Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 20 de decembro de 2019 Páx. 53986

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Inserta e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Inserta, unha vez vista a proposta da subdirectora xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 8 de novembro de 2019, Manuel Amil Lago, presidente do padroado da Fundación Inserta, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Inserta foi constituída en escritura pública outorgada en Narón o 25 de setembro de 2019, ante o notario Juan de la Riva López-Riobóo, co número 1.812 do seu protocolo, por Manuel Amil Lago, María Antonia Blanco Bermejo e José Pablo Paredes Rodríguez que actúan no seu propio nome e dereito.

Terceiro. En virtude do disposto nos artigos 3 e 4 dos seus estatutos, a Fundación ten por misión contribuír á plena inserción sociolaboral e inclusión social das persoas con discapacidade de calquera tipo e grado, sen prexuízo de atender igualmente colectivos en risco de exclusión social, contribuíndo a facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades e non discriminación. Para alcanzar a súa misión, a Fundación determina como os seus obxectivos ou fins fundacionais os seguintes:

‒ A promoción da plena integración laboral das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

‒ A promoción da cualificación profesional e competencias laborais como factores determinantes para a integración laboral de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

‒ A promoción, mantemento e xestión de centros especiais de emprego.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Amil Lago como presidente, María Antonia Blanco Bermejo como vicepresidenta e José Pablo Paredes Rodríguez como secretario.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na xuntanza do día 18 de novembro de 2019, elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese de promoción e de atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas ou sociais da Fundación Inserta consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 22 de novembro de 2019, clasificouse como de interese de promoción e atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas ou sociais á Fundación Inserta, e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Inserta, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social da Fundación Inserta, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Inserta.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Inserta no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social