Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 19 de novembro de 2019 Páx. 49294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de novembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Chan do Mestre e outros, solicitados a prol dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela, na parroquia de Chapela, do concello de Redondela (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, composto polo presidente, Antonio Crespo Iglesias (xefe territorial), os vogais, Xosé Carlos Morgade Martínez (representante das comunidades de montes da provincia), Amalia Elsa Pazos Pintos (xefa do Servizo de Montes), Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia), Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia), os vogais representantes da CMVMC de Chapela, Arximiro Soliño Fuentes e José Francisco Cerdeira Rodríguez, e a secretaria, Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico Administrativo), en sesión que tivo lugar no 16 de outubro de 2019, adoptou a seguinte resolución:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 15.4.2014 e asinada por Francisco Puch Casal, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela, ten entrada no Xurado a solicitude de clasificación dos montes Chan do Mestre e outros (Chan do Mestre, Xoxín, Maceiras de Arriba, Maceiras de Abaixo, Coto do Celo, Parada, Chan do Touciño e Buraca) a prol desta comunidade. Achega informe pericial con documentación histórica e a descrición dos montes non clasificados da parroquia de Chapela, concello de Redondela. Con data do 21.5.2014 presenta a Comunidade de Montes de Chapela informe pericial con corrección de erros nas medicións indicadas no anterior informe. Con data de entrada do 22.5.2015 presenta escrito Luzdivina Durán Lago, reclamando ser considerada parte interesada no procedemento por afectar unha propiedade súa. Presenta copia de certificación do Rexistro da Propiedade de Redondela e medición de topógrafo colexiado.

Con data do 29.6.2015 presenta escrito José Pérez Rodríguez como presidente da Asociación de Propietarios de Teis e Chapela solicitando ser considerada esta entidade parte interesada no procedemento por afectar propiedades privadas de varios asociados e pide copia da documentación do expediente. Presenta plano de medición de varias leiras.

Con data do 29.6.2015 presenta escrito Antonio Ballesteros Ballesteros solicitando ser parte interesada no procedemento por afectar unha leira en Cidadelle que posúe por herdo do seu avó Amador Ballesteros Mos, e tamén solicita copia del. Presenta medición da citada leira.

Con data do 28.7.2015 o Servizo de Montes presenta informe de Topografía en que se indica que varios terreos dos cales se solicita clasificación teñen parte da súa cabida xa clasificada, segundo o esbozo da carpeta ficha. Tamén informa de que en varios terreos existen parcelas catastrais a nome de particulares.

Con data do 12.11.2015 o presidente da Comunidade de Montes de Chapela, Francisco Puch Casal, presenta informe técnico con información complementaria da anteriormente presentada, en especial sentenzas xudiciais sobre apropiacións de particulares ou aproveitamentos, que poden afectar o procedemento. O informe contén planos sobre situación das parcelas afectadas polas sentenzas.

Con data do 5.4.2016 volve presentar escrito Luzdivina Durán Lago reclamando ser considerada parte interesada no procedemento por afectar unha propiedade súa no lugar de Cidadelle, inscrita no Rexistro da Propiedade de Vigo, e solicitando copia da documentación presentada pola Comunidade de Montes de Chapela.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 14.12.2016, incoar o expediente de clasificación dos montes Chan do Monte e outros a prol da CMVMC de Chapela, concello de Redondela, incluíndo as parcelas Chan do Mestre 2, 3 e 4, Maceiras de Abaixo, Coto do Celo 2 e 3, Parada 1 e 2 e Buraca 1 e 2; e excluíndo do citado expediente as parcelas Chan do Mestre 1, Xoxín, Maceiras de Arriba, Coto do Celo 1 e Chan do Touciño, por superporse total ou parcialmente co monte xa clasificado. Para clarificar a situación das parcelas excluídas, o Xurado acorda iniciar a revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal de Chapela.

Con data do 30.12.2016, Francisco Puch Casal, como presidente da CM de Chapela, presenta nova documentación complementaria sobre o uso e aproveitamento das parcelas solicitadas de clasificación por parte de veciños e/ou da propia Comunidade de Montes.

Con data do 6.4.2017 o Servizo de Montes presenta o informe preceptivo sobre o uso actual das parcelas citadas.

Con data do 7.4.2017, Alfonso Cabaleiro Durán, en nome da súa nai Luzdivina Durán Lago, presenta escrito denunciando a destrución de lindes pola Comunidade de Montes de Chapela con motivo dunha corta de madeira.

Con data do 10.4.2017, o Xurado Provincial de Montes notifica ao Rexistro de Redondela a incoación do expediente. O Rexistro avisa da recepción o día 17.

Con data do 21.4.2017 ten entrada escrito do Concello de Redondela alegando que a parcela Maceiras de Abaixo afecta parcialmente o camiño do Canaval e a parcela Parada afecta parcialmente o chamado camiño da Perdiz, segundo o Inventario de bens municipais.

Con data do 22.5.2017 o Rexistro da Propiedade de Redondela certifica que co nome de Chan do Mestre figuran catro leiras a nome de particulares, co nome de Coto do Celo outras catro, co nome de Parada unha máis e oito co nome de Buraca. Algunhas delas teñen cargas.

Terceiro. Con data do 9.11.2017 o DOG publica o anuncio do Xurado Provincial de Pontevedra incluíndo a relación de parcelas interesadas no expediente de clasificación. No día seguinte, 10.11.2017, o DOG publica outro anuncio coas características das citadas parcelas e apertura do trámite de audiencia. Do mesmo xeito, o BOE publica anuncio da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra coa relación das persoas interesadas, emprazándoas para seren notificadas por comparecencia. Con data do 20.11.2017 o Concello de Redondela reitera as alegacións presentadas con anterioridade. Con data do 5.12.2017 Jesús Vázquez Lorenzo, como presidente e en representación da Comunidade de Montes de Chapela, presenta alegacións aos escritos formulados polos particulares. Achega diversa documentación e sentenzas xudiciais. Con data do 19.2.2018 José María Penabad Otero, en representación de varios particulares, presenta documentación acreditativa da titularidade de parcelas en Maceira de Arriba. Con data do 16.2.2018 Dolores del Carmen Pereira Peni presenta escrito reclamando ser considerada como parte interesada, e alegando que non foi notificada, e achega diversa documentación como propietaria da parcela 1035 do polígono catastral 53, incluído no terreo Coto do Celo 2. Con data do 16.2.2018 Carlos Igrexas Martínez presenta escrito semellante ao anterior, como propietario de parcela no terreo Coto do Celo 2, inscrita no Rexistro da Propiedade. Con data do 16.2.2018 Juan Carlos González Rodas presenta escrito semellante aos anteriores, como propietario da parcela no terreo Parada 1 por compra. Achega título de compravenda e licenza para construír alboio.

Con data do 16.2.2018 Pilar Cabaleiro Rodríguez presenta escrito semellante aos anteriores, como propietaria de parcela no terreo Parada 1, erroneamente catastrada, que ocupa parte das parcelas 36045A053009750000WA e 35045A053009790000WQ. Achega copia de planos e documentación sobre a propiedade.

Con data do 16.2.2018 María del Carmen Lamas Figueroa presenta escrito semellante aos anteriores, como propietaria de parcela no terreo Parada 1, erroneamente catastrada, que ocupa parte das parcelas 979, 1200 e 1202.

Con data do 16.2.2018 Luciano Vázquez Cabaleiro presenta escrito semellante aos anteriores, como propietario de parcela no terreo Parada 1 erroneamente catastrada, que ocupa parte da parcela 979. Achega copia de inicio de procedemento de revisión catastral e requirimento do Concello para limpeza da leira.

Con data do 16.4.2018 o Rexistro da Propiedade de Redondela notifica a imposibilidade de inscrición preventiva alegando a falta de especificación sobre se se trata dun monte formado por varias parcelas ou cada parcela é independente.

Con data do 22.5.2018 Jesús Vázquez Lorenzo, como presidente e en representación da Comunidade de Montes de Chapela, presenta alegacións aos escritos formulados polos particulares, aducindo que foron presentados fóra de prazo e que a presentación de partillas e testamentos non outorga dereito de propiedade.

Con data do 22.5.2018 Jesús Vázquez Lorenzo, como presidente e en representación da Comunidade de Montes de Chapela, presenta tamén alegacións ao escrito formuladas por José María Penabad Otero.

Cuarto. Á vista da documentación presentada pola solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Redondela.

Parroquia: Chapela.

Nome dos montes: Chan do Mestre e outros (Chan do Mestre: parcelas 2, 3 e 4, Maceiras de Abaixo, Coto do Celo: parcelas 2 e 3, Parada: parcelas 1 e 2, e Buraca: parcelas 1 e 2).

– Chan do Mestre-parcela 2.

Cabida: 1.546 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: pista forestal de acceso ao monte.

Sur: camiño a Parada.

Leste: estrada de subida á Buraca.

Oeste: muro que separa o monte Ferraduras e outro monte veciñal na parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

– Chan do Mestre-parcela 3.

Cabida: 4.655 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño a Parada.

Sur: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Leste: camiño a Parada e outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Oeste: camiño de Barracrista.

– Chan do Mestre-parcela 4.

Cabida: 93 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño a Parada.

Sur: pista forestal.

Leste: camiño a Parada.

Oeste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

– Maceiras de abaixo.

Cabida: 22.344 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: pista forestal, regato e outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Sur: muro que separa doutro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Leste: pista forestal.

Oeste: muro que separa doutro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

– Coto do Celo-parcela 2.

Cabida: 5.908 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño do Galo, camiño de Luis Yáñez e pista forestal.

Sur: camiño de Luis Yáñez e outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Leste: camiño do Galo.

Oeste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

– Coto do Celo-parcela 3.

Cabida: 5.467 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño de Luis Yáñez e camiño Pita do Monte.

Sur: camiño de Luis Yáñez.

Leste: camiño Pita do Monte e camiño de Luis Yáñez.

Oeste: camiño Pita do Monte e pista forestal.

– Parada-parcela 1.

Cabida: 29.247 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: estrada subida á Madroa, camiño do Galo e outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Sur: Monte Chan do Touciño, do cal tamén se solicita a clasificación, e outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Leste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Oeste: estrada subida á Madroa e outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

– Parada-parcela 2.

Cabida: 1.542 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño do Galo.

Sur: camiño Pita do Monte.

Leste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Oeste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

– Buraca-parcela 1.

Cabida: 420 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño subida á Buraca.

Sur: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Leste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Oeste: camiño subida á Buraca.

– Buraca-parcela 2 (transformador de Fenosa).

Cabida: 11 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño subida á Buraca.

Sur: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Leste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Oeste: outro monte veciñal da parroquia de Chapela cuxa clasificación non se solicita.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o tenor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro cómpre entender por montes veciñais en man común «os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

A isto debe engadirse, como ben sinala para casos análogos o Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, en Sentenza do 29 de xuño de 2009:

«A función do xurado provincial é a de comprobar a existencia ou non dun aproveitamento consuetudinario comunal nos termos indicados no artigo 1 da Lei 13/1989, o cal exclúe do seu exame cuestións de propiedade, reservadas á xurisdición ordinaria e que non obstan á clasificación do MVMC.

Tampouco é obstáculo para tal fin que o monte figure incluído, a nome doutras persoas ou entidades, en catálogos, inventarios ou rexistros públicos, salvo que tal inclusión sexa consecuencia dunha sentenza ditada en xuízo declarativo (Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 8 de maio de 2008, onde se reproduce con claridade a doutrina do Tribunal Supremo que define como única razón válida para a clasificación a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños de forma mancomunada, sen que frente a este estado posesorio dos aproveitamentos do monte, non necesariamente forestais, poidan prevalecer os actos de disposición deles, sequera tivesen acceso ao Rexistro da Propiedade».

Consonte esta xurisprudencia, deben desestimarse as alegacións formuladas pola maioría dos particulares presentados no expediente, pois achegan soamente copias de partillas e testamentos acompañadas de medicións topográficas que en moitos casos nin sequera teñen apoio catastral, por máis que o apoio catastral tampouco sería determinante. Non forman unha unidade diferenciada do resto do monte e os alegantes non presentan documentación acreditativa do aproveitamento desas supostas parcelas.

Xa de inicio, deben desestimarse as alegacións formuladas por unha parte dos particulares (Luzdivina Durán Lago, Antonio Ballesteros Ballesteros, os representados por José María Penabad Otero e os representados por José Pérez Rodríguez como presidente da Asociación de Propietarios de Teis e Chapela) por referirse a parcelas excluídas do presente expediente.

Terceiro. Deben desestimarse as sentenzas xudiciais presentadas ao expediente por non afectaren de xeito directo a súa resolución: por referirse a parcelas excluídas, non declarar a titularidade de ningunha das partes ou por amosar casos de dobre inmatriculación que deben dirimirse noutros ámbitos.

Cuarto. Sobre os tipos de aproveitamento, este debe entenderse en sentido amplo no referido aos usos posibles, que poden ser variados e distintos en cada momento e parcela. A xurisprudencia establecida así o aclara. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a través da Sala do Contencioso-Administrativo, en Sentenza número 1239/2002 establece que «a Lei 13/1989 di que os montes veciñais sono con independencia das súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria. Por iso o feito de que o uso actual principal da parcela litixiosa non sexa agrícola, forestal ou gandeiro senón recreativo, non é obstáculo para a súa clasificación como monte veciñal».

A Comunidade de Montes de Chapela presentou unha ampla documentación para demostrar os aproveitamentos que se veñen facendo das parcelas obxecto do expediente, aproveitamentos ratificados na maioría dos casos polo informe do Servizo de Montes sobre o estado destas parcelas.

Quinto. A alegación do Concello de Redondela informando de que a parcela Maceiras de Abaixo afecta parcialmente o camiño do Canaval e a parcela Parada afecta parcialmente o chamado camiño da Perdiz, incluídos ambos os dous no Inventario de bens municipais, debe desestimarse porque tales camiños non existen actualmente nos tramos que atravesan as parcelas obxecto do expediente, segundo puido comprobar o instrutor na súa visita. Unicamente nas franxas de seguranza arredor das vivendas que foron rozadas pola comunidade se aprecian rastros de antigos pasos, hoxe impracticables.

Sexto. Os resultados da análise da documentación contida no expediente, así como da visita realizada polo instrutor, deveñen nas seguintes conclusións singularizadas por parcelas:

Chan do Mestre 2. O informe do Servizo de Montes recolle nesta parcela a existencia de pradairo como especie principal, con sobreira, carballo, toxo e fento; unha fila de pedras ao longo da estrada. A Comunidade de Montes alega aproveitamentos de madeira (eucaliptos e piñeiros) e esquilmes de toxo; presenta varias facturas de traballos silvícolas referidas a Chan do Mestre, entre outras parcelas. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Chan do Mestre 3. O informe do Servizo de Montes recolle a existencia de matogueira, herba, toxo e fentos; na zona alta, área recreativa perimetrada con cerramento de postes de madeira; no resto da parcela, socaldos con restos de mimosa, árbores froiteiras, loureiros e cinco castiñeiros plantados. A familia Fernández Armesto presenta copia de escritura de compra de leira en 1941, acompañada de medición de varias leiras que abranguen a práctica totalidade da parcela solicitada, incluída unha parte da área recreativa de Barracrista, inda que non corresponde coa situación catastral. A Comunidade de Montes de Chapela presenta varias facturas, especificando traballos de roza, limpeza e construción de muros e bancos no Miradoiro Barracrista. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Chan do Mestre 4. O Servizo de Montes informa que se trata do noiro da estrada con aproveitamento de herba e un camiño de servidume, tendo a estrada e unha leira pechada como lindeiros. A Comunidade de Montes de Chapela alega a aproveitamento de fento e apela ás facturas presentadas. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Maceiras de Abaixo. O informe do Servizo de Montes recolle a existencia de arboredo de piñeiro, con algo de eucalipto, carballo, castiñeiro e loureiro; tamén matogueira, toxo, fento e herba; aprécianse diferentes parcelas con lindes imprecisos, unhas con piñeiro e outras mesturado con eucalipto; ao N, unha parcela pechada cunha estrutura de edificio; vexetación densa. A Comunidade de Montes de Chapela alega que a parcela coa vivenda abandonada non está incluída na solicitude de clasificación, polo que a extensión final da parcela solicitada se reduce a 20.900 m2. Aduce aproveitamentos de esquilmes, madeira e pasto; presenta unha factura do ano 2002 por rozas e reposición de árbores en Maceiras de Abaixo, así como fotos do estado anterior. O Concello de Redondela alega a inclusión no Inventario de bens municipais do chamado camiño do Canaval, que atravesa esta parcela, pero tal camiño é inexistente hoxe na parcela obxecto do expediente e debe desestimarse a alegación. Tamén se desestima a alegación de Consuelo Chapela González, que presenta medición de pequena leira situada nesta parcela sen recoñecemento catastral. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Coto do Celo 2. O informe do Servizo de Montes recolle que esta parcela está poboada sobre todo de piñeiro, con pés de castiñeiro, carballo, sobreira e acacia; linda coa estrada, camiño e cerramento de leiras particulares; no interior do recinto obsérvanse distintas parcelas, con restos dun peche antigo de malla, conservándose liña de postes de formigón de 1,30 m de altura cun fío de arame de espiño. A Comunidade de Montes presenta facturas varias por rozas, repoboacións e medición de madeira en Coto do Celo, ademais de fotos dos traballos silvícolas. Carlos Igrexas Martínez presenta medición dunha leira situada na parte N da parcela, así como escritura de compra de 1983, inda que medición e escritura non coinciden nin na superficie nin nos lindeiros. Así mesmo Dolores del Carmen Pereira Peni presenta medición de pequena leira situada no linde S das de Carlos Igrexas e no medio da parcela; non ten recoñecemento catastral.

A documentación achegada e a visita do instrutor fundamentan o aproveitamento da parcela por parte da Comunidade de Montes de Chapela, pero tamén a existencia dunha parcela con postes e arame, como recolle o informe do Servizo de Montes. Tamén da documentación achegada ao expediente pola Comunidade de Montes e Carlos Igrexas Martínez se deduce a existencia dun enfrontamento persistente entre as partes nos últimos anos polo uso e posesión da parcela reclamada por este veciño, que deu lugar e intervencións da policía e o xulgado e demostra a inexistencia dunha posesión veciñal pacífica polo uso da parcela alegada por Carlos Igrexas Martínez, polo que debe excluírse esta parcela da clasificación, sen que isto supoña un recoñecemento da propiedade deste último, que debe dirimirse no ámbito xudicial. Desestímase a alegación de Dolores del Carmen Pereira Peni.

Coto do Celo 3. O Servizo de Montes informa da existencia de arboredo adulto con carballos e pés de bidueiro, toxo, matogueira, fento e herbáceas; tamén uso recreativo; aprecia unha división interna do recinto, en distintas parcelas con uso variado: unha delas con árbores froiteiras, e consta que houbo aproveitamento forestal de particulares; no interior hai valos de pedra. A Comunidade de Montes presenta varias facturas por traballos silvícolas, pero ofrece dúbidas de que se refira a esta parcela, dadas as súas reducidas dimensións. Non se considera probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Parada 1. O informe do Servizo de Montes recolle a existencia de arboredo de eucalipto con pés de piñeiro, carballo, castiñeiro e loureiro; tamén matogueira, toxo e fentos; o arboredo presenta diversas zonas con idades distintas, servidumes de paso, socalcos e muros. A Comunidade de Montes presenta facturas por traballos en varias parcelas, entre elas os microtopónimos «finca do cazador» e «finca do juez», pertencentes a esta parcela, segundo se puido comprobar. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

O Concello de Redondela alega a inclusión no Inventario de bens municipais do chamado camiño da Perdiz, que atravesa esta parcela, pero tal camiño é inexistente hoxe na parcela obxecto do expediente e debe desestimarse a alegación, sen prexuízo de que se exclúan da clasificación as pistas asfaltadas de acceso ás casas lindeiras.

Así mesmo, se desestiman as alegacións de Juan Carlos González Rodas e Pilar Cabaleiro Rodríguez por presentaren unicamente escrituras ou medicións sen recoñecemento catastral, que nalgúns casos están en proceso de regularización. Unicamente María del Carmen Lamas Figueroa e Luciano Vázquez Cabaleiro presentan copia de información de limpeza a requirimento do Concello no ano 2017, pero sen que se poida situar a parcela referida por falta de recoñecemento catastral. No caso de Juan Carlos González Rodas, varios indicios permitirían situala quizais fóra da parcela solicitada de clasificación.

Parada 2. O informe do Servizo de Montes recolle nesta parcela arboredo de carballo con pés de sobreira e loureiro, xesta e fento; ben delimitada por camiños e vivendas. A Comunidade de Montes presenta facturas por traballos silvícolas. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Buraca 1. O Servizo de Montes informa de que a parcela está a matogueira, con toxo, xesta, fento e herbáceas; atravesada por unha liña eléctrica e outra telefónica, con cadanseu poste na parcela; linda con leiras particulares e estrada. A Comunidade de Montes presenta facturas sobre traballos nesta parcela. Considérase probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Buraca 2. O Servizo de Montes informa de que a parcela, de 11 m2, está ocupada por un transformador de Fenosa, entre un camiño e leiras particulares. Non se considera probado o aproveitamento veciñal da parcela.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o xurado acorda por unanimidade:

Clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Chan do Mestre 2, Chan do Mestre 3, Chan do Mestre 4, Maceiras de Abaixo, Parada 1, Parada 2 e Buraca 1, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e o estipulado no fundamento de dereito sexto, así como a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución.

Clasificar parcialmente como veciñal en man común a parcela denominada Coto do Celo 2, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e o estipulado no fundamento de dereito sexto, así como a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución.

E non clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Coto do Celo 3 e Buraca 2, polos motivos expostos no fundamento de dereito sexto.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 6 de novembro de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra