incendios. Programa de mantemento trimestral e semestral dos sistemas de protección activa contra incendios. Sistemas de sinalización luminescente. Programa de mantemento dos sistemas de sinalización luminescente.

19. Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan orixinar situacións de urxencia: plan de autoprotección. Contido mínimo do Plan de autoprotección. Definicións. Actividades sen regulamentación sectorial específica: actividades docentes. Plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia: rexistro de plans de autoprotección. Inspección e control. Actividades sen regulamentación sectorial específica: centros docentes.

20. Risco eléctrico. Factores que interveñen no risco eléctrico. Técnicas de seguridade contra contactos eléctricos. Guía técnica para avaliar e previr o risco eléctrico: obrigas do empresario ou empresaria. Instalacións eléctricas. Formación e información do persoal traballador. Medidas de prevención e de protección fronte ao risco da electricidade estática no transvasamento de líquidos inflamables.

21. Guía técnica para avaliar e previr os riscos relacionados coa exposición do persoal traballador ao ruído.

22. Clasificación, envasado e etiquetaxe de substancias e de mesturas: exclusións. Definicións. Contido e aplicación das etiquetas. Envasado. Perigos das substancias químicas. Información sobre produtos químicos: a ficha de datos de seguridade.

23. Guía técnica para avaliar e previr os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos ou mutáxenos.

24. O Real decreto 374/2001, sobre riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo. Guía técnica para avaliar e previr os riscos relacionados cos axentes químicos presentes nos lugares de traballo.

25. O Real decreto 664/1997, sobre a protección do persoal traballador contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo. Guía técnica para avaliar e previr os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos.

26. Ergonomía: definicións e conceptos xerais. Obxectivos da ergonomía e da psicosocioloxía aplicada. Natureza multidisciplinaria da ergonomía e carácter interdisciplinario. Metodoloxía dunha análise ergonómica nun sistema de traballo. Análise de postos de traballo.

27. Ergonomía do ambiente físico, ergoacústica e ambiente climático: aspectos anatómicos e fisiolóxicos do oído. Aspectos ergonómicos do ruído. Efectos do ruído sobre a comunicación. Ambiente térmico. Parámetros físicos relacionados co ambiente térmico. Equilibrio térmico e efectos do desequilibrio térmico sobre a saúde. Valores de referencia para catalogar o ambiente térmico. Voto medio estimado (PMV) e porcentaxe estimada de insatisfeitos (PPD). Molestias por correntes de aire. Medición dos parámetros relacionados co ambiente térmico.

28. Ergonomía do ambiente físico. Iluminación: características físicas da luz. Magnitudes luminosas fundamentais, unidades e medidas. A cor. Sistemas de iluminación. Efectos sobre a saúde dunha mala iluminación. Iluminación dos lugares de traballo. Medidas de control da iluminación nos lugares de traballo. Medición da iluminación.

29. Ergonomía do ambiente físico, calidade do ambiente interior: aire, definición, composición normal e propiedades. Efectos da calidade do aire interior sobre a saúde e a organización. Orixe dos contaminantes do aire interior. Contaminantes químicos presentes no aire interior, medición dos contaminantes presentes no aire interior. Valores de referencia. O CO2 como indicador da calidade do aire. Contaminantes biolóxicos. Síndrome do edificio enfermo, características comúns aos edificios enfermos, síntomas e diagnóstico, factores de risco, investigacións asociadas ao edificio enfermo.

30. Antropometría. Dimensións corporais estáticas. Superficie do corpo. Repartición das masas no corpo. Centros de gravidade. Uso dos valores antropométricos no deseño, criterios de deseño antropométrico.

31. Biomecánica: modelo biomecánico. Equilibrio, pancas. Principios fundamentais na biomecánica.

32. Deseño do posto de traballo: compoñentes dun sistema de traballo. Deseño do espazo de traballo, distribución en planta dos postos de traballo, posición de traballo, os accesos e as vías de circulación, asento de traballo, altura do plano de traballo, alcances. Condicións xerais aplicables ao deseño dos espazos de traballo. Deseño dos medios de traballo, ferramentas manuais, dispositivos de información, deseño de mandos e elementos de control. O proceso de traballo, medidas de control relativas á organización do traballo.

33. Carga física, definición e efectos sobre a saúde: o traballo. Efectos da carga física sobre o organismo, síntomas. Fatiga física. Trastornos músculo-esqueléticos producidos polo traballo, características, clasificación. Orixe dos riscos derivados da carga física.

34. Carga física, esforzos musculares e actividade física, medición e avaliación: esforzo muscular, esforzos máximos sostidos. Medición de esforzos musculares, criterios técnicos para a valoración. Forzas de tracción e de pulo. Actividade física total, avaliación da carga física de traballo mediante o consumo enerxético, avaliación da carga física mediante o consumo de oxíxeno e avaliación da carga física mediante a frecuencia cardíaca.

35. Guía técnica para avaliar e para previr os riscos relativos á manipulación manual de cargas. Control dos riscos.

36. Carga mental: definición. Proceso do tratamento da información polo ser humano. Exixencias dos postos de traballo. Factores que inflúen na aparición de carga mental. Efectos sobre a saúde. Prevención de riscos derivados da carga mental. Factores psicosociais: definición. Técnicas de investigación psicosocial. O estrés. Outros aspectos e patoloxías de índole psicosocial. Tipos específicos de estrés.

37. Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I, II, III, V, VI, VII, VIII, IX e X.

38. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: títulos preliminar, I, II e III.

Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar, capítulos I e II do título I, título II e capítulos I e II do título IV. II Plan de igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo 2016/2019.