Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2020 Páx. 10175

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO do contido da Resolución do 16 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de decembro de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previas e de construción ao parque eólico A Ruña II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (IN661A-2010/010-1), e se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico A Ruña II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da Resolución do 16 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de decembro de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico A Ruña II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (IN661A-2010/010-1) e se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico A Ruña II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1ª. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico A Ruña II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U., para unha potencia de 21 MW.

2ª. Outorgar a autorización administrativa de construción para o Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II. Abril de 2018 asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea, colexiado nº 574 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

3ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial parque eólico A Ruña II. Outubro 2019, promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no Concello de Mazaricos queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 193.855 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, punto 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

6. Así mesmo, o promotor deberá ter en conta o regulado na disposición adicional terceira da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, modificada polo Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, no que se refire á caducidade dos permisos de acceso e conexión. A caducidade destes permisos, no caso de producirse, poderá dar lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

7. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na Declaración de Impacto Ambiental do 25.8.2017 e no informe ambiental sobre o modificado do 20.2.2018, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental. En concreto, esta autorización queda condicionada a que, previo á comunicación do inicio das obras, o promotor presente ante esta dirección xeral o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aos trazados finais das gabias do cableado no contorno dos xacementos arqueolóxicos propostos polo promotor.

8. Previo á comunicación do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxias que inclúa ás infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

11. No prazo de 15 días contado desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, deberán presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas copia dos traballos gráficos en soporte vectorial xeorreferenciados (dwg, dxf ou dgn) ou shp, ao que se fai referencia no informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 7.10.2019.

12. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no punto 5 do artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, entrando en vigor ao día seguinte da súa publicación.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais ao abeiro da Orde do 20 de xaneiro de 2010, pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 21 MW.

2. O 11.11.2010, Eurovento, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

3. O 20.12.2013, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas tomou razón da subrogación de Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (en diante, o promotor) na posición Eurovento, S.L.U. no expediente relativo ao parque eólico.

4. O 19.3.2014, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

5. Pola Resolución do 22 de xuño de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico A Ruña II.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de xullo de 2015, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 6 de xullo e no xornal La Voz de Galicia do 13 de xullo. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Mazaricos e do Concello de Dumbría, da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Durante o período de información pública presentáronse alegacións.

6. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retevisión, Concello de Mazaricos, Augas de Galicia e Instituto Geográfico Nacional.

7. O 31.7.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Nel, informouse, entre outros aspectos, que a distancia entre os aeroxeradores AG07, AG06 e AG05 e as delimitacións dos núcleos rurais do Furiño e da Ribeiratorta é inferior aos 500 m sinalados no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia. Ademais, establece que se debe evitar a afección ao solo de núcleo rural da Ribeiratorta, mediante unha traza alternativa da gabia proxectada para a evacuación da enerxía.

8. O 25.8.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (en diante, a DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 8 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 191, do 6 de outubro).

9. O 27.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

10. O 27.12.2017, o promotor achegou nova documentación para os efectos da valoración ambiental da modificación das posicións dos aeroxeradores AG07, AG06 e AG05, así como da gabia de cableado na contorna do núcleo da Ribeiratorta.

11. O 20.2.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe no que considera que non existen obxeccións aos cambios propostos polo promotor.

12. O 4.5.2018, o promotor achegou os documentos Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II e Proxecto sectorial modificado segundo parque eólico A Ruña II. O 12.12.2018, o promotor presentou o citado proxecto de execución corrixido.

13. O 18.10.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro. Nel informouse, entre outros aspectos, que logo da análise da posición dos 7 aeroxeradores comprobouse que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. O 20.11.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ratificou o citado informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009.

14. O 20.12.2018, a Axencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións dos aeroxeradores AG07, AG06 e AG05 do parque eólico modificado, establecendo o correspondente condicionado.

15. O 23.1.2019, o promotor achegou o documento Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II. Separata Concello de Mazaricos. Xaneiro 2019.

16. O 25.2.2019, o Concello de Mazaricos informou desfavorablemente a separata do proxecto de execución do 23.1.2019. Así mesmo, solicitou a remisión do proxecto sectorial modificado segundo e o documento de valoración ambiental.

17. O 11.3.2019, esta dirección xeral achegoulle ao Concello de Mazaricos a documentación solicitada o 25.2.2019.

18. O 21.3.2019, o promotor presentou alegacións ao informe desfavorable emitido polo Concello de Mazaricos o 25.2.2019.

19. O 12.4.2019, o Concello de Mazaricos formulou reparos de natureza urbanística ao escrito de alegacións presentado polo promotor o 21.3.2019, así como á documentación recibida. O 19.9.2019, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo os escritos presentados polo Concello de Mazaricos o 25.2.2019 e o 12.4.2019, así como a resposta do promotor do 21.3.2019.

20. O 7.10.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial do parque eólico A Ruña II, de acordo co previsto no artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

21. O 31.10.2019, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. co fin de dar cumprimento ao requirido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 7.10.2019, presentou o Proxecto sectorial parque eólico A Ruña II. Outubro 2019, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea, colexiado nº 574 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

22. O 19.11.2019, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. presentou declaración responsable de que considera que non se producirán afeccións diferentes ás xa consideradas polos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retevisión, Augas de Galicia e Instituto Geográfico Nacional.

23. O 20.11.2019, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II.

24. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 21 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

25. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas