Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 15 de novembro de 2019 Páx. 48884

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 144/2019, do 31 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Grove dun treito de 877 metros lineais da estrada provincial EP-9106 praia Carreiro.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 9 de agosto de 2017, o Concello do Grove e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo o proxecto de actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sustentable na EP-9106, desde a EP-9101 ata a igrexa de San Vicente. A cláusula 7ª deste convenio prevé que, unha vez rematadas as obras, se levará a cabo o procedemento de transferencia dun treito de 877 metros lineais da EP-9106 praia Carreiro, xa que polo seu trazado, lonxitude e as novas características funcionais, con espazos reservados a peóns e ciclistas e zonas de convivencia de tráfico, non reúne as características propias dunha estrada provincial.

O 18 de febreiro de 2019 rematan as obras de forma satisfactoria e o Concello do Grove acepta o mencionado cambio o día 13 de marzo de 2019.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Grove dun treito de 877 metros lineais da estrada provincial EP-9106 praia Carreiro.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Grove deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello do Grove, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade