Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2020 Páx. 4107

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública.

O artigo 2 do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, inclúe a Dirección Xeral da Función Pública dentro dos órganos de dirección da Consellería de Facenda.

A actividade administrativa da Consellería de Facenda leva consigo unha concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1.

A vixente orde sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública ten data do 8 de xullo de 2013 (DOG do 18 de xullo). Desde entón producíronse importantes cambios normativos, coa entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, así como da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Máis recentemente, o artigo 7.dous da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadiu un parágrafo ao final do número 4 da disposición transitoria oitava da citada Lei 2/2015, do 29 de abril, atribuíndo ao titular da Consellería de Facenda a competencia para resolver as solicitudes de recoñecemento da progresión acadada na carreira administrativa. Por outra banda, o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e no seu artigo 5 atribúe ao titular da consellería a competencia para o nomeamento da Comisión de Funcionarización.

Por tanto, dado o volume destas novas funcións, resulta necesario ditar nova orde de delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, de conformidade co marco normativo en vigor.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

ACORDO:

Artigo 1

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias atribuídas á persoa titular da consellería competente en materia de función pública polo artigo 14 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que a seguir se relacionan:

a) Convocar e resolver os concursos de traslados.

b) Nos procesos de selección de persoal, a convocatoria do correspondente proceso selectivo, así como os trámites correspondentes despois da convocatoria: o nomeamento dos tribunais de selección; a ampliación de prazos; a convocatoria ao acto de elección de destino; o nomeamento, de ser o caso, como persoal funcionario en prácticas, e como persoal funcionario de carreira das persoas aspirantes que superen o proceso.

c) A selección e nomeamento do persoal funcionario interino.

d) A resolución das situacións administrativas e demais incidencias do persoal funcionario da Administración Xeral da Comunidade Autónoma previstas na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

e) A autorización de comisións de servizo de carácter voluntario e de carácter forzoso, permutas, así como a adscrición con carácter provisional do persoal funcionario sen destino definitivo e os traslados por razóns de saúde do persoal funcionario.

f) O recoñecemento do grao persoal e trienios, así como o recoñecemento de servizos previos.

g) A resolución de xubilación, así como a prolongación da permanencia no servizo activo, segundo o artigo 68 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Artigo 2

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias atribuídas á persoa titular da consellería competente en materia de función pública polo artigo 14 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, así como polo vixente convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, en materia de xestión de persoal laboral que a seguir se relacionan:

a) A selección do persoal laboral temporal.

b) Recibir comunicación obrigatoria dos contratos de traballo de carácter temporal ou de duración determinada que formalicen as distintas consellerías.

c) A resolución das situacións e incidencias na xestión de persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia, tales como xubilacións ou a continuidade no servizo, recoñecemento de trienios e de servizos previos, excedencias, permutas, adscrición temporal, mobilidade que implique cambios de consellería e desempeño de funcións de categoría superior ou inferior.

d) A emisión de informes sobre mobilidade, acción social e calquera outro que sexa solicitado polas consellerías respectivas.

e) Designar os representantes da Administración autonómica para a negociación do convenio colectivo e para formar parte nas comisións que se creen no seu seo.

f) Coordinar as relacións e as informacións que se teñan que cursar coa comisión paritaria do convenio colectivo, comités de empresa e seccións sindicais.

g) Actuar como centro de coordinación e información das relacións laborais do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

h) A sinatura dos contratos do persoal laboral fixo.

i) O rexistro e notificación oficial das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 3

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias relativas ás seguintes materias:

a) A inscrición no rexistro de persoal da Xunta de Galicia de todos os actos que afecten a vida administrativa do persoal.

b) A clasificación dos tribunais e demais órganos de selección de persoal, a fixación do límite máximo de asistencias que percibirán os membros de tales órganos, de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre a percepción de indemnizacións por razón de servizo, sen prexuízo das competencias atribuídas ao órgano directivo competente en materia de orzamentos.

c) A publicación dos acordos do Consello da Xunta sobre aprobación e/ou modificación das relacións de postos de traballo.

d) A resolución dos expedientes de compatibilidade do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) As resolucións de autorización e cancelación de permisos institucionais ou dispensas sindicais concedidas aos representantes das organizacións sindicais ao abeiro do Acordo de dereitos sindicais na Administración da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 2013 ou do Acordo que substitúa o anterior.

f) A resolución das solicitudes de recoñecemento da progresión acadada na carreira administrativa.

g) A convocatoria dos procedementos de funcionarización do persoal laboral fixo, así como os trámites correspondentes despois da convocatoria: o nomeamento da comisión de funcionarización, a ampliación de prazos, a sinatura dos acordos de extinción da relación laboral e o nomeamento como persoal funcionario de carreira das persoas que superen o procedemento.

Artigo 4

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública, dentro do seu ámbito competencial:

– A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

– A resolución das reclamacións administrativas previas á vía xudicial cando a delegación non estea prohibida expresamente.

– A admisión a trámite e a resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 5

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 6

En calquera momento a persoa titular da consellería competente en materia de función pública poderá avocar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 8 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda