Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 22 de novembro de 2019 Páx. 49716

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 149/2019, do 7 de novembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción: fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-551, treito Trasouto-Alto da Portela-CG-4.1, puntos quilométricos 12+720-14+440, de clave PO/16/267.06, no concello de Bueu.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia número 113, do 17 de xuño de 2019, publicouse o Anuncio do 5 de xuño de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-551. Treito: Trasouto-Alto da Portela-CG-4.1. Puntos quilométricos 12+720-14+440, de clave PO/16/267.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 8 de outubro de 2019 apróbase o expediente de información pública e o proxecto construción: fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-551. Treito: Trasouto-Alto da Portela-CG-4.1. Puntos quilométricos 12+720-14+440, de clave PO/16/267.06.

Este proxecto ten por obxecto a construción dunha senda de uso peonil e ciclista na estrada PO-551, no treito comprendido entre o punto quilométrico 12+720 e 14+440, no concello de Bueu, entroncando a nova senda na súa parte inicial coas beirarrúas existentes e formalizando, deste xeito, un itinerario continuo. O mencionado proxecto encádrase dentro das actuacións de fomento da mobilidade sustentable na comarca do Morrazo e concellos limítrofes, da Xunta de Galicia.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de novembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-551. Treito: Trasouto-Alto da Portela-CG-4.1. Puntos quilométricos 12+720-14+440, de clave PO/16/267.06.

Santiago de Compostela, sete de novembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade