Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2020 Páx. 5913

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de decembro de 2019 pola que se clasifica de interese cultural e de defensa do medio natural de Galicia a Fundación Raia Seca.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Raia Seca con domicilio na avenida de Santiago, número 9, en Ourense.

Feitos:

1. O 5 de agosto de 2019, María José de Prado Freyre, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Raia Seca foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 12 de xullo de 2019, ante o notario Fernando Martínez-Gil Fluxá, co número de protocolo 1.185, por María José de Prado Freyre que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura emendouse por outra outorgada o 21 de novembro de 2019, na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 1.969 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– «Crear interaccións entre a arte e a natureza en Galicia.

– Utilizar a arte como ferramenta para xerar conciencia sobre a importancia da conservación do ambiente e crear vínculos entre os visitantes, as comunidades e a súa contorna.

– Defensa do medio natural de Galicia, reinventando o patrimonio deshabitado, carreiros e parcelas en desuso coa finalidade de crear espazos para exhibir obras de arte contemporánea, coa intención de converternos nun modelo global que atraia ao turismo cultural e facilite o crecemento sustentable das comunidades galegas».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María José de Prado Freyre como presidenta; Mark Anthony Schneider como vicepresidente; e Santiago Ontañón de Prado como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural e de defensa do medio natural de Galicia da Fundación Raia Seca, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e de defensa do medio natural de Galicia e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 9 de decembro de 2019,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural e de defensa do medio natural de Galicia a Fundación Raia Seca, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza