Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 17 de decembro de 2019 Páx. 53484

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza o peche e desmantelamento do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II, promovido por UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2019/001-4).

Feitos:

Primeiro. O 5.11.2007 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou e se aprobou o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica, promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A., denominada LAT 132 kV O Porriño-Frieira II, repotenciación a 220 kV, tramo subestación Atios-apoio nº 12, no concello do Porriño (expediente IN407A 2007/257-4), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 20.12.2007.

Esta infraestrutura eléctrica constitúe a terceira fase do proxecto de conexión a 220 kV entre as subestacións de Atios e Montouto, que foi dividido nas tres fases seguintes:

• Fase 1ª: consistente na repotenciación a 220 kV da liña eléctrica a 132 kV O Porriño-Frieira II, tramo Montouto (apoio 90)-Frieira, que obtivo autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución mediante Resolución do 3.6.2004 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (expedientes IN407 2003/727-4 e IN407A 2004/007-3), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 21.6.2004.

• Fase 2ª: consistente na repotenciación a 220 kV da liña eléctrica a 132 kV O Porriño-Frieira II, tramo Montouto (apoio 91)-apoio 12, que obtivo autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución mediante Resolución do 3.12.2007 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (expediente IN407A 2007/001), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 31.3.2008.

• Fase 3ª: consistente na conexión a 220 kV entre a subestación de Atios e o apoio 12 da liña eléctrica a 132 kV O Porriño-Frieira II.

O 7.2.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se declarou a utilidade pública da infraestrutura eléctrica correspondente ao expediente de referencia (IN407A 2007/257-4), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 6.3.2012.

As entidades Red Eléctrica de España, S.A.U. e Unión Fenosa Distribución, S.A.U. subscribiron un Acordo o 1.3.2017, mediante o cal, Unión Fenosa Distribución, S.A. pon a disposición de Red Eléctrica de España, S.A.U. todos os traballos realizados para finalizar a conexión entre a subestación Atios e o apoio nº 12 da citada liña eléctrica. Isto ven derivado de que a liña de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV Atios-Montouto pasou a ser propiedade de Red Eléctrica de España, S.A.U., como activo integrado na Rede de Transporte de enerxía eléctrica.

Finalmente, o 10.8.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aceptou a desistencia, presentada conxuntamente por Red Eléctrica de España, S.A.U. e Unión Fenosa Distribución, S.A. o 13.7.2018, da autorización administrativa e declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV O Porriño-Frieira II, repotenciación a 220 kV, tramo subestación Atios-apoio nº 12, no concello do Porriño (expediente IN407A 2007/257-4).

Segundo. O 25.6.2018 a entidade Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, así como declaración de utilidade pública, da infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV Atios-Montouto, tramo entre subestación Atios e apoio T-13 existente.

Esta nova solución que promove Red Eléctrica de España, S.A., que substitúe á prevista na autorización desistida (á que se fai referencia no feito anterior) e que se está a tramitar baixo o número de expediente IN407A 2018/321-4, consiste na construción dun novo tramo que non mantén a traza nin da liña existente a 132 kV nin da liña prevista na autorización desistida.

Terceiro. Tendo en conta o dito no feito anterior, así como o estado de non electrificación do tramo existente entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da liña eléctrica a 132 kV O Porriño-Frieira II, o 7.1.2019 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) requiriulle a UFD Distribución Electricidad, S.A. (anteriormente, Unión Fenosa Distribución, S.A.) a presentación da solicitude de autorización administrativa de peche do dito tramo, acompañada do correspondente proxecto de desmantelamento.

Cuarto. O 9.4.2019 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., como contestación ao requirimento citado no feito anterior, presentou ante a xefatura territorial a solicitude de autorización para o peche definitivo do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II, acompañada da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de desmantelamento do dito tramo, asinado polo enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso (colexiado nº 2.221 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20191838 e data 3.4.2019; e no que figura un orzamento de 107.724,15 euros.

• Separatas técnicas deste proxecto para as seguintes entidades, con bens ou dereitos afectados polo dito desmantelamento: Red Eléctrica de España, S.A.U., Concello do Porriño e Porriñesa de Canteiras, S.A. (POCASA).

Segundo consta no proxecto presentado, as actuacións para o desmantelamento do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II consistirán en:

• Desmontaxe do condutor LA-280 dúplex nos vans entre o apoio 0 e o apoio 13 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II.

• Desmontaxe do cable de terra 2×AC-50 nos vans entre o apoio 0 e o apoio 13 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II.

• Desmontaxe das cadeas de illadores nos apoios 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11 e 12.

• Desmontaxe dos conxuntos de amarre e suspensión do cable AC-50 nos apoios 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11 e 12.

• Desmontaxe dos apoios 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11 e 12 para chatarra.

• Demolición das cimentacións dos apoios 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11 e 12.

• Recheo de terra nas cepas retiradas dos apoios 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11 e 12.

A xefatura territorial asignoulle á dita solicitude de autorización de peche o número de expediente IN407A 2019/001-4.

Quinto. O 11.4.2019 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de desmantelamento do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II, co obxecto de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados polo mesmo: Red Eléctrica de España, S.A.U., Concello do Porriño e Porriñesa de Canteiras, S.A. (POCASA), co seguinte resultado:

• Red Eléctrica de España, S.A.U. non contestou á petición de informe, entendéndose a súa conformidade co devandito desmantelamento.

• O Concello do Porriño presentou informe recollendo o seu condicionado técnico ao respecto, do que se deu traslado a UFD Distribución Electricidad, S.A., quen manifestou a súa conformidade con el.

• POCASA presentou escrito recollendo o seu condicionado técnico ao respecto, do que se deu traslado a UFD Distribución Electricidad, S.A., quen manifestou a súa conformidade con el.

Sexto. O 10.6.2019 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe en que se conclúe que non se presentan obxeccións ao proxecto técnico presentado para o desmantelamento do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II.

Logo de rematar a súa tramitación, o 22.8.2019 a xefatura territorial remitiu o expediente IN407A 2019/001-4 á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para que se emita a resolución de autorización administrativa de peche e desmantelamento, de conformidade co disposto no artigo 138 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

Sétimo. O 30.8.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de conformidade co exixido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitou informe á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia sobre a autorización de peche e desmantelamento do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II. A día de hoxe, o dito organismo non enviou o seu informe.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. De acordo co disposto no artigo 53.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, o peche definitivo das instalacións de distribución de enerxía eléctrica requirirá autorización administrativa previa, cuxo procedemento vén regulado nos artigos 135 a 139 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceira. A retirada da instalación vén recollida no artigo 155 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, como unha das causas de extinción da servidume de paso establecida para a execución dunha instalación eléctrica.

Cuarta. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

1. Autorizar o peche e desmantelamento do tramo comprendido entre a subestación de Atios e o apoio nº 12 da LAT 132 kV O Porriño-Frieira II, promovido por UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2019/001-4).

2. Extinguir a servidume de paso constituída no tramo a desmantelar.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. O desmantelamento que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de desmantelamento presentado pola empresa promotora, UFD Distribución Electricidad, S.A., ao que se fai referencia no feito cuarto.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante o desmantelamento, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións técnicas e de seguridade regulamentarias, debendo cumprir canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceira. En canto aos bens e dereitos afectados polo desmantelamento que se autoriza e adscritos ás distintas entidades titulares dos mesmos, a empresa promotora procederá a realizar as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estas.

Cuarta. O prazo para o desmantelamento que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa que sexa necesario obter para a execución dos traballos. Unha vez rematado este desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para o desmantelamento autorizado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas