Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 2 de decembro de 2019 Páx. 51477

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 7 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de tratamento de residuos Marpol tipo B, Marpol tipo C e aceites usados e almacenamento de residuos hidrocarburados de Ingaroil, S.L.U., no concello das Somozas, provincia da Coruña (expediente 2018-IPPC-M-114).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Modificación da AAI de Ingaroil, S.L., para su adaptación a las nuevas órdenes APM/205/2018 y APM/206/2018.

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará ao dispor dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2018-IPPC-M-114.

Titular: Ingaroil, S.L.U.

CIF: B15399116.

Enderezo social: avenida de Santiago, nº 23, 15840 Santa Comba, A Coruña.

Localización da instalación: Parque Empresarial das Somozas, 15565 As Somozas, A Coruña.

Actividade: planta de tratamento de residuos Marpol tipo B, Marpol tipo C e aceites usados e almacenamento de residuos hidrocarburados.

Descrición: a instalación tratará residuos de Marpol tipo B, Marpol tipo C e aceites usados para o seu uso como combustible. Para iso disporá dunha liña para tratamento de residuos Marpol tipo B mediante decantación, centrifugación e tratamento térmico. Disporá dunha liña para tratamento de residuos Marpol tipo C mediante decantación e centrifugación, e posterior lavado ácido. Disporá dunha liña para tratamento de aceites usados mediante decantación e centrifugación, e posterior tratamento térmico.

A instalación realizará a actividade de xestión de almacenamento doutros residuos hidrocarburados.

A instalación disporá dunha planta para a xeración de enerxía (coxeración) que emprega como combustible o combustible obtido na propia instalación, e na cal produce enerxía eléctrica e térmica. A planta está formada por dezaseis grupos motores tipo diésel.

As augas residuais pluviais limpas vértense sen tratamento previo á rede municipal do polígono.

As augas residuais do proceso, augas residuais pluviais contaminadas, augas de lavado de cisternas, augas da zona de carga e descarga, augas de traballos das naves e zona de fachos van a unha planta de tratamento de augas residuais. Unha vez tratadas pasan a un separador de hidrocarburos, e á saída únense coas augas residuais fecais e son vertidas conxuntamente á rede municipal do polígono nun punto de vertedura diferente ao das augas residuais pluviais limpas.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.