Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2020 Páx. 4013

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2020 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2020, así como a bonificación aplicable para o dito ano.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 15 de xaneiro de 2019 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, emitida ao amparo do número dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 16, do 23 de xaneiro de 2019, fíxose público o importe do canon unitario que percibirá a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2019, que se fixa na suma de 69,83 euros por tonelada de residuos xestionada.

Segundo. De acordo co establecido no punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estableceuse para o ano 2019 unha bonificación do canon por importe do 10 % do canon do ano anterior, da que resulta unha cantidade de 62,93 euros como canon bonificado para aplicar a aquelas entidades locais que cumpran os requisitos establecidos na lei.

Terceiro. De acordo cos resultados económicos obtidos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), é posible manter o canon unitario de tratamento de 2019 sen proceder á actualización segundo o IPC durante o ano 2020. Igualmente, é posible manter a aplicación do canon bonificado establecido para o ano 2019 durante o ano 2020 para aquelas entidades locais que xustifiquen o cumprimento os requisitos establecidos na lei, así como aplicalo durante 2020 a aquelas outras entidades locais que non se beneficiaron del e cumpran os requisitos establecidos.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da entón Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, de modificación parcial do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ben directamente ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao amparo da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

O punto dous da dita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo e que se publicaría a súa contía no Diario Oficial de Galicia.

A lei establece como unha das súas finalidades alcanzar un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema, polo que, quedando garantida a sustentabilidade financeira do sistema sen necesidade de actualizar para o ano 2020 o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos, pode considerarse de forma excepcional non proceder á súa actualización.

Igualmente, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduciu no seu artigo 11 unha modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, mediante a cal se introduce un número tres bis na disposición adicional vixésimo primeira, na cal se regula a posibilidade de establecer unha bonificación na contía do canon unitario de tratamento por tonelada nunha porcentaxe que non excederá o 10 % da cantidade que en concepto de canon estea vixente no ano inmediatamente anterior.

Dándose as circunstancias establecidas nese número tres bis da mencionada disposición adicional vixésimo primeira, ao concorreren na Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) circunstancias económicas de cumprimento dos obxectivos orzamentarios e as previsións do plan de viabilidade, é posible manter durante o ano 2020 o canon bonificado do ano 2019.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable durante o ano 2020, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 69,83 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Establecer e facer público o mantemento durante o ano 2020 do canon bonificado establecido para o ano 2019 por importe de 62,93 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido. O dito canon bonificado será de aplicación a aquelas entidades locais que cumpran no ano 2019 as condicións específicas establecidas nese número tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e cumpran igualmente no ano 2020 as condicións establecidas nela.

Para aquelas entidades que non soliciten a aplicación do canon bonificado no ano 2019, ou ben, téndoo solicitado, non cumprisen os requisitos establecidos na Lei para o seu mantemento, poderán solicitar a súa aplicación para o ano 2020, que será efectiva sempre que cumpran as condicións específicas establecidas nese número tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda