Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 27 de decembro de 2019 Páx. 55828

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de suspensión previa do procedemento de autorización de novos usos de aloxamento temporal.

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o 19 de decembro de 2019, adoptou o seguinte acordo:

Ao abeiro do que dispoñen os artigos 47.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 86.1 do seu regulamento de desenvolvemento, e co fin de estudar a reforma da normativa do vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), que regula os usos de aloxamento temporal e a súa compatibilidade co uso residencial nas distintas ordenanzas e plans de desenvolvemento,

– Suspender o procedemento de autorización de novos usos de aloxamento temporal no ámbito territorial delimitado graficamente no plano anexo, coas exclusións que máis adiante se relacionan.

O ámbito territorial xenérico afectado pola suspensión é o que se define no seguinte plano e correspóndese cos terreos situados entre a delimitación do ámbito do PE-1 (liña amarela) e o denominado perímetro da suspensión (liña azul).

missing image file

Dentro do ámbito delimitado, a suspensión non afectará as seguintes parcelas e inmobles:

– As parcelas suxeitas á aplicación da ordenanza de equipamentos e dotacións.

– As parcelas especificamente cualificadas para uso terciario, que admitan o uso hoteleiro, ben sexa con carácter exclusivo ou con carácter alternativo ou compatible con outros usos distintos do de vivenda (residencial comunitario, dotacional ou outros terciarios). Este sería o caso, entre outros, do Hospital Vello de Galeras (AS-35).

– Aquelas en que a autorización do uso vivenda teña carácter residual e sexán maioritarios ou principais outros usos distintos do de vivenda (hoteleiro, residencial comunitario, dotacional, e outros terciarios). Este sería o caso, por exemplo, da ordenanza especial OE-6 (antigo colexio Manuel Peleteiro)

– As suxeitas á aplicación das ordenanzas 10 (actividades) e 12 (predios singulares) do PXOM.

– As incluídas no ámbito dos polígonos de solo urbano non consolidado e de solo urbanizable que non conten con proxecto de equidistribución definitivamente aprobado.

– As parcelas e inmobles que estean xa dedicados a uso hoteleiro ou de aloxamento temporal, de conformidade co respectivo título habilitante municipal de natureza urbanística, quedarán excluídas só na parte en que se desenvolve a actividade ou uso xa autorizados, quedando suspendidas as actuacións de ampliación.

Dentro do ámbito delimitado, a suspensión afectará os procedementos de outorgamento dos títulos habilitantes de natureza urbanística (licenza, comunicación previa ou declaración responsable) que supoñan a autorización dos seguintes usos ou actividades:

– Establecementos hoteleiros, nas súas distintas modalidades (hotel, pensión, pousada).

– Apartamentos e vivendas turísticas.

– Albergues turísticos (agás que se trate de albergues de peregrinos de titularidade pública).

– Vivendas de uso turístico, ou calquera outra modalidade que supoña a cesión da vivenda a terceiras persoas, mediante contraprestación económica, para estancias de curta duración (inferior a 30 días consecutivos) ou con finalidade turística.

– Calquera outra forma de aloxamento temporal con finalidade turística, nos termos que se definen no artigo 21.2 da Lei 7/2011, de turismo de Galicia.

O acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A suspensión será efectiva a partir da súa publicación e extinguirase, en todo caso, no prazo dun ano, sen prexuízo da suspensión automática que poida derivar do acordo de aprobación inicial da reforma.

Contra esta disposición poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A documentación poderá ser consultada na páxina web do Concello de Santiago de Compostela:

http://transparencia.santiagodecompostela.gal/Suspension-previa-de-novos-usos-de-aloxamento-temporal/gl

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17.6.2019)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica