Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2020 Páx. 1828

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 171/2019, do 19 de decembro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, aprobados polo Decreto 142/2015, do 17 de setembro.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu artigo 42, autorizou a creación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos como axencia pública autonómica adscrita, a través do Servizo Galego de Saúde, á consellería competente en materia de sanidade, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas coa doazón e o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e tecidos e o procesado e almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas humanas con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación.

O artigo 43 da citada Lei 14/2013, do 26 de decembro, estableceu que mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia se procedería á creación da axencia, así como á aprobación dos estatutos que detallasen as funcións específicas que desenvolvería.

No mesmo sentido, e con carácter xeral, o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé que, tras a lei que autorice a creación dunha entidade instrumental, se procederá á súa creación e á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

Mediante o Decreto 142/2015, do 17 de setembro, creouse a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e aprobáronse os seus estatutos, dando cumprimento ás previsións legais antes indicadas.

O presente decreto ten por obxecto a modificación dos ditos estatutos coa finalidade fundamental de incluír na estrutura da axencia a Dirección de Xestión e Servizos Xerais.

Con esta modificación da estrutura directiva de axencia preténdese adecuar o nivel de desempeño, coas responsabilidades e desafíos que a xestión da Axencia implica, para dar cumprimento aos obxectivos resultantes das actividades asumidas tras a súa creación.

Así, da agrupación das distintas actividades que constitúen o fin xeral da axencia para dar cumprimento á lei antedita e máis á Lei 16/2010, do 17 de decembro, conséguese a coordinación e auméntase a eficiencia e eficacia das distintas actividades que, desde a súa creación, se agrupan nela.

Estas actividades son as de garantir o abastecemento de sangue e os seus derivados aos provedores de servizos sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación; coordinar a doazón, os transplantes de órganos e o implante celular de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación, e, por último, asumir a organización e garantir a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos.

Esta agrupación de actividades implicou una remodelación organizativa interna que está en fase de desenvolvemento, xa que logo, a coordinación das diferentes actividades adscritas precisa de un reaxuste tanto físico coma de funcións do persoal adscrito.

Por outra banda, a creación da axencia, entre outros cambios organizativos asimilados, debe compaxinar o mantemento do sistema contable financeiro co sistema contable orzamentario, tal como a normativa actual exixe, e coa utilización dos programas informáticos de control orzamentario da Administración autonómica. Todo isto mantendo, ademais, o dobre sistema de ingresos e gastos propios da entidade e con caixa propia.

A creación da Dirección de Xestión e Servizos Xerais permitirá dispor dun único servizo para xestionar os servizos comúns, dar soporte administrativo, de xestión de persoal e orzamentaria aos distintos programas e actuacións da axencia, coordinar e supervisar o seu desenvolvemento e a correcta execución.

Tamén posibilitará que a Dirección da axencia reciba a asistencia e o apoio necesarios para optimizar e simplificar o proceso de toma de decisións, así como o despacho ordinario dos asuntos, mantendo a continuidade da actividade da axencia.

Deste xeito, racionalízase a xestión, redúcense os órganos de apoio e mellórase a eficiencia dos procesos, concentrando nun único servizo actividades necesarias e vitais para a xestión cotiá dos recursos materiais e humanos da axencia, de xeito que a realización dos seus servizos non se vexa atrasada nin condicionada por actividades burocráticas.

Para tal efecto, resulta necesario modificar o artigo 11 dos estatutos co fin de recoller a competencia da Presidencia da axencia para o nomeamento e cesamento da persoa titular da nova Dirección de Xestión e Servizos Xerais.

Tamén resulta obrigada a modificación do artigo 13 dos estatutos da axencia, co obxecto de incluír nas competencias do Consello Reitor a de formular a proposta de nomeamento e cesamento da persoa titular da citada Dirección de Xestión e Servizos Xerais.

Introdúcese un novo artigo 15 bis para recoller o novo órgano e as súas funcións, sen alterar nin renumerar o resto dos preceptos estatutarios, e modifícase o artigo 16 para realizar a adscrición dun servizo, necesario para que a nova dirección poida levar a cabo as súas funcións.

Finalmente, modifícase o artigo 32 dos estatutos da axencia, co fin de recoller a condición de persoal directivo da persoa titular da nova Dirección de Xestión e Servizos Xerais.

A presente disposición adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, por canto se trata dunha modificación mínima necesaria, orientada a mellorar a eficacia no funcionamento da axencia, e proporcionada aos seus obxectivos.

O decreto conta cos informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda e foi sometido á Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 55.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en relación co artigo 18.3, letra a) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación dos estatutos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, aprobados polo Decreto 142/2015, do 17 de setembro

Os estatutos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos quedan modificados como segue:

Un. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 11, que queda redactada como segue:

«(....) c) Nomear e cesar as persoas titulares da Dirección da Axencia e da Dirección de Xestión e Servizos Xerais».

Dous. Modifícase a letra i) do artigo 13, que queda redactada como segue:

«i) Propoñer o nomeamento e cesamento, se é o caso, das persoas titulares da Dirección da Axencia e da Dirección de Xestión e Servizos Xerais».

Tres. Engádese un artigo 15 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 15 bis. Dirección de Xestión e Servizos Xerais

1. Baixo a dependencia da Dirección da axencia estará a Dirección de Xestión e Servizos Xerais, á cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Dirixir o funcionamento dos servizos comúns da axencia, o seu réxime interior, así como o dos órganos e unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia.

b) Velar polo correcto soporte dos programas e das actuacións das diferentes áreas da axencia.

c) Preparar o borrador de anteproxecto de orzamento, levar a cabo o seguimento da xestión e da execución económica, orzamentaria, de persoal e das fontes de financiamento, así como dos expedientes de contratación promovidos pola axencia.

d) Coordinar a xestión do inventario e patrimonio da axencia, de conformidade coas previsións contidas na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Revisar e validar o borrador inicial do contrato plurianual de xestión, o plan de acción anual, o informe xeral anual de actividade e as contas anuais.

f) Preparar os asuntos que teñan que elevarse ao Consello Reitor, ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Control.

g) Dirixir a execución das funcións técnicas e de apoio ao desenvolvemento normativo e ao exercicio de funcións resolutorias nas materias obxecto da actividade da axencia.

h) Dirixir os servizos de documentación e publicación da axencia, garantindo a accesibilidade á información do seu departamento segundo a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, sen prexuízo da competencia doutros órganos nesta materia, e prestar asistencia e soporte tecnolóxico ás distintas áreas da axencia.

i) Prestar asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Dirección da axencia nos asuntos que esta considere conveniente.

j) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da axencia ou o Consello Reitor.

2. O posto proverase de conformidade co previsto no artigo 32.

3. O Servizo de Xestión e Servizos Xerais previsto no artigo seguinte estará baixo a súa dependencia directa».

Catro. Modifícase o primeiro parágrafo e a alínea o) do artigo 16, que quedan redactados como segue:

«1. O Servizo de Xestión e Servizos Xerais, baixo a dependencia directa da Dirección de Xestión e Servizos Xerais, dará soporte e prestará asistencia a esta nas actividades que esta lle encomende e nas relativas á xestión económica, administrativa e do persoal da axencia, a través do desempeño das seguintes funcións: (...)

o) Garantir a accesibilidade á información do seu departamento segundo a Lei 1/2016, do 18 de xeneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia».

Cinco. Modifícase o artigo 32, que queda redactado como segue:

«Artigo 32. Persoal directivo

1. De conformidade co artigo 121 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, terá a consideración de persoal directivo da axencia a persoa titular da Dirección da axencia, así como a persoa que ocupe o posto de director/a de Xestión e Servizos Xerais.

2. A selección do persoal directivo rexerase polos principios de mérito, capacidade, idoneidade, concorrencia e publicidade. A correspondente convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. O nomeamento e o cesamento do persoal directivo corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, de acordo co previsto nos artigos 76.h) e 121.7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, logo da proposta do Consello Reitor.

4. A persoa titular da Dirección da axencia deberá ter a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira do Sistema Público de Saúde de Galicia, e reunir os requisitos de solvencia académica, profesional ou científica nas materias de competencia da axencia.

5. A persoa que ocupe o posto de director/a de Xestión e Servizos Xerais deberá ter a condición de persoal estatutario fixo do subgrupo de clasificación profesional A1 ou funcionario de carreira do subgrupo A1.

6. A vinculación formalizarase mediante nomeamento de carácter administrativo e o persoal quedará na situación administrativa que corresponda segundo a lexislación vixente que lle resulta aplicable.

7. O persoal directivo estará suxeito á avaliación segundo criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que se lle fixen.

8. Os postos de traballo do persoal directivo entenderanse como de especial dedicación e serán incompatibles con calquera outra actividade pública ou privada, agás as derivadas da docencia universitaria nos termos do artigo 4 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade