Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1555

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 169/2019).

Eu, María Iria Román Vidarte, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 169/2019 deste xulgado do social, seguido por instancia de Marta Ferreiro Bello contra Perfume VIP, S.L. sobre despedimento, se ditou o seguinte auto que é do teor literal seguinte:

«Auto.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019

Antecedentes de feito:

Primeiro. Neste xulgado séguese procedemento de execución número 169/2019 por instancia de Marta Ferreiro Bello, asistida pola letrada Sra. Rudiño Agrafojo, como consecuencia de autos de despedimento número 184/2019, seguido fronte á empresa Perfume VIP, S.L.

Segundo. En sentenza ditada por este xulgado o 21 de xuño de 2019 fállase estimando en parte a demanda interposta, declarando improcedente o despedimento da traballadora, condenando o demandado para que, no prazo de cinco días, opte por readmitir a traballadora con aboamento de salarios de tramitación desde o despedimento de 30 de xaneiro de 2019 ata a notificación da propia sentenza a razón de 39,65 euros/día, ou a indemnizala en importe de 4.470,50 euros.

Terceiro. Por escrito de parte presentado o 16 de setembro de 2019 e quendado a este xulgado, interésase a execución da decisión da sentenza. Despachouse a execución por auto do 19 de setembro de 2019 e citáronse as partes a comparecencia que se celebrou o día 10 de decembro de 2019, non comparecendo a executada nin o Fogasa.

A parte executante ratificouse na súa petición de extinción da relación laboral, cos efectos legais pertinentes.

Feitos probados:

Primeiro. A executante impugnou o despedimento de que foi obxecto con efectos do 30 de xaneiro de 2019, o que deu lugar ao procedemento de despedimento número 184/2019 deste mesmo xulgado, no que recaeu sentenza do 21 de xuño de 2019 que declara a improcedencia do despedimento condenando a demandada a optar entre readmisión ou indemnización. Dáse por reproducida esta.

Na devandita resolución fíxase como antigüidade o 16 de setembro de 2015, como salario regulador para estes efectos 1.206,01 euros mensuais brutos e como data de efectos do despedimento o 30 de xaneiro de 2019.

A sentenza é firme.

Segundo. A sentenza foi notificada á empresa condenada, non constando que efectuase opción.

Terceiro. A executada non readmitiu a traballadora.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Os anteriores feitos probados resultan da proba documental unida a autos, así como da aplicación do principio de facilidade probatoria, atendidas as alegacións da executante non contraditas de contrario.

Segundo. O artigo 281 da LRXS indica que, salvo que non se acrediten as alegacións formuladas pola executante, se ditará auto no que se declarará extinguida a relación laboral coa indemnización e salarios de tramitación do artigo 56, punto primeiro e segundo do ET, máis os salarios deixados de percibir desde a notificación da sentenza que por primeira vez declare a improcedencia ata a data da resolución que extingue a relación laboral. Isto é, en definitiva, procede a imposición da indemnización por despedimento improcedente, máis salarios de tramitación desde o despedimento ata a extinción.

Terceiro. O obxecto do incidente é determinar, en primeiro lugar, se a empresa condenada optou pola indemnización e, de non ser así, a consecuencia da súa falta de opción.

A sentenza estimou a acción de despedimento e deu á empresa a opción entre a readmisión e a indemnización á traballadora, sendo claro o contido do artigo 56.3 do ET que sinala que, no suposto de non optar pola readmisión ou a indemnización, se entende que procede a primeira. A forma na que se ten que facer a opción é expresa e perante o xulgado por escrito ou mediante comparecencia. A empresa non realizou a opción expresamente, segundo se deduce da documentación en autos, polo que se entende que optou tacitamente pola readmisión.

O vínculo laboral permaneceu vivo, e por tanto, ao non efectuarse a readmisión en forma, o que procede é declarar a extinción do contrato a data da presente resolución e, tal e como sinala o artigo 281 da LRSX, fixar a indemnización correspondente e salarios de tramitación.

Na comparecencia celebrada para o efecto, a demandada que non compareceu, a pesar da súa citación en forma, ningunha actividade despregou sobre o cumprimento da readmisión da traballadora.

En atención ao exposto, procede a extinción do contrato de traballo cos salarios de tramitación. En total supón, s.e.u.o., a cantidade de 5.560,91 euros en concepto de indemnización e 4.520,10 euros por salarios de tramitación desde a notificación da sentenza de despedimento (20 de agosto de 2019) ata a presente resolución (11 de decembro de 2019), a razón de 39,65 euros diarios.

Parte dispositiva:

Declárase extinguida con data da presente resolución a relación laboral que unía a Marta Ferreiro Bello coa empresa Perfume VIP, S.L., condenando a esta a que aboe á executante a cantidade de 5.560,91 euros en concepto de indemnización e 4.520,10 euros en concepto de salarios de tramitación.

Notifíquese a presente resolución ás partes e ao Fogasa, facéndolles saber que contra esta cabe recurso de reposición no prazo de tres días desde a súa notificación.

Así o acorda, manda e asina Sandra María Iglesias Barral, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela».

Advírtese a destinataria que as seguintes comunicación se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial.

E para que sirva de notificación a Perfume VIP, S.L., expido este edicto.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

A letrada da Administración de xustiza