Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2020 Páx. 9313

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva parcial da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis.

O Concello de Curtis remite a modificación puntual referida, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 60.13, en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación de xullo de 2019, subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira e vista a proposta que eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Curtis conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente mediante a Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 19 de setembro de 2007.

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fixo pública a súa Resolución do 3 de maio de 2017 pola que formula o informe ambiental estratéxico, que non somete esta modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2017. No trámite de consultas recibíronse informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC), Instituto de Estudos do Territorio (IET), Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. Así mesmo, foi presentada unha alegación por un particular.

3. O Servizo de Montes emitiu o informe do 14.2.2017, remitido á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático con posterioridade ao remate do período de consultas e emisión do informe ambiental estratéxico.

4. Emitiron informes, con carácter previo á aprobación inicial: ADIF, do 16.12.2017, favorable, e Dirección Xeral de Estradas, do 12.1.2018, favorable con condicións.

5. A arquitecta técnica municipal emitiu o informe do 5.3.2018 e a secretaria-interventora, do 6.3.2018 (artigo 60.6 da LSG e artigo 144.6 do seu regulamento).

6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 16.3.2018 e foi sometida a información pública dous meses (La Voz de Galicia do 27 de marzo e DOG do 27 de marzo de 2018). Presentáronse 155 alegacións, segundo certificación do 17.10.2019.

7. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe relativo ao resultado do trámite previsto no artigo 60.7 da LSG o 3.5.2019:

Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos preceptivos e constan:

a) Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil, do 14.9.2018, sen necesidade de sometemento á Comisión Galega de Protección Civil.

b) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 25.4.2019, favorable condicionado.

c) Instituto de Estudos do Territorio, do 30.11.2018, sen obxeccións.

d) Axencia Galega de Infraestruturas, do 13.11.2018 e do 8.7.2019, favorable.

e) Informe de Augas de Galicia, do 30.11.2018, favorable condicionado.

Non consta a emisión dos informes solicitados ás direccións xerais de Desenvolvemento Rural, Patrimonio Natural e Ordenación Forestal, cuxos prazos de emisión remataban, segundo o previsto no artigo 60.7, o 1.12.2018, polo que se entenden emitidos en sentido favorable (artigo 60.7 da LSG).

Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Aranga, Guitiriz, Mesía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. En 3.5.2019 responderan os concellos de Mesía e Aranga. Os restantes concellos contaban cun prazo para responder que finalizaba o día 1.12.2018, polo que se puido continuar o procedemento de aprobación da modificación (segundo parágrafo do artigo 60.7 da LSG).

8. Constan no expediente os seguintes informes sectoriais non autonómicos:

a) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, do 29.5.2018, favorable.

b) Dirección Xeral de Estradas, do 6.6.2018, favorable.

c) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica, do 12.6.2018, con observacións.

d) Delegación do Goberno, do 12.8.2018, sen incidencia nos bens e dereitos do Estado.

e) Deputación da Coruña, do 21.7.2018 e do 2.8.2019, favorable.

9. A arquitecta técnica municipal emite informe favorable sobre a aprobación provisional da modificación o 14.8.2019; a secretaria-interventora emite o seu informe, en sentido favorable, o 16.8.2019 (artigo 60.13 da LSG e artigo 144.13 do seu regulamento).

10. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno o 22.8.2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

Os obxectivos da modificación son a adaptación do solo clasificado como núcleo rural á lexislación urbanística vixente (LSG e RLSG), axustando as delimitacións á realidade socioeconómica actual; a mellora da ordenación dos núcleos, trazando as aliñacións e sinalando ordenanzas de aplicación, e a simplificación e mellor xestión urbanística.

O ámbito da modificación coincide coa delimitación dos núcleos rurais do PXOM actual, no cal se definen 143 asentamentos rurais, polo que se propón a súa redelimitación.

III. Análise e consideracións.

1. Xustificación do interese público.

A adecuación do PXOM á lexislación vixente na materia (LSG e RLSG), a adaptación das delimitacións existentes á realidade física e social do concello, reflectindo as necesidades da poboación derivadas do proceso de participación cidadá realizado, así como a mellora na ordenación dos núcleos, trazando aliñacións e concretando ordenanzas. Todo isto adaptado á realidade actual, pódense considerar como de interese público para a formulación dunha modificación do planeamento xeral (artigo 83.1 da LSG).

2. Nos planos de ordenación inclúense, na correspondente categoría de solo rústico, os terreos desclasificados froito de cada nova delimitación, dando cumprimento ao sinalado no punto III.2.2 do anterior informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e inclúese a análise de compatibilidade estratéxica, dando cumprimento ao sinalado no punto III.2.3 do mesmo informe.

3. Porén, tras as novas delimitacións propostas observouse:

a) Respecto do cumprimento da consolidación, cómpre revisar as delimitacións dos seguintes núcleos, nos cales non se contabilizaron todas as posibles parcelacións:

– Parroquia de Fisteus: Campos (NHT-NC) e As Regas (NHT).

– Parroquia de Curtis: O Abelar (NHT) e A Brixaría (NHT e NC).

– Parroquia de Santa María de Lurdes: Bodeus (NHT e NC-2).

b) Inclúense parcelas vacantes máis aló do perímetro edificado, sen que quede acreditada a necesidade de crecemento, nos seguintes núcleos:

– Parroquia de Santa María de Lurdes: Bodeus (ao norte).

– Parroquia de Curtis: Montealto (ao oeste) e Morangueiros (ao noroeste).

c) Prodúcense delimitacións impropias fusionando núcleos ou con delimitacións forzadas para englobar dentro do núcleo terreos alleos (determinacións 3.1.6 a 3.1.11 DOT) en:

– Parroquia de Fisteus: Balter-O Cruceiro.

– Parroquia de Curtis: A Cerdeira-Modillós, Santaia-O Curro.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente, de forma parcial, a modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis.

2. De resultas das deficiencias sinaladas no punto III.3 anterior, deixar en suspenso os ámbitos dos núcleos de:

– Parroquia de Fisteus: Campos, As Regas e Balter-O Cruceiro.

– Parroquia de Curtis: O Abelar, A Brixaría, Montealto, Morangueiros, A Cerdeira-Modillós e Santaia-O Curro.

– Parroquia de Santa María de Lurdes: Bodeus.

3. O Concello deberá emendar as deficiencias sinaladas nos ámbitos deixados en suspenso e, logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación, elevar o novo documento ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

4. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

5. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

6. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

7. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo