Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 13 de decembro de 2019 Páx. 53119

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO polo que se asume a competencia delegada polo Concello de Cenlle (recadación executiva da taxa pola limpeza de terreos e soares, da taxa pola subministración de auga e do imposto sobre construcións, instalacións e obras).

De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004 e 106.3 da Lei 7/1985, e cumprindo o que acordou a Corporación Provincial na sesión do día 27 de setembro de 2019, faise público que a Deputación Provincial de Ourense asume a competencia delegada nela polo Concello de Cenlle nos seguintes termos:

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Cenlle a favor da Deputación Provincial, mediante o Acordo do 28 de abril de 2019, para a recadación executiva da taxa pola limpeza de terreos e soares, da taxa pola subministración de auga e do imposto sobre construcións, instalacións e obras, nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello de Cenlle, en todo caso son de aplicación as seguintes condicións xerais:

a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da recadación en vía executiva, ditar todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e a resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

b) Para o exercicio da competencia delegada, o concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto do tributo a que se refire.

c) A taxa para satisfacer polo concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme o establecido no artigo 6, alínea b) da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación desa liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.

d) A presente delegación estará vixente a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da provincia, durante un prazo de catro anos, e prorrogarase tacitamente por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación non inferior a seis meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.

Esta delegación rexerase polas condicións xerais establecidas no presente acordo de delegación.

Ourense, 7 de outubro de 2019

José Manuel Baltar
Presidente da Deputación Provincial de Ourense