Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2020 Páx. 10149

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de decembro de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico A Ruña II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (IN661A-2010/010-1), e se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico A Ruña II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, e no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de decembro de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico A Ruña II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U., para unha potencia de 21 MW.

2ª. Outorgar a autorización administrativa de construción para o Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II. Abril de 2018 asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea, colexiado nº 574 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

3ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proyecto sectorial parque eólico A Ruña II. Outubro 2019, promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no Concello de Mazaricos queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

En cumprimento do disposto no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, publícase como Anexo 1 a esta resolución o Acordo do Consello da Xunta, do 19 de decembro de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico A Ruña II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (IN661A-2010/010-1) e se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico A Ruña II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo 2 a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico A Ruña II.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO 1

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de decembro de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico A Ruña II, sito no Concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (IN661A-2010/010-1) e se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico A Ruña II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro,
de ordenación do territorio de Galicia

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como da aprobación do proxecto sectorial do parque eólico A Ruña II (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais ao abeiro da Orde do 20 de xaneiro de 2010, pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 21 MW.

Segundo. O 11.11.2010, Eurovento, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 20.12.2013, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas tomou razón da subrogación de Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (en diante, o promotor) na posición Eurovento, S.L.U. no expediente relativo ao parque eólico.

Cuarto. O 19.3.2014, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Quinto. Pola Resolución do 22 de xuño de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico A Ruña II.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de xullo de 2015, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 6 de xullo e no xornal La Voz de Galicia do 13 de xullo. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Mazaricos e do Concello de Dumbría, da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados maioritariamente, en relación coa titularidade das parcelas, coa clasificación dos terreos, coa comprobación das superficies afectadas e das disposicións das afeccións sobre os predios, etc.

Solicitudes de oposición á declaración de utilidade pública do parque eólico xa que, entre outras consideracións, entenden que o proxecto eólico resulta contrario e prexudicial para as actividades forestais e gandeiras, afecta a auga da traída, que non se seguiron os trámites establecidos nos artigos 44 e 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que o promotor non intentou acadar acordos cos propietarios para evitar a expropiación. Ademais, solicitan que o promotor reformule de novo a solicitude e que aclare as ocupacións temporais.

O proxecto non incorpora o modelo do aeroxerador que se instalará, polo que, entre outras consideracións, non é posible recoñecer a utilidade pública, en concreto, para efectos expropiatorios, nin valorar ambientalmente, nin avaliar as afeccións urbanísticas, nin determinar os custos do proxecto.

Ningún dos documentos sometidos a información pública (o proxecto de execución, o proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental) cumpre cos requisitos que a normativa exixe para a súa tramitación e autorización.

Solicitudes de denegación das autorizacións, da declaración de utilidade pública, así como da aprobación do proxecto sectorial do parque eólico, polas afeccións económicas, urbanísticas, sociais, naturais, patrimoniais e culturais; pola tramitación administrativa separada do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, así como a presenza de múltiples instalacións xeradoras de enerxía na zona, aínda que estas sexan de distintos promotores.

Sexto. O 23.6.2015, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retevisión, Concello de Mazaricos, Augas de Galicia e Instituto Geográfico Nacional.

Sétimo. O 22.7.2015, Retevisión emitiu un condicionado técnico relativo á separata do proxecto de execución do parque eólico. O 4.8.2015, o promotor manifestou a súa conformidade.

Oitavo. O 1.9.2015 e o 15.12.2015, o Concello de Mazaricos informou desfavorablemente a separata do proxecto de execución do parque eólico. O 5.10.2015, o promotor presentou a súa reposta.

Noveno. O 6.11.2015, reiterouse a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico a Augas de Galicia.

Décimo. O 15.7.2015, o Instituto Geográfico Nacional emitiu un condicionado técnico relativo á separata do proxecto de execución do parque eólico. O 4.8.2015, o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 13.10.2016, a xefatura territorial remitiu o informe sobre a instalación electromecánica do parque eólico, así como o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 31.7.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe ao que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Nel informouse, entre outros aspectos, que a distancia entre os aeroxeradores AG07, AG06 e AG05 e as delimitacións dos núcleos rurais do Furiño e da Ribeiratorta é inferior aos 500 m sinalados no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia. Ademais, establece que se debe evitar a afección ao solo de núcleo rural da Ribeiratorta, mediante unha traza alternativa da zanxa proxectada para a evacuación da enerxía.

Décimo terceiro. O 25.8.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a Declaración de Impacto Ambiental (en diante, a DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 8 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 191, do 6 de outubro). No punto 3.7. Protección do patrimonio cultural, establécese, entre outras consideracións, a necesidade de que a gabia de cableado no contorno do elemento GA15045005 Túmulo 1 de Chans do Fieiro deberá desprazarse fóra da zona proxectada, buscando unha situación alternativa polo lado oposto da estrada asfaltada.

Décimo cuarto. O 27.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo quinto. O 27.12.2017, o promotor achegou nova documentación para os efectos da valoración ambiental da modificación das posicións dos aeroxeradores AG07, AG06 e AG05, así como da gabia de cableado na contorna do núcleo da Ribeiratorta.

Décimo sexto. O 20.2.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe no que considera que non existen obxeccións aos cambios propostos polo promotor. Nel establece, entre outros aspectos, que conforme se deriva dos puntos 3.1, 3.3 e 3.7 da DIA, hai certos axustes/modificacións pendentes de incorporar á planta do parque eólico, relativos ao trazado de gabias do cableado no contorno de xacementos arqueolóxicos e dun vieiro existente a acondicionar no contorno dunha pequena lagoa artificial naturalizada que sustenta poboacións de anfibios.

Décimo sétimo. O 4.5.2018, o promotor achegou os documentos Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II e Proyecto sectorial modificado segundo parque eólico A Ruña II, co fin de incorporar, respectivamente, aos proxectos de execución e ao sectorial, as modificacións ás que se fai referencia no antecedente de feito décimo quinto. O 12.12.2018, o promotor presentou o citado proxecto de execución corrixido.

Décimo oitavo. O 18.10.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe ao que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro. Nel informouse, entre outros aspectos, que logo da análise da posición dos 7 aeroxeradores se comprobou que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. O 20.11.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ratificou o citado informe ao que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009.

Décimo noveno. O 20.12.2018, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións dos aeroxeradores AG07, AG06 e AG05 do parque eólico modificado, establecendo o correspondente condicionado.

Vixésimo. O 23.1.2019, o promotor achegou o documento Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II. Separata Concello de Mazaricos. Xaneiro 2019.

Vixésimo primeiro. O 25.2.2019, o Concello de Mazaricos informou desfavorablemente a separata do proxecto de execución do 23.1.2019. Así mesmo, solicitou a remisión do proxecto sectorial modificado segundo e o documento de valoración ambiental aos que se fai referencia nos antecedentes de feito décimo quinto e décimo sétimo.

Vixésimo segundo. O 11.3.2019, esta dirección xeral achegoulle ao Concello de Mazaricos a documentación solicitada o 25.2.2019.

Vixésimo terceiro. O 21.3.2019, o promotor presentou alegacións ao informe desfavorable emitido polo Concello de Mazaricos o 25.2.2019.

Vixésimo cuarto. O 12.4.2019, o Concello de Mazaricos formulou reparos de natureza urbanística ao escrito de alegacións presentado polo promotor o 21.3.2019, así como á documentación recibida. O 19.9.2019, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo os escritos presentados polo Concello de Mazaricos o 25.2.2019 e o 12.4.2019, así como a resposta do promotor do 21.3.2019.

Vixésimo quinto. O 7.10.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial do parque eólico A Ruña II, de acordo co previsto no artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Nel establécese que, previamente á súa elevación ao Consello da Xunta para acadar a aprobación definitiva, o promotor presentará un proxecto sectorial no que se inclúan, entre outros aspectos, as modificacións relativas ao desprazamento da gabia do cableado no contorno do ben GA15045005, a que se fai referencia no punto 3.7. da DIA do parque eólico.

Vixésimo sexto. O 31.10.2019, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. co fin de dar cumprimento ao requirido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 7.10.2019, presentou o Proxecto sectorial parque eólico A Ruña II. Outubro 2019, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea, colexiado nº 574 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), no que se inclúe, entre outros aspectos, o desprazamento da gabia do cableado no contorno do ben GA15045005.

Vixésimo sétimo. O 19.11.2019, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. presentou declaración responsable de que considera que non se producirán afeccións diferentes ás xa consideradas polos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retevisión, Augas de Galicia e Instituto Geográfico Nacional.

Vixésimo oitavo. O 20.11.2019, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II.

Vixésimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 21 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto 88/2018, do 26 de setembro e no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías desta, no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, nos que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, coa Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, co Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

No que respecta ás solicitudes de denegación de utilidade pública, cómpre manifestar que neste acordo non se declara a utilidade pública do parque eólico. Ben que o promotor manifestou a súa vontade de alcanzar acordos cos titulares dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico. No caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

No que respecta a que no proxecto inicial non se incluíse o modelo comercial dos aeroxeradores, cómpre manifestar que este feito non impediu que este proxecto fose sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal formulou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 25.8.2017 a Declaración de Impacto Ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias. Tampouco impediu que para a aprobación do proxecto sectorial se seguisen os trámites establecidos no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, tal e como se recolle no informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 7.10.2019, ao que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo quinto desta resolución. No Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II presentado polo promotor o 4.5.2018, inclúese o modelo do aeroxerador Acciona AW109, de 3 MW de potencia máxima unitaria, cunha altura ata a buxa de 100 m e un diámetro de rotor de 109 m.

Con respecto á fragmentación dos expedientes do parque eólico e ás súas infraestruturas de evacuación, así como dos parques eólicos sitos na zona, seguíronse e estanse a seguir os diferentes pasos exixidos na normativa sectorial de aplicación. En todo caso, exíxese ao promotor presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxias que inclúa ás infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

Con respecto á falta de capacidade de evacuación do parque eólico, cabe indicar que, de acordo coa lexislación sectorial específica, o proxecto conta para a súa autorización cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 21 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

Cuarto. Á vista das respostas á petición do condicionado técnico emitido polo Concello de Mazaricos, así como da contestación dada pola empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, vistos os seus contidos, cómpre manifestar o seguinte:

En relación coas manifestacións de carácter ambiental feitas polo Concello de Mazaricos debemos sinalar que a alegación do 31.8.2015 e os escritos do 1.9.2015 e 15.12.2015 foron remitidos ao órgano ambiental dentro do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinario, resultado do cal formulou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 25.8.2017 a Declaración de Impacto Ambiental. No relativo ás consideracións feitas polo Concello sobre o documento de valoración ambiental da modificación das posicións dos aeroxeradores AG07, AG06 e AG05, así como da gabia de cableado na contorna do núcleo da Ribeiratorta, cómpre manifestar que o documento de valoración ambiental, foi informado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 20.2.2018, non considerando o órgano ambiental a necesidade de someter o modificado do proxecto do parque eólico A Ruña II a un novo procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Con respecto á fragmentación dos expedientes do parque eólico e ás súas infraestruturas de evacuación, así como dos parques eólicos sitos na zona, seguíronse e estanse a seguir os diferentes pasos exixidos na normativa sectorial de aplicación. En todo caso, exíxese ao promotor presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un estudo ambiental de sinerxias que inclúa ás infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

No relativo ás consideracións de carácter urbanístico, no que respecta a que os aeroxeradores AG06 e AG07 están situados no límite dos núcleos da Ribeiratorta, O Furiño, O Xián, A Gándara e O Enxilde, polo que o promotor debería ter proposto nesta zona un único aeroxerador, tal e como se recolle no antecedente de feito décimo oitavo, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que os 7 aeroxeradores do parque eólico A Ruña II cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, cómpre manifestar que con data 19.9.2019 esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo os escritos presentados polo Concello de Mazaricos o 25.2.2019 e o 12.4.2019, así como a resposta do promotor do 21.3.2019, emitindo o órgano urbanístico con data do 7.10.2019 informe no que indica que foron cubertas as consideracións dos informes anteriores desa dirección xeral e se seguiron os trámites establecidos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, previos á aprobación definitiva do proxecto sectorial do parque eólico A Ruña II polo Consello da Xunta.

No relativo a que o promotor non presentou unha relación concreta e individualizada dos bens que se van expropiar, cómpre manifestar que Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. presentou o 10.9.2019 unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se estima necesaria a expropiación. Ben que neste acordo non se declara a utilidade pública do parque eólico A Ruña II.

Nas consideracións formuladas polo concello no relativo á tramitación do expediente do parque eólico cómpre dicir que no expediente instruído se cumpriron os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

Quinto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 25.8.2017, e recollida no antecedente de feito décimo terceiro deste acordo:

a) Na epígrafe 4 da DIA recóllese a proposta, que literalmente di: «Logo de examinar a documentación que constitúe o expediente ambiental, este Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre elas, prevalecerá o disposto nesta proposta de DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico A Ruña II.

Nas epígrafes 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no Estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

3.2. Protección da atmosfera.

3.3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.4. Protección do solo e infraestruturas.

3.5. Xestión de residuos.

3.6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

3.7. Protección do patrimonio cultural.

3.8. Integración paisaxística e restauración.

3.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

3.10. Outras consideracións.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico A Ruña II, sito no Concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U., para unha potencia de 21 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o Proxecto de execución modificado segundo parque eólico A Ruña II. Abril de 2018 asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea, colexiado nº 574 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

Domicilio: rúa Carreira do Conde, nº 2, 1º B, 15701 Santiago de Compostela.

Denominación: parque eólico A Ruña II.

Potencia admitida a trámite: 21 MW.

Potencia que se vai evacuar: 21 MW.

Concello afectado polas instalacións eléctricas de produción do parque eólico: Mazaricos.

Produción media anual neta estimada: 72,2 GWh/ano.

Orzamento de execución material: 18.415.806,62 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

P.E. A Ruña II

Vértices poligonal

Coordenadas UTM

(ETRS 89, fuso 29)

X

Y

V1

493.874

4.755.758

V2

494.740

4.755.757

V3

495.952

4.754.342

V4

496.071

4.752.941

V5

496.760

4.751.630

V6

496.926

4.751.651

V7

497.074

4.751.079

V8

497.136

4.751.091

V9

497.186

4.750.819

V10

497.002

4.750.809

V11

496.789

4.750.797

V12

496.500

4.750.781

V13

493.874

4.750.785

V14

492.669

4.752.891

V15

492.874

4.753.785

V16

493.874

4.753.785

Non se inclúen infraestruturas eléctricas do parque eólico A Ruña II na superficie da poligonal sita no concello de Dumbría.

Localización dos aeroxeradores:

Coordenadas UTM (ETRS 89, fuso 29)

Nº aeroxerador

X

Y

AG01

494.563

4.755.419

AG02

494.669

4.754.534

AG03

495.762

4.753.518

AG04

495.066

4.751.782

AG05

493.876

4.751.852

AG06

493.283

4.752.511

AG07

493.086

4.752.713

Características técnicas das instalacións:

7 aeroxeradores Acciona AW109 de 3 MW de potencia máxima unitaria con xerador asíncrono, montados sobre fuste tubular metálico, cunha altura ata a buxa de 100 m e un diámetro de rotor de 109 m.

7 centros de transformación de potencia unitaria 3.140 kVA, con relación de transformación de 0,69/30 kV, instalados no interior dos aeroxeradores coa súa correspondente aparamenta de seccionamento, manobra e protección.

Rede eléctrica soterrada a 30 kV de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro colector.

Terceiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial parque eólico A Ruña II. Outubro 2019, promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan Eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no Concello de Mazaricos queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 193.855 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

De conformidade coa disposición transitoria cuarta, punto 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

Así mesmo, o promotor deberá ter en conta o regulado na disposición adicional terceira da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, modificada polo Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, no que se refire á caducidade dos permisos de acceso e conexión. A caducidade destes permisos, no caso de producirse, poderá dar lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.8.2017 e no informe ambiental sobre o modificado do 20.2.2018, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental. En concreto, esta autorización queda condicionada a que, previo á comunicación do inicio das obras, o promotor presente ante esta dirección xeral o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aos trazados finais das gabias do cableado no contorno dos xacementos arqueolóxicos propostos polo promotor na documentación a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo sexto deste acordo.

Previo á comunicación do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxias que inclúa ás infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

No prazo de 15 días contado desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, deberán presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas copia dos traballos gráficos en soporte vectorial xeorreferenciados (dwg, dxf ou dgn) ou shp, ao que se fai referencia no informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 7.10.2019.

No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no punto 5 do artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, entrando en vigor ao día seguinte da súa publicación.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito quinto:

Concello de Dumbría, o 31.7.2015; Benito Cives Estalote, o 11.8.2015; Clementina Cancela Liñares, o 11.8.2015; Dosinda Cives Antelo, o 11.8.2015; Manuel Rodríguez Beiro, o 11.8.2015; José Manuel Lado Pérez, o 11.8.2015; Juan José Rey González, o 11.8.2015; Luz Divina Martínez Romero, o 11.8.2015; José Benito Mourelos Cives e Gabriela Francesca Valle Martínez, no nome da sociedade Mourelos Valle, S.C., o 12.8.2015; Benito Antonio Lado Caamaño, o 12.8.2015; Manuel Rodríguez Beiro, no nome da Asociación de Veciños O Souto de Arcos-Mazaricos, o 12.8.2015; Benito Antonio Mourelos Carballo, o 12.8.2015; Antonio Manuel Blanco Oreiro, o 12.8.2015; José Carballo Cambeiro, o 12.8.2015; Benito Fernández Lema, o 12.8.2015; Inés González Martínez, o 12.8.2015; José Benito Mourelos Cives, no nome da CMVMC O Enxilde, o 12.8.2015 e o 28.8.2015; Antonio Velo González, o 13.8.2015; Manuela María Santabaya Núñez, o 13.8.2015; Francisco Pais Lado e outros, o 13.8.2015; Constantino González Lado, o 13.8.2015; María del Carmen Carreira Cancela e Constantino González Lado, o 13.8.2015; Manuel Conde Blanco, no nome da CMVMC A Porreira e Couto, o 13.8.2015 e o 28.8.2015; Ana Isabel Carreira Cancela, o 13.8.2015 e o 17.8.2015; Benito Lado Carreira, no nome da CMVMC Xián, Furiño, Gándara e Ribeiratorta, o 13.8.2015, o 17.8.2015 e o 28.8.2015; Alianza Cambeiro Carreira, o 14.8.2015; José Antonio Trillo Fernández, no nome de Herdeiros de Manuel Trillo Mourelos, o 14.8.2015; José Antonio Trillo Fernández, o 14.8.2015; María del Carmen Trillo Baña, o 14.8.2015; Dosinda Cancela González, o 14.8.2015; Carmen Cancela Cives, o 14.8.2015; José Carballo Moreira, o 14.8.2015; Manuel Abuelo Carreira, o 14.8.2015; Isolina Martínez Santiago, o 14.8.2015; María Saladina Hermida Trillo, o 14.8.2015; Manuela Abuelo Senra, o 14.8.2015; Rafael Trillo Carreira, o 14.8.2015; María del Carmen Carreira Santabaya, o 14.8.2015; Manuela Cambeiro Santabaya, no nome de Herdeiros de Manuel Sambade Martínez, o 17.8.2015; Joaquín Carreira Rey, o 17.8.2015; José Pérez Lago, o 17.8.2015; Dolores Rey Lema, o 17.8.2015; Manuel Cancela Cives, o 17.8.2015; Antonio Rey Cancela, o 17.8.2015; José Carballo Moreira e Antonio Rey Cancela, o 17.8.2015; Constantino Pedro Agulleiro Lema, o 17.8.2015; Manuela Gesto Martínez, o 17.8.2015; Benito Lado Carreira, o 17.8.2015; José Benito Mourelos Cives e outros, o 18.8.2015; José Pérez Trillo, o 18.8.2015; José Cambeiro Carreira, o 18.8.2015; José Pérez Cerviño, o 18.8.2015; José Martínez Lado, o 21.8.2015; Rosario Cambeiro López, o 28.8.2015; Joséfina Blanco Oreiro, o 28.8.2015; Concello de Mazaricos, o 31.8.2015, o 25.9.2015 e o 14.12.2015; Manuel Pérez Sancho, o 14.1.2016; María Luisa Pérez Gutiérrez, o 19.1.2016; Andrés Manuel Pérez Lado, o 22.01.2016.

ANEXO 2

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Planeamento urbanístico vixente.

O planeamento urbanístico vixente no Concello de Mazaricos está constituído polas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 4 de maio de 1995 (BOP do 26.1.1996) e a súa modificación puntual para adaptación da ordenanza de «solo non urbanizable de protección agrícola» contida na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobada o 16 de xullo de 2007 (BOP do 29.8.2007).

Atendendo ao réxime transitorio establecido pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), na súa disposición transitoria primeira, ao planeamento municipal seralle de íntegra aplicación o réxime e as determinacións dispostas na LSG para o solo rústico, considerándose ademais as determinacións e afeccións sectoriais recollidas no Plan básico autonómico (PBA), excepto no que se refire ao solo rústico de protección agropecuaria, onde se atenderá igualmente ás determinacións da LSG, pero manterán a súa vixencia as delimitacións incluídas na modificación puntual para adaptación da ordenanza de «solo non urbanizable de protección agrícola» aprobada o 16 de xullo de 2007, e respecto ao solo non urbanizable de núcleo rural (NN), onde será de aplicación a Ordenanza contida nas NNSS do Concello de Mazaricos.

2. Clasificación do solo.

De acordo co indicado no punto anterior, os terreos afectados polo presente proxecto sectorial clasifícanse como:

Solo Rústico de Especial Protección Agropecuaria, correspondente a terreos clasificados como «solo non urbanizable de protección agrícola» de acordo coa Modificación puntual das NNSS de planeamento do Concello de Mazaricos para adaptación da ordenanza de «solo non urbanizable de protección agrícola» á LOUGA, aprobada o 16 de xullo de 2007.

Solo Rústico de Especial Protección Forestal, correspondente a montes veciñais en man común recollidos na cartografía do Plan básico autonómico.

Solo Rústico de Especial Protección de Augas, correspondente a zonas de policía de canles indicadas na cartografía do Plan básico autonómico.

Solo Rústico de Especial Protección de Infraestruturas, de acordo cos proxectos sectoriais dos parques eólicos Paxareiras IIF, o seu modificado e Currás (aprobados definitivamente e pendentes de adecuación ao planeamento urbanístico).

Solo Rústico de Especial Protección Patrimonial, correspondente aos contornos de protección cultural e arqueolóxica recollidos na cartografía do Plan básico autonómico.

Solo Rústico de Especial Protección Ordinaria, para aqueles terreos de solo rústico que non teñen ningunha das figuras de protección previstas no artigo 34 da LSG.

Solo non urbanizable de núcleo rural (NN), de acordo coa delimitación reflectida nas NNSS do Concello de Mazaricos (aplica a un vial existente que se empregará como acceso e que afecta a delimitación do núcleo rural da Ribeiratorta).

Conforme a lexislación urbanística autonómica e básica do Estado, constitúen o solo rústico os terreos que están sometidos a algún réxime de protección pola lexislación sectorial (augas, costa, espazos naturais, etc.) ou pola lexislación de ordenación do territorio que os fai incompatibles coa transformación urbanística.

O solo rústico de protección agropecuaria defínese no artigo 34.2.a) da LSG como:

«a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos que fosen obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta produtividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira».

O solo rústico de protección forestal defínese no artigo 34.2.b) da LSG como:

«b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos montes veciñais en man común e os terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal».

O solo rústico de protección das augas defínese no artigo 34.2.c) da LSG como:

«c) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente».

O solo rústico de protección patrimonial defínese no artigo 34.2.h) da LSG como:

«h) Solo rústico de protección patrimonial, constituído polos terreos protexidos pola lexislación de patrimonio cultural».

O solo rústico de protección de infraestruturas defínese no artigo 34.2.e) da LSG como:

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e ás súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

Pola súa banda, o solo rústico de protección ordinaria defínese no artigo 33.1 da Lei 2/2016 como:

«a) Os que non resulten susceptibles de transformación urbanística polo perigo para a seguridade das persoas e dos bens, motivada pola existencia de riscos de calquera índole».

«b) Aqueles que o plan estime innecesarios ou inapropiados para a súa transformación urbanística».

Finalmente, o solo non urbanizable de núcleo rural (NN) defínese na ordenanza correspondente das NNSS do Concello de Mazaricos como:

«Solo non urbano no que se presentan agrupacións de vivendas entre as que existen relacións comunitarias, contando con identificación toponímica e demais particularidades expresadas no artigo 12.3 da L.A.S.G.A., correspondentes a asentamentos de poboación que conservan a súa condición rural, e que estean delimitados como tales no ordenamento».

3. Compatibilidade con outros instrumentos de ordenación do territorio.

Os instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito territorial do presente proxecto sectorial son os seguintes:

– Proxectos sectoriais do parque eólico Paxareiras IIF e a súa modificación (aprobados definitivamente o 15.7.1999 e o 22.3.2001).

– Proxecto sectorial do parque eólico Currás (aprobado definitivamente o 7.6.2001).

As proteccións en solo rústico impostas por estes instrumentos de ordenación do territorio (protección de infraestruturas) son perfectamente compatibles coas actuacións previstas no presente proxecto sectorial.

Por todo iso, os instrumentos de ordenación do territorio mencionados non presentan vinculación nin afección ningunha coa ordenación prevista no presente proxecto sectorial, existindo total compatibilidade.

4. Proposta de modificación do planeamento municipal.

4.1. Obxecto.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio afectado para compatibilizar a infraestrutura proxectada cos ámbitos e condicións de uso e edificabilidade previstos actualmente.

4.2. Ámbito.

No planeamento municipal de Mazaricos clasificarase o ámbito delimitado nos planos nº 05 «Proposta de ordenación urbanística sobre plan vixente» e nº 06 «Proposta de ordenación urbanística sobre Plan básico autonómico», conforme o artigo 34.2.e) da LSG, coa normativa reflectida no seguinte punto.

De acordo co disposto no artigo 34.4 da LSG, naqueles terreos onde a categoría de solo de protección de infraestruturas concorra con outras categorías de solo rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.

4.3. Normativa.

• Clasificación.

«Solo rústico de protección de infraestruturas».

• Definición.

Está constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e ás súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio.

• Ámbito de aplicación.

O representado nos planos nº 05 «Proposta de ordenación urbanística sobre plan vixente» e nº 06 «Proposta de ordenación urbanística sobre Plan básico autonómico», coa lenda «solo rústico de protección de infraestruturas».

A área vinculada ao parque eólico A Ruña II é de 109,82 Ha de acordo co presente proxecto sectorial.

• Usos permitidos.

Nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como o mantemento e reparación das instalacións.

Mantéñense ademais os usos agrícolas e gandeiros, sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas, respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 200 metros do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun radio de 200 metros ao redor dos aeroxeradores, coa excepción dos edificios necesarios para o funcionamento do parque eólico.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas ao aproveitamento eólico, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar coa correspondente Declaración de Impacto Ambiental de acordo co previsto na lexislación vixente, e coa aprobación do correspondente proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia.

• Condicións da edificación.

Os edificios situaranse dentro da parcela, adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

Os recuamentos das construcións aos lindes da parcela deberán de garantir a condición de illamento e non poderán ser en ningún caso inferiores a 5 metros.

A altura máxima das edificacións será de dúas plantas e non poderá superar os 7 metros de altura medidos desde a rasante do terreo ata o arranque inferior da vertente de cuberta. Excepcionalmente, poderá exceder a altura máxima mencionada cando as características específicas da actividade, debidamente xustificadas, o fixesen imprescindible.

Os peches de fábrica terán unha altura máxima de 1,50 metros e adaptaranse á tipoloxía construtiva da zona.

• Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno.

• Condicións de servizos.

O promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa costa os servizos de:

Acceso rodado.

Abastecemento de auga.

Saneamento e depuración.

Enerxía eléctrica.

Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

Dotación de aparcamentos.

Todas as instalacións que conforman o parque eólico A Ruña II, obxecto do presente proxecto sectorial, quedan incluídas dentro deste solo cualificado como «solo rústico de protección de infraestruturas».

4.4. Prazo.

O prazo de adecuación do planeamento urbanístico municipal ao presente proxecto sectorial deberá realizarse coincidindo coa redacción e tramitación:

Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, podendo ser expresamente a presente adaptación.

Da revisión do Plan xeral de ordenación municipal vixente.

Da adaptación do plan municipal á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4.5. Eficacia.

De acordo co artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán ao plan do ente ou entes locais en que se asentan devanditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

O artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, na súa epígrafe 11.1, especifica que «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente».

A epígrafe 11.2 do mencionado Decreto 80/2000 especifica que «os municipios onde se asentan as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no que se establecerán as determinacións do devandito planeamento local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial no prazo que determine este último, e en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico».

4.6. Cumprimento das normas de aplicación directa da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia contén no seu título III (artigos 91 e 92) as normas de aplicación directa, en canto á adaptación ao ambiente, protección da paisaxe e protección de vías de circulación.

Artigo 91

No que respecta ás normas relativas á adaptación ao ambiente, dentro das normas para a execución do presente proxecto sectorial inclúese a regulación detallada do uso detallado, volume, características técnicas e funcionais, condicións de deseño e de adaptación ao ambiente deste, sen que exista ningunha actividade de edificación que requira regulación específica.

Artigo 92

En canto á protección de vías de circulación, a natureza do presente proxecto sectorial como instrumento de ordenación do territorio recollido na Lei 10/1995, habilita a construción de novas vías de circulación de vehículos recollidas nel.

Con respecto á distancia mínima que os cerramentos deberán gardar cos eixes de vías, todas as seccións tipo de nova construción, así como os cerramentos de parcela previstos, respectan unha distancia superior á indicada no artigo 92, cumpríndose en todo caso o disposto na lexislación sectorial de aplicación.

4.7. Prevalencia dos instrumentos de ordenación.

De acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 80/2000, ao regular a eficacia dos plans e proxectos sectoriais, as súas determinacións prevalecerán sobre os Instrumentos de planeamento urbanístico.

4.8. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia aprobada polo Consello da Xunta na súa Resolución do 20 de decembro de 2002, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as construcións e instalacións previstas de modo concreto e detallado no presente proxecto sectorial do parque eólico A Ruña II.

De acordo co indicado no artigo 36, epígrafe 5, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, non se require autorización urbanística autonómica para as actuacións recollidas no presente proxecto sectorial, unha vez aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.