Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 16 de decembro de 2019 Páx. 53321

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de novembro de 2019, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se dá publicidade a unha resolución pola que se modifica o acordo de concentración da zona de Beán-Pereira (Ordes-A Coruña) por cesión de predios do fondo de terras da dita zona ao Concello de Ordes.

Con data do 16 de outubro de 2019, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural adoptou a resolución que a seguir se cita:

«O acordo da zona de Beán-Pereira (Ordes-A Coruña) foi aprobado pola dirección xeral competente en materia de concentración parcelaria, con data do 21 de decembro de 2010, e foi notificado e publicado na forma legalmente prevista.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Ordes solicitou a cesión da titularidade dos predios e para os destinos que se indican a continuación:

Predio nº 85, para un depósito-manancial da Aldea de Abaixo.

Predio nº 140, para a contorna da escola de Pereira.

Predio nº 372, para depósito-manancial en Mendo.

Predio nº 442, para campo de fútbol/equipamento colectivo.

Predio nº 569, para área recreativa de Ponte Pereira.

Predio nº 729, para ampliación da captación de auga do predio 731.

Predio nº 731, para depósito/captación de auga.

Predio nº 1030, por existir un manancial.

Predio nº 1150, para depósito/captación de auga.

Predio nº 1164, para unha caseta para maquinaria.

Predio nº 1393-2, para depósito/captación de augas.

Predio nº 1450, por existir un manancial.

Predio nº 1453, por existir un manancial.

Predio nº 1573, por existir un manancial.

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 10/85, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dados os destinos para os que se solicitan os referidos predios, e respecto dos que son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral resolve:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Beán-Pereira (Ordes-A Coruña), e adxudicar ao Concello de Ordes a titularidade dos predios 85, 140, 372, 442, 569, 729, 731, 1030, 1150, 1164, 1393-2, 1450, 1453 e 1573, que causan baixa no fondo de terras da zona, para seren destinados aos fins que se determinan na parte expositiva.

Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o fondo de terras da zona, o Patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

2. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Ordes».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

A Coruña, 27 de novembro de 2019

Mónica López López
Xefa territorial da Coruña