Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5838

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra), promovido por Beltaine Touriñán, S.L. (expediente IN661A 2011/13-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Beltaine Touriñán, S.L. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2 (en diante, o parque eólico), constan os seguintes:

Antecedentes de feito

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 24 MW, promovido por Beltaine Renovables, S.L.

Segundo. O 27 de xuño de 2011, Beltaine Touriñán, S.L. (en diante o promotor), sociedade filial unipersoal de Beltaine Renovables, S.L., solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 4 de xaneiro de 2012 o promotor solicitou unha modificación do proxecto, con respecto á configuración admitida a trámite. Posteriormente, o 16 de xaneiro de 2012 completou a súa solicitude.

Cuarto. O 14 de marzo de 2012 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou os cambios solicitados polo promotor o 4 de xaneiro de 2012.

Quinto. Mediante Resolución do 22 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 7 de maio de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 20 de abril de 2012 e no xornal La Voz de Galicia do 13 de abril de 2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Solicitude para que se avalíen os efectos sinérxicos e acumulativos cos parques eólicos existentes ou proxectados, as posibles afeccións sobre hábitats de conservación prioritaria e de interese comunitario e as posibles afeccións sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, co fin de evitalas; que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo español de especies amenazadas e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona, que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007; que o proxecto adopte medidas eficaces para evitar afeccións á flora e mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.), e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

– Alegan que o parque eólico provoca efectos negativos sobre a saúde, sobre os valores naturais e culturais da contorna, sobre as aves, sobre o ambiente, sobre os aproveitamentos cinexético e apícola, sobre a paisaxe, sobre as explotacións forestais, agrogandeiras e sobre o turismo rural.

– Existencia de captacións de auga que poden verse afectadas polo parque eólico.

– Existencia de erros na Relación de bens e dereitos afectados en relación coa titularidade e coa identificación catastral de parcelas, nos enderezos para os efectos de notificación e nas superficies afectadas.

– Solicitudes de documentación técnica, planos ou bosquexos, para poder observar as afeccións das instalacións do parque eólico en varios predios.

– Ausencia de negociación do promotor para intentar chegar a acordos e evitar a expropiación.

– Solicitude de expropiación total dunhas parcelas alegando que a súa expropiación parcial as fai antieconómicas, ou, no seu defecto, unha compensación económica.

– Obrigatoriedade de visado do proxecto e ausencia de competencia profesional do enxeñeiro técnico asinante.

Sexto. O 4 de abril de 2012, o Concello de Campo Lameiro emitiu un condicionado técnico relativo á separata do proxecto de execución do parque eólico. O 15 de maio de 2012, o promotor manifestou a súa conformidade.

Sétimo. O 23 de abril de 2012, Retegal manifestou que, ben que, non se observan obstrucións directas dos sinais da TDT, non se pode desbotar que existan afectacións, polo que establece a necesidade de que o promotor realice unha campaña de medidas para que, de ser o caso, este acometa as actuacións necesarias para o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais do TDT.

O 22 de maio de 2012, o promotor manifestou a súa oposición ao citado condicionado, nos termos en que este foi elaborado. Posteriormente, o 12 de setembro de 2019 o promotor achegou un escrito no cal, co fin de facilitar a continuación da tramitación do expediente, manifesta a súa conformidade cos termos do condicionado emitido por Retegal o 23 de abril de 2012.

Oitavo. O 2 de maio de 2012, Retevisión I, S.A. manifestou a súa oposición á construción do parque eólico mentres non se obtivese un compromiso da empresa promotora e/ou se establecese na propia resolución administrativa un condicionado coa finalidade de establecer a obrigatoria e necesaria adopción das medidas correctoras sinaladas no número 3 do informe que achegan ou, no seu defecto, a adopción doutras medidas alternativas que acaden os mesmos fins de eliminación de todo tipo de afeccións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión I, S.A.

O 22 de maio de 2012, o promotor manifestou a súa oposición ao citado condicionado, nos termos en que este foi elaborado.

O 19 de xuño de 2012, Retevisión I, S.A. achegou un escrito reiterándose nos termos do seu condicionado do 2 de maio de 2012. O 12 de setembro de 2019 o promotor achegou escrito no cal, co fin de facilitar a continuación da tramitación do expediente, manifesta a súa conformidade cos condicionados emitidos por Retevisión I, S.A.

Noveno. O 14 de maio de 2012, Augas de Galicia, en resposta á solicitude de condicionado técnico, comunicou que o condicionado que corresponda deberá establecerse nas regulamentarias autorizacións que sexan procedentes de acordo coa lexislación hidráulica. O 5 de xuño de 2012 o promotor achegou a súa resposta.

Décimo. O 22 de maio de 2012, a xefatura territorial reiterou a solicitude de condicionado técnico, efectuada o 23 de marzo de 2012 ao Concello de Cerdedo.

Décimo primeiro. O 22 de maio de 2012, a xefatura territorial reiterou a solicitude de condicionado técnico, efectuada o 23 de abril de 2012 ao Concello de Cuntis.

Décimo segundo. O 6 de xuño de 2012, o Concello da Estrada emitiu un condicionado técnico relativo á separata do proxecto de execución do parque eólico.

Décimo terceiro. O 16 de xullo de 2012, a xefatura territorial emitiu o informe técnico das instalacións do parque eólico.

Décimo cuarto. O 31 de xullo de 2012, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo quinto. O 16 de abril de 2013 Leonor Ares Ferrín, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castro, presentou unha alegación na cal manifesta que parte dos terreos afectados polo parque eólico pertencen á dita comunidade, e expón, ademais, o seguinte:

– Con posterioridade ao período de información pública, detectáronse erros na cartografía catastral, os cales supoñen unha redución nos terreos da comunidade, atribuíndose a súa titularidade a terceiras persoas.

– A delimitación perimetral correcta dos terreos da comunidade é a establecida na Resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 25 de xaneiro de 1979, na cal se establece que os terreos da comunidade chegan polo leste ata o límite do concello da Estrada, en contra do que se recolle na información catastral.

– Solicita que se tome nota da existencia dos erros mencionados e dáselle traslado á empresa promotora para que se absteña de acadar acordos, sobre os terreos en conflito, con terceiras persoas que non sexan a comunidade a que representa.

Décimo sexto. O 24 de setembro de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 17 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 14, do 21 de xaneiro de 2019).

Décimo sétimo. O 17 de febreiro de 2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo oitavo. O 26 de febreiro de 2019, Xosé Herique Bazal Bouzas, en representación da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, achegou unha alegación na cal, en síntese, manifesta o seguinte:

– Necesidade de protección do patrimonio vexetal, animal, etnolóxico e arqueolóxico existente na zona do parque eólico. En concreto, ponse de manifesto o impacto que xerarían as instalacións do parque eólico sobre a festa de interese turístico internacional da Rapa das Bestas.

– A declaración de impacto ambiental vulnera, entre outros, o artigo 7 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro. Ademais, achégase o informe Afecciones previstas do parque eólico Pico Touriñán á poboación de cabalos salvaxes que concorren na Rapa das Bestas de Sabucedo, no cal se establecen medidas que, a xuízo do alegante, son igualmente válidas para ter en conta no proxecto do parque eólico Touriñán III-2.

– Existencia de deficiencias no estudo de impacto ambiental, tales como a non consideración dos parques eólicos existentes na zona, estudo incompleto dos impactos na fase de explotación, avaliación deficiente das afeccións sobre a paisaxe e sobre a saúde das persoas e da fauna, e falta de estudo dos efectos xerados polo ruído, así como dos impactos sobre a avifauna, a saúde ambiental, a calidade de vida das persoas, e sobre o uso gandeiro e o alto risco de incendios xerado polas instalacións.

Décimo noveno. O 3 de xuño de 2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que os aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable acorde co Plan sectorial eólico de Galicia.

Vixésimo. O 12 de setembro de 2019 o promotor achegou unha declaración asinada por un enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, no cal asume como propio o contido íntegro do proxecto achegado polo promotor o 27 de xuño de 2011, o cal estaba asinado polo enxeñeiro técnico industrial Felipe Raña Villasenín.

Vixésimo primeiro. Coa mesma data indicada no punto anterior, o promotor solicitou unha modificación do proxecto, consistente na modificación da evacuación do parque eólico por unha nova posición nunha subestación en tramitación.

Vixésimo segundo. Mediante a Resolución do 13 de novembro de 2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas aprobou os cambios no proxecto do parque eólico, solicitados polo promotor o 12 de setembro de 2019.

Vixésimo terceiro. O 21 de novembro de 2019 o promotor achegou o documento Addenda ao proxecto parque eólico Touriñán III-2. Novembro 2019, co fin de incorporar ao proxecto do parque eólico os cambios aprobados pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o 13 de novembro de 2019.

Vixésimo cuarto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 24 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. Non consta no presente expediente que o promotor solicitase acollerse á Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, de conformidade coa disposición transitoria terceira da citada lei, polo que o parque eólico se tramitou de acordo co indicado no número 2 de dita disposición transitoria.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, de conformidade coa disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Cuarto. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. Co obxecto de clarexar as alegacións de carácter ambiental presentadas en relación coa tramitación do proxecto, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal formulou a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 24 de setembro de 2013 a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental, nas cales pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias. En concreto, tal e como se reflicte na citada declaración de impacto ambiental, o proxecto conta, entre outros, cos informes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, de Augas de Galicia, da Axencia Turismo de Galicia, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Investigación.

2. No que respecta ás alegacións relacionadas coa solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico, serán consideradas na resolución que se dite en relación con este asunto. Non obstante, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos achegados polas persoas alegantes, relativas á titularidade e características dos bens e dereitos afectados, á magnitude das afeccións e, nalgúns dos casos, á expropiación total dos predios.

3. No relativo aos riscos de incendios, o promotor deberá cumprir co exixido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ou normativa que lle sexa de aplicación.

4. No relativo á obrigatoriedade de visado do proxecto, cómpre manifestar que o proxecto deste parque eólico non se atopa incluído en ningún dos supostos previstos no artigo 2 do Decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio.

No que respecta á ausencia da competencia profesional do enxeñeiro técnico asinante do proxecto, cómpre manifestar que, tal e como se recolle no antecedente de feito vixésimo, o 12 de setembro de 2019 o promotor achegou unha declaración asinada por un enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos na cal asume como propio o contido completo do mencionado proxecto.

Quinto. Segundo se establece no artigo 43 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a execución deste proxecto viuse afectada directa ou indirectamente polo procedemento xudicial PO 7532/2011, que finalizou coa sentenza STS2018-1492, polo que o transcurso do prazo de vixencia da declaración de impacto ambiental quedou en suspenso desde o inicio do dito procedemento ata a sentencia xudicial firme.

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 24 de setembro de 2013, e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución:

a) Na declaración de impacto ambiental conclúese o seguinte: «Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Touriñán III-2 e nela recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

1. Ámbito da declaración.

2. Protección da atmosfera.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

4. Protección do solo e infraestruturas.

5. Xestión de residuos.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

7. Protección do patrimonio cultural.

8. Integración paisaxística e restauración.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

10. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra) e promovido por Beltaine Touriñán, S.L., para unha potencia de 24 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico Touriñán III-2, composto polos documentos:

– Proxecto de execución: parque eólico e liña de evacuación Touriñán III-2. Xuño 2011, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Felipe Raña Villasenín, colexiado nº 2006 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e asumido na súa totalidade polo enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, Fausto Núñez Casamayor, colexiado nº 28614.

– Addenda ao proxecto parque eólico Touriñán III-2. Novembro 2019, asinada polo enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, Fausto Núñez Casamayor, colexiado nº 28614.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Beltaine Touriñán, S.L.

Domicilio: Bodión Abanqueiro s/n, 15930 Boiro.

Denominación: parque eólico Touriñán III-2.

Potencia admitida a trámite: 24 MW.

Concellos afectados: A Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra).

Produción media anual neta estimada: 74.544 MWh/ano.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

P.E. Touriñán III-2 poligonal

Coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29)

X

Y

X

Y

541.339,81

4.713.933,40

541.371,31

4.713.958,10

540.650,10

4.713.392,70

541.631,82

4.713.895,60

539.876,00

4.714.913,01

542.557,03

4.714.250,10

539.876,00

4.714.991,51

542.911,74

4.714.200,70

540.381,21

4.716.018,92

543.618,04

4.713.587,00

540.938,92

4.715.457,91

543.647,34

4.713.577,00

541.454,13

4.716.006,61

543.610,54

4.713.567,00

541.666,13

4.715.081,31

542.903,04

4.714.181,70

541.420,32

4.713.996,60

542.613,63

4.714.222,00

541.659,92

4.713.856,60

Localización dos aeroxeradores:

Coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29)

Nº de aeroxerador

X

Y

TOUIII-1

540.080

4.714.953

TOUIII-2

540.920

4.714.227

TOUIII-3

540.718

4.713.700

TOUIII-4

541.241

4.714.110

TOUIII-5

540.437

4.715.679

TOUIII-6

540.943

4.715.170

TOUIII-7

541.461

4.715.081

TOUIII-8

541.343

4.715.596

Características técnicas das instalacións:

– 8 aeroxeradores Vestas V112 de 3 MW de potencia nominal unitaria con xerador síncrono, montados sobre fuste tubular metálico, cunha altura ata a buxa de 84 m e un diámetro de rotor de 112 m.

– 8 centros de transformación de potencia unitaria 3.450 kVA, con relación de transformación de 0,65/30 kV, instalados no interior dos aeroxeradores coa súa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento, situado no interior do aeroxerador nº 4, e deste coa subestación de transformación colectora pertencente ao parque eólico Pico Touriñán (expte. IN661A 2010/3-4).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Beltaine Touriñán, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 165.600 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

6. Así mesmo, o promotor deberá ter en conta o regulado na disposición transitoria octava da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, modificada polo Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, no que se refire á caducidade dos permisos de acceso e conexión. A caducidade destes permisos, no caso de producirse, poderá dar lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

7. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 24 de setembro de 2013, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental. Así mesmo, o promotor deberá ter en conta o regulado na disposición transitoria primeira da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, no que se refire á caducidade da declaración de impacto ambiental. A citada caducidade, no caso de producirse, dará lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O promotor deberá adoptar todas as medidas compensatorias a que fai referencia o informe da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Investigación, relativo á valoración da posible incidencia do parque eólico sobre un radar meteorolóxico propiedade da Xunta de Galicia, sito no cumio do monte Xesteiras, de acordo co indicado no número 10.5 da declaración de impacto ambiental do 24 de setembro de 2013.

No caso de que se manifestasen perturbacións no funcionamento do citado radar meteorolóxico da Xunta de Galicia, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Beltaine Touriñán, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle ao funcionamento do radar as anteriores condicións de calidade.

9. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

12. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Beltaine Touriñán, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito terceiro:

Manuela Picallo Cerviño, o 13.4.2012 e o 27.6.2012; Pedro Gómez Vázquez, o 18.4.2012; María Domitila Mariño Besteiro, o 19.4.2012; José Iglesias García, o 20.4.2012; Ana Silva Marino, no nome dos herdeiros de José Silva Pichel e Manuel Silva Guimarey, o 2.5.2012; A Sociedade Galega de Historia Natural, o 8.5.2012; Guillermo Basteiro Silva, no nome da Comunidade de Usuarios de Montillón de Arriba, o 18.5.2012; Guillermo Basteiro Silva, o 18.5.2012; María Isabel Ferrín García, o 18.5.2012; María del Carmen Araceli Silva Gil, o 18.5.2012; Manuel Campos Maceiras, o 5.6.2012; Dolores Lorenzo Gago, o 6.6.2012; Claudina Cerviño Lorenzo, o 6.6.2012; Félix Pérez Landa, o 6.6.2012; Eólicos Touriñán, S.A., o 12.6.2012; Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 13.6.2012.