Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 23 de decembro de 2019 Páx. 54248

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de decembro de 2019 pola que se clasifica de interese social, de defensa do medio natural e cultural a Fundación Amparo Varela Ron.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Amparo Varela Ron con domicilio en Toques (A Coruña), lugar de Pontequeimadas, Capela.

Feitos.

1. O 23 de outubro de 2019, Miguel Ángel Buján Varela, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Amparo Varela Ron constituíuse en escritura pública outorgada en Melide (A Coruña) o 10 de outubro de 2019, ante a notaria María del Carmen Carreira Simón, co número de protocolo 2.091, por Miguel Ángel Buján Varela, Guadalupe Vázquez Ascariz, Mónica Seijas Rey e Susana Buján Salgado que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– «A promoción da acción social, en especial a atención ás persoas en risco de exclusión social por razóns físicas, sociais ou culturais.

– A defensa e protección do medio rural do Concello de Toques.

– A protección do patrimonio histórico-artístico/cultural do Concello de Toques».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Miguel Ángel Buján Varela como presidente; Guadalupe Vázquez Ascariz como secretaria; Mónica Seijas Rey como tesoureira; e Susana Buján Salgado como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social, de defensa do medio natural e cultural da Fundación Amparo Varela Ron con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese social, de defensa do medio natural e cultural e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a la Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 25 de novembro de 2019,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social, de defensa do medio natural e cultural a Fundación Amparo Varela Ron, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza