Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 19 de decembro de 2019 Páx. 53785

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a xeodestinos de Galicia, para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501C).

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia (DOG núm. 216, do 11 de novembro), polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, regula no seu artigo 23 os xeodestinos turísticos, dispoñendo que son as áreas ou os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Tamén recolle que os xeodestinos terán un especial protagonismo nas accións de promoción turística da Administración autonómica.

Por outra banda o artigo 6 da citada lei recolle entre as competencias das entidades locais supramunicipais a promoción dos recursos turísticos e xeodestinos, en coordinación con todos os entes locais afectados e coa Administración autonómica.

A Estratexia 2020 do turismo de Galicia recolle ao longo das distintas liñas e obxectivos estratéxicos as actuacións en coordinación cos xeodestinos. Así mesmo, aparecen recollidos en numerosos obxectivos estratéxicos de distintas liñas como catalizadores do desenvolvemento turístico, tales como a Liña 3. Mobilidade turística, obxectivo estratéxico 3.1. Favorecemento da intermodalidade, entre as accións relacionadas: 5.5.1. Afondamento na organización turística de Galicia cos xeodestinos.

Na Liña 5. Cooperación na cadea de valor do turismo, como obxectivo estratéxico 5.5. Xeodestinos. Impulso da ordenación territorial turística de Galicia, máis en detalle como accións establécese o pulo á realización de plans de dinamización turística de xeodestinos.

En desenvolvemento e execución de normativa máis arriba indicada, Turismo de Galicia levou a cabo un rigoroso traballo para a ordenación turística mediante a división do territorio en comarcas turísticas. Este traballo tiña como obxectivo dispoñer dunha escala territorial inferior á da Comunidade Autónoma de cara a traballar determinados aspectos tanto da oferta coma da demanda turística en distintos mercados.

A Axencia Turismo de Galicia leva traballando, a través dos entes locais supramunicipais, na dinamización turística dos xeodestinos desde a súa creación.

A través desta resolución convócanse axudas que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia competitiva.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade ao abeiro do establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de dita lei.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

a) Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos xeodestinos de Galicia para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501C).

b) O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Solicitudes

a) Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos 5 e 9 das bases reguladoras.

b) As solicitudes deberán presentarse da forma e no prazo establecidos no artigo 8 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU501C.

c) Os teléfonos 981 54 74 06 e 981 54 25 67 da devandita axencia.

d) Enderezo electrónico proxectos.turismo@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións a xeodestinos de Galicia para o desenvolvemento
de actuacións para a dinamización turística (TU501C).

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o desenvolvemento de actuacións para a dinamización turística nos xeodestinos de Galicia durante o ano 2020.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Ao abeiro desta resolución son subvencionables as seguintes actuacións:

a) Planificación, creación e consolidación de produto turístico no xeodestino.

b) Comercialización, promoción e difusión do produto turístico.

c) Formación dirixida ao sector turístico.

d) Novas tecnoloxías aplicadas ao turismo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, as seguintes tipoloxías de entidades supramunicipais xestoras dos xeodestinos de Galicia definidos no artigo 23 da Lei 7/2011, do turismo de Galicia, que desenvolvan actuacións de dinamización turística durante o ano 2020, que se distribúen en dúas categorías:

1.1. Categoría 1ª: entidades locais.

a) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

b) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse a un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

1.2. Categoría 2ª: outras entidades.

a) Os grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Agader do 16 de novembro de 2016 polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia, así como sobre a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

b) Outras asociacións legalmente constituídas onde haxa unha participación maioritaria dos concellos que integran o xeodestino, sempre e cando os seus estatutos recollan as actuacións en materia de turismo como un dos seus obxectivos.

2. Será requisito indispensable que o ente beneficiario teña contratado un/unha técnico/a en turismo dedicado ao seguimento e coordinación das actuacións obxecto da actuación. Esta persoa deberá estar contratada como mínimo durante o período de execución das actividades obxecto da subvención, ben a tempo completo ou parcial, como parte do cadro de persoal; ou ben mediante contrato de servizos. En caso de non cumprir este requisito no momento de presentar a documentación, o ente solicitante deberá comprometerse por escrito na solicitude á súa contratación en tempo e forma.

3. Será necesario que exista un cofinanciamento mínimo por parte da entidade beneficiaria dun mínimo do 10 % do importe da subvención solicitada e concedida. Esta cantidade deberá ser xustificada xunto co importe da subvención.

4. Os requisitos para ser persoas beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración do representante legal da entidade xestora do xeodestino.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. Serán subvencionables aqueles gastos relacionados coas actividades de dinamización turística, como a planificación, a creación de produto, a promoción e difusión turística, a creación de contidos, a formación e o emprego das novas tecnoloxías.

Serán subvencionables as actuacións desenvolvidas desde o 1 de xaneiro ao 30 de novembro de 2020.

En todo caso, as accións de promoción deberán respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada promoción non poderá atentar a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

A utilización de calquera publicidade que non respecte o establecido no parágrafo anterior, suporá a perda ao dereito ao cobramento da subvención, e, se for o caso, o reintegro das contías recibidas, segundo se establece no artigo 21 destas bases.

2. Unicamente será subvencionable un proxecto por xeodestino solicitante. Se existise máis dunha solicitude por territorio, a subvención será adxudicada de acordo coa seguinte orde de prelación:

• Mancomunidades e consorcios.

• Grupos de desenvolvemento rural.

• Outras asociacións legalmente constituídas.

No caso de que se presenten dúas ou máis solicitudes nas categorías indicadas, adxudicarase á entidade que agrupe o maior número de concellos do xeodestino.

3. Non serán subvencionables ao abeiro desta orde as seguintes actuacións:

• Insercións publicitarias, anuncios, publirreportaxes ou similares nos medios de comunicación do ámbito territorial do xeodestino.

• Calquera tipo de publicidade en prensa escrita, radio ou canles de televisión, de ámbito autonómico.

• Actuacións de mellora de infraestruturas turísticas.

• Actuacións destinadas á mellora da accesibilidade aos recursos turísticos.

• Sinalización de recursos turísticos.

• Os gastos de viaxes, aloxamento, axudas de custo e conceptos similares dos representantes do ente xestor do xeodestino ou dos concellos integrantes agás os do persoal técnico responsables.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Neste suposto, tamén se deberá achegar a resolución de adxudicación do contrato, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 4. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

– 11.A2.761A.760.3, proxecto 2015 00006 (categoría 1ª), cun crédito de 550.000,00 €, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

– 11.A2.761A.781.0, proxecto 2015 00005 (categoría 2ª), cun crédito de 525.000,00 €, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

As subvencións obxecto desta resolución financiaranse con cargo aos citados créditos sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 6.

Se as solicitudes presentadas por categoría non esgotan o crédito previsto no parágrafo primeiro deste artigo poderase destinar á outra categoría, de acordo coa puntuación acadada.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda, de acordo coa táboa que se establece neste punto, por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden as cifras indicadas, a contía da axuda será como máximo o importe dos gastos:

Número de anos desenvolvendo actuacións de dinamización turística en colaboración con Turismo de Galicia

Contía máxima da axuda

9

150.000

6-7-8

100.000

4-5

75.000

2-3

50.000

0-1

30.000

A intensidade da axuda poderá alcanzar o 90 % do investimento subvencionable por xeodestino, de acordo coa puntuación obtida na valoración do proxecto ou memoria de actuación de conformidade co establecido no artigo 5.

De 30 a 45 puntos: 50 %.

De 45 a 60 puntos: 70 %.

De 61 a 75 puntos: 80 %.

De 76 a 100 puntos: 90 %.

4. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción de outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 5. Memoria de actuacións

Os solicitantes deberán presentar unha memoria explicativa completa e con suficiente calidade técnica das accións que vaian desenvolver, segundo o disposto no artigo 9.2 destas bases, que comprenderá os obxectivos a acadar, as fases de execución e os recursos involucrados e deberá ter extensión mínima de 15 páxinas e máxima de 40 a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

As accións que vaian desenvolver terán que encadrarse nalgunha das seguintes epígrafes:

• Actuacións de planificación, creación e consolidación de produto turístico no xeodestino.

• Comercialización, promoción e difusión do produto turístico.

• Formación.

• Novas tecnoloxías aplicadas ao turismo.

A memoria incluirá un orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar, para cada unha das actividades descritas no proxecto ou memoria, especificando a achega que será efectuada pola entidade beneficiaria.

Artigo 6. Criterios de valoración

1. As memorias de actuación que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da contía total subvencionada serán os seguintes:

a) Pola representatividade do ente solicitante dos concellos que forman parte do xeodestino ou subxeodestino:

• Inferior ao 50 %: 0 puntos.

• Do 50 % ao 75 %: 5 puntos.

• Do 76 % ao 100 %: 10 puntos.

b) Adecuación dos obxectivos do plan proposto á Estratexia 2020 e prioridades de Turismo de Galicia ou, en caso de habelo, ao propio Plan de desenvolvemento turístico do xeodestino. Ata un máximo de 35 puntos.

c) Pola creación de produtos turísticos que inflúan na desestacionalización do turismo en Galicia. Ata un máximo de 15 puntos.

d) Pola oferta de produtos turísticos accesibles, ou destinados a familias ou público sénior. Ata un máximo de 10 puntos.

e) Por innovación e singularidade na realización de campañas promocionais ou pola incorporación de elementos innovadores e singulares nos produtos e servizos turísticos propostos. Ata un máximo de 35 puntos.

2. Non terán dereito a subvención aquelas propostas que obteñan unha valoración inferior a 30 puntos.

Artigo 7. Comisión de Valoración

1. As solicitudes serán valoradas conforme os criterios de baremo previstos nestas bases por unha Comisión de Avaliación que plasmará o resultado da valoración nun informe, en que figurará a relación de solicitudes admitidas ordenada por orde decrecente de puntuación, que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución provisional, ao órgano competente para resolver.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que exercerá a presidencia.

b) Delegados/as territoriais de cada unha das provincias ou persoas en que deleguen.

c) Un/unha responsable de Área da Dirección de Promoción de Turismo de Galicia.

d) O director de Competitividade de Turismo de Galicia.

e) O/a xefe/a da Área de Calidade e Proxectos Europeos, que actuará como secretario/a.

Os/as suplentes serán designados/as pola directora da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

4. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada unha das entidades que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder da entidade representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación administrativa que deberá presentarse será a seguinte:

A) Na categoría 1ª: as entidades locais deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do/da secretario/a da entidade local en que conste o acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para as actividades ou proxectos e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes.

b) Certificación da secretaría do concello, da mancomunidade ou consorcio, que acredite que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c) No caso de agrupación de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos, que deberá incluír, en todo caso os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles e a designación do/da representante ou apoderado/a único/a da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

Así mesmo, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as actividades e proxectos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nestas bases, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro destas bases ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/da alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia efectuouse antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

d) No caso de que se trate dunha mancomunidade ou consorcio, deberá presentarse o instrumento xurídico acreditativo da súa constitución. Os acordos ou certificacións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

B) Na categoría 2ª: os grupos de desenvolvemento local e outras asociacións interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do/da presidente/a da entidade co acordo do órgano competente polo que se acorda participar nesta convocatoria.

b) Escritura de constitución.

2. No que respecta á documentación do proxecto (para ambas as dúas categorías), deberá achegarse:

– Memoria de actuacións explicativa e completa das accións que se vaian desenvolver cos obxectivos para acadar, as fases de execución e os recursos involucrados, cunha extensión mínima de 15 páxinas e máxima de 40 a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11, coas accións descritas no artigo 5 destas bases e cos diferentes aspectos técnicos, económicos e financeiramente viables e que poidan ser avaliables segundo o artigo 6 destas bases reguladoras. A memoria incluirá un orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar, para cada unha das actividades descritas no proxecto ou memoria, especificando a aportación que será efectuada pola entidade beneficiaria.

– Documentación que acredite o número de anos que a entidade vén desenvolvendo actuacións de dinamización turística en colaboración con Turismo de Galicia.

3. Ademais, no modelo de declaración que se incorpora no anexo II farase constar:

a) Conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 21 das bases reguladoras.

g) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda autonómica e coa Facenda estatal e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda con ningunha outra Administración pública.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da persoa xurídica representante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Consellería de Facenda.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

A xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

4. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional que expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, importe subvencionable, porcentaxe da axuda e subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista ordenada por orde decrecente de puntuación dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible.

5. No suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 15. Audiencia

1. O órgano instrutor notificará a proposta de resolución provisional aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 16. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, obxecto da subvención, importe do investimento subvencionable, contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ao cal se lle concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución á persoa interesada será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Se o acto non fose expreso, poderá interpoñerse o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación desta antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables, e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa da modificación solicitada, orzamento ou proxecto modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao/á interesado/a nos termos previstos no artigo 15.

6. Cando o/a beneficiario/a da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o/a beneficiario/a das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios/as disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a se ditar proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Esta acreditación poderá realizarse mediante unha declaración responsable do solicitante, de conformidade co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia. Para estes efectos, deberán incluír o logo da Xunta de Galicia de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Igualmente, o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, pendrive), deberán facer constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/da beneficiario/a da subvención.

En todo caso, a publicidade do proxecto debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

h) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 22. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación, ata o 100 %, as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

A tramitación e contratación será realizada polos entes supramunicipais xestores dos xeodestinos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán estas entidades contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o/a beneficiario/a terá de prazo ata o 30 de novembro de 2020 para presentar, por medios electrónicos e de acordo co sinalado no artigo 8 destas bases, orixinais ou copias da documentación que a seguir se indica:

A) No caso de que a entidade beneficiaria sexa unha entidade local (categoría 1ª):

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IV.

b) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

– En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

– Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión, obxecto do gasto e data de recoñecemento da obrigación polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se for o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia anteriormente

– Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O investimento xustificado deberá gardar coherencia co orzamento presentado inicialmente e que serviu de base ao cálculo da subvención.

c) Unha memoria descritiva das accións realizadas para as que foi concedida a axuda a que se xuntarán os carteis, folletos, fotografías ou calquera outra documentación que xustifique o cumprimento da actividade subvencionada. Esta documentación deberá incluír necesariamente a publicidade a que se fai referencia no artigo 21, alínea g), destas bases reguladoras.

d) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

e) Copia do contrato e parte de alta na Seguridade Social do/da técnico/a en turismo dedicado ao seguimento e coordinación das actuacións obxecto da subvención, segundo se establece no artigo 2.2, así como copia da súa titulación.

B) No caso doutras entidades (categoría 2ª):

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V para outras entidades.

b) Conta xustificativa de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, para o que a asociación deberá presentar:

– Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se for o caso, data de pagamento.

– Facturas, orixinais ou copias compulsadas, correspondentes á execución das actividades obxecto do convenio. As facturas presentaranse en orixinal e achegarase xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarias) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

– Transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados, orixinal ou copia compulsada, correspondentes á execución do obxecto da subvención.

– No caso de ser financiadas as actividades, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, de conformidade co disposto no artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Unha memoria descritiva das accións realizadas para as que foi concedida a axuda a cal se xuntarán os carteis, folletos, fotografías ou calquera outra documentación que xustifique o cumprimento da actividade subvencionada. Esta documentación deberá incluír necesariamente a publicidade a que se fai referencia no artigo 21, alínea g), destas bases reguladoras.

d) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

e) Copia do contrato e parte de alta na Seguridade Social do/da técnico/a en turismo dedicado ao seguimento e coordinación das actuacións obxecto da subvención, segundo se establece no artigo 2.2, así como copia da súa titulación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir co importe do orzamento con base no que se concedeu a subvención, ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre que se cumpra coa finalidade para a que se concedeu a subvención, corresponderá igualmente o pagamento do importe concedido sempre que a contía xustificada sexa igual ou superior a este.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 24. Pagamento e pagamentos anticipados

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

2. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que as persoas beneficiarias se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Para tales efectos, o solicitante deberá achegar as ditas certificacións de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 6.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

Estas certificacións poderán substituírse pola presentación dunha declaración responsable da entidade beneficiaria cando sexa entidade local, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. No caso de agrupacións de concellos, estes deberán presentar cada un a súa.

3. Poderanse realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo do 100 % da axuda pública correspondente ao investimento, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Para a realización dos pagamentos anticipados, deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas, na forma establecida no artigo 67 do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia. En todo caso, están exentas da obriga de constituír garantía as entidades que se inclúen no artigo 65.4 do citado regulamento.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión para cada unha das liñas de subvencións, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas ao abeiro da correspondente liña, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 26. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas de Galicia.

Artigo 27. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Os/as interesados/as poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorran algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000,00 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario/a da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file