Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 22 de novembro de 2019 Páx. 49714

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 148/2019, do 7 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Merca, no seu estado actual, do resto da estrada OU-540, situado na marxe dereita entre o punto quilométrico 12+700 e o punto quilométrico 12+800.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Merca é atravesado pola estrada autonómica OU-540 Ourense-fronteira de Portugal (A Madalena) entre os puntos quilométricos 11+760 e 16+320. O Concello solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia do treito antigo comprendido entre os puntos quilométricos 12+700 e 12+800 da marxe dereita na parroquia de Parderrubias, cunha lonxitude aproximada de 244 metros, xa que se trata dun treito sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de novembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello da Merca, no seu estado actual, do resto da estrada OU-540, situado na súa marxe dereita entre o punto quilométrico 12+700 e o punto quilométrico 12+800.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Merca deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello da Merca, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de novembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade