Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 23 de decembro de 2019 Páx. 54251

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 158/2019, do 5 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Barro da estrada provincial EP-0505 N-550-Igrexa de Perdecanai.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 17 de outubro de 2017, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Barro asinaron un convenio para levar a cabo a execución do proxecto de pavimentación e dotación de servizos na EP-0505 N-550-Igrexa de Perdecanai (Barro). Neste convenio, unha vez rematadas as obras, o concello debe solicitar a transferencia do vial, de conformidade co establecido na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Barro de:

– Treito de 1.210 m de lonxitude da estrada provincial EP-0505 N-550-Igrexa de Perdecanai (Barro).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Barro deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Barro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o da día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade