Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 9 de decembro de 2019 Páx. 52292

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de novembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de novembro de 2019, do mesmo xurado provincial, relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Serra de Lobios e Nichos e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Serra de Lobios e Nichos e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios, resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. Con data do 30 de novembro de 2018 o presidente da xunta reitora da CMVMC de Gustomeao, A Regada e Sa presentou dúas solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2018/2891803 e nº 2018/2891821) para que se aprobase o deslindamento realizado entre o MVMC Serra de Lobios e Nichos e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios.

Posteriormente, presentouse o día 7 de xaneiro de 2019 no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense (nº 183/26873) un novo escrito co que se achegou un CD que contén algunha da documentación xa presentada coa solicitudes anteriores.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 25 de abril de 2019 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado afecta unicamente os dous montes veciñais, desprazándose cara ao sur, respecto do que figura na carpeta-ficha, no tramo comprendido entre a pista das Sombras, e o regato das Verdeás.

O perímetro está perfectamente definido na acta de deslindamento e no informe mediante a planimetría, a descrición escrita e as coordenadas UMT dos vértices que conforman a liña poligonal aberta que define o límite en cuestión. Entre os puntos 8 e 9 non se indican as coordenadas dos vértices e vén definido polo eixe da pista das Sombras nun tramo duns 1.000 m.

A modificación que se produce respecto dos planos de clasificación afecta a superficie de ambos os montes aumentando 92,39 ha a do MVMC Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro e diminuíndo a mesma superficie a do MVMC Serra de Lobios e Nichos.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de xuño de 2019:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Serra de Lobios e Nichos e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 25 de abril de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de novembro de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense