Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 15 de novembro de 2019 Páx. 48886

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 145/2019, do 10 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural o castro de Santa María de Cervantes, no lugar do Castro, da parroquia de Santa María do Castro, no termo municipal de Cervantes.

O xacemento castrexo de Santa María, situado nun pequeno saínte da ladeira do monte que configura un curto meandro do río Quindous, disponse de norte a sur e aproveita as características naturais do terreo. O conxunto está integrado, ademais de polo poboado castrexo e dos restos das explotacións mineiras, por unha necrópole que se remonta cando menos ao século XIV, de rito cristián, localizada sobre o recinto do castro, e por un poboado mineiro de época castrexa dos séculos I-II da nosa era.

Estes xacementos achegaron moitos datos sobre a investigación do fenómeno castrexo no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, xa que están asociados ao proceso de integración das poboacións locais na complexa dinámica organizada polo Imperio Romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. O seu marco xeográfico é tamén destacable polas características impoñentes das serras orientais galegas, de tan grande relevancia ambiental, cultural e etnográfica. As minas son, pola súa banda, mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro. O sistema de extracción é claramente romano, o mesmo que se utiliza en toda a Gallaecia romana e noutras zonas do Imperio.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural promoveu traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a delimitación e declaración de ben de interese cultural do xacemento arqueolóxico do castro de Santa María de Cervantes, pertencente ao concello de Cervantes (Lugo), á vista das súas características e valores culturais sobranceiros.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

O artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indica que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 10.1.d) da Lei 5/2016, do 4 de maio, define xacemento ou zona arqueolóxica como «o lugar en que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico».

Á vista do sinalado e do contido dos traballos técnicos promovidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nos cales se acredita a concreción da presunción dos valores culturais sobranceiros da zona arqueolóxica do Castro de Cervantes, en especial o seu valor no proceso de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, solicitouse previamente á incoación o informe dos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural (Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo, Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario), cuxo ditame resultou favorable á proposta, facendo suxestións que foron recollidas na proposta de incoación do expediente de declaración.

Á vista do anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural, pola resolución publicada no Diario Oficial de Galicia número 242, do 20 de decembro de 2018, e abriu un período de exposición pública dun mes no cal non se presentaron alegacións. Na tramitación do expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural o castro de Santa María de Cervantes, no lugar do Castro, da parroquia de Santa María do Castro, no termo municipal de Cervantes (Lugo), conforme o descrito no anexo I e segundo a delimitación do ben e do contorno de protección establecida no anexo III deste decreto.

2. Así mesmo, determinar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da relación de bens enumerados no anexo II, relacionados coa devandita zona arqueolóxica.

Segundo. Inscrición

1. Ordenar a inscrición desta declaración no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlla ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

2. Inscribir no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a relación de bens inmobles enumerados no anexo II deste decreto.

Terceiro. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificación

Este decreto, polo que se declara ben de interese cultural a zona arqueolóxica do castro de Santa María de Cervantes, notificarase ao Concello de Cervantes e ás persoas interesadas identificadas no expediente.

Quinta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Incorporación ao planeamento municipal

A entrada en vigor deste decreto obriga o Concello de Cervantes a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e a incorporar as determinacións específicas para a súa protección e conservación, nas condicións establecidas no artigo 35.5 e na disposición transitoria cuarta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Castro de Santa María de Cervantes.

2. Localización:

• Lugar: O Castro.

• Parroquia: Santa María do Castro.

• Concello: Cervantes.

• Provincia: Lugo.

• Coordenadas centrais UTM ETRS89 FUSO 29: X: 659.920 Y: 4.747.675.

3. Descrición:

a) Castro de Cervantes: o castro de Santa María de Cervantes presenta unha disposición de norte a sur asentado nun esporón fortemente transformado. A área da zona arqueolóxica comprende toda a súa superficie habitable, xunto coas estruturas defensivas e de delimitación coñecidas, así como unha área próxima susceptible da ocupación residencial do poboado. Polo norte, o castro presenta unha maior complexidade no sistema defensivo, deteriorado pola rectificación, no seu momento, da pista de acceso á igrexa de Santa María. O límite establecido neste sector situase xusto ao norte deste complexo para recoller tamén o sistema hidráulico empregado para construír os foxos do castro.

Polo sector leste, o límite trázase a media ladeira, unha vez pasada a derradeira liña de terrazas, do mesmo xeito pola parte sur, onde ten maior desenvolvemento o castro. O límite axústase á pista que circunvala o esporón e que se atopa por baixo das últimas terrazas. Do mesmo xeito, pola beira oeste, o límite descende en altura e comprende unha serie de predios que presentan uns aterrazamentos relacionados co asentamento castrexo, coñecido como lugar de Viña Moura.

A escavación do poboado permitiu comprobar a relación que existía entre os elementos de delimitación do castro e a explotación aurífera, polo que podería confirmarse a hipótese de tratarse dun poboado de nova planta, no cal case todas as cabanas se construíron de forma contemporánea. Esta peculiaridade é claramente visible, xa que todos os espazos exteriores comúns e as pequenas obras realizadas para a evacuación das augas se fixeron todas nun mesmo momento, valorando os problemas que creaba cada construción nos distintos espazos utilizados: así os desaugadoiros das cabanas situadas a un nivel superior canalizábanse por pequenas canles que, nalgúns casos, cruzaban algunhas das dependencias dun nivel inferior, o que significa que no momento da súa construción se tiveron en conta os problemas comúns e déronlles unha solución beneficiosa para o conxunto das estruturas levantadas.

Idéntica conclusión reflicte a planificación do ordenamento das cabanas. Nun primeiro momento tiñan unha distribución periférica para, posteriormente, ocupar o espazo central, onde as construcións se apiñaban ao redor dun eixo que vai de norte a sur a modo de rúa ou zona de paso que comunicaba dous sectores do asentamento. O trazo tipicamente prerromano da independencia construtiva de cada unidade familiar, onde nunca se comparten os muros, consérvase pero, neste caso, ordénanse para que os accesos sexan cara a un mesmo lado en cada sector. O lado cara ao que se orientan os accesos dos grupos de vivendas son, neste caso, as zonas de paso comúns no asentamento. Estes espazos de acceso común das vivendas están moi ben acondicionados e aparecen escaleiras para salvar os desniveis, zonas lousadas de uso comunal, etc. Os pequenos espazos que quedan anexos ás cabanas son aproveitados polas vivendas de acceso máis próximo como zonas auxiliares.

Das 25 cabanas escavadas, 16 delas están completas. A súa morfoloxía é moi variada: hai cabanas circulares, cuadrangulares, rectangulares con esquinas curvas, irregulares, o que responde a aspectos como a calidade e os coidados construtivos diferentes de cada construtor. A distribución do espazo dentro das cabanas tiña varios niveis, para o que, nalgúns casos, se acondicionaban dúas entradas á vivenda a diferentes alturas. A disposición de dous ou máis niveis facíase por medio de faiados de madeira apoiados en rebaixes feitos nos muros e que seguramente non pechaban completamente os distintos espazos. No piso inferior construíase o fogar e nalgúns casos aparecen restos de bancos corridos e algúns tallos. O acceso á vivenda situabase normalmente a un nivel máis alto que o da rúa e o do interior para evitar humidades. Consérvanse os entalles onde se encaixan os marcos das portas que, na parte inferior, se unen cunha gran lousa de pedra ou limiar. O interior da vivenda estaba pavimentado a base de terra pisada e lama, formando un piso de gran consistencia. De igual modo os muros do interior estaban recebados coa mesma argamasa que se utilizaba para a construción dos muros.

Respecto dos elementos internos, principalmente de carácter doméstico, son moi similares en todas as cabanas. Teñen bancos ou tallos e un fogar formado por unha placa de arxila encostada a un pequeno murete que funciona como paraventos entre a porta e o interior. En ocasións documentouse tamén un braseiro ou grella de arxila endurecida asociado, e tamén un forno integrado nun oco do mesmo murete. A lareira estaría apoiada nun elemento vertical suxeito polo propio murete que conserva o oco central para encaixar o poste de madeira.

Os paramentos das construcións son de xisto e lousa cun espesor medio entre 50 e 60 cm, e aséntanse sobre a rocha, apreciándose en moitos lugares as marcas dos entalles. Polos cálculos dos derrubamentos das cabanas mellor conservadas estímase unha altura total superior a 4,5 m. O teitume das vivendas apoiábase nos paramentos de cachotaría e estaban construídos en palla sobre un armazón de vigas de madeira.

É moi significativo o feito de que non exista, polo menos na superficie escavada, ningún espazo asociado ás cabanas que se utilice como zona auxiliar de traballo, como almacén ou como un anexo onde realizar labores relacionados coa gandaría ou a agricultura, como adoita ocorrer nos poboados prerromanos escavados en zonas próximas, o que reflicte que estes non se realizaban, xa que a ocupación principal dos habitantes do castro era o traballo na mina.

b) Bens incluídos na zona arqueolóxica clasificados como bens catalogados.

1. A Viña da Moura (GA27012014): xacemento arqueolóxico. Corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións. A rede hidráulica debeu estar baseada nunha infraestrutura complexa de canles a distintas cotas do monte, que non se poden situar correctamente. Porén, pode afirmarse que a canle que chegaba ao depósito intermedio pasaba polo complexo de foxos do asentamento de Santa María do Castro. A infraestrutura procede do río Quindous e é a mesma infraestrutura que abastece as explotacións relacionadas con esta, de clara adscrición ao sistema de extracción romano.

2. O Ribadón (GA27012015): xacemento arqueolóxico. Corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións. A rede hidráulica debeu estar baseada nunha infraestrutura complexa de canles a distintas cotas do monte, que non se poden situar correctamente. Porén pode afirmarse que a infraestrutura e o sistema de extracción é claramente romano, o mesmo que utilizaron en todo o noroeste peninsular e noutras zonas do Imperio.

3. Igrexa de Santa María do Castro: monumento: patrimonio arquitectónico, protección integral. Igrexa coa tipoloxía de templo rural habitual na montaña lucense, con peculiaridades como cachotaría en pedra local, un pórtico anteposto á fachada, muros grosos e escasa altura das naves con poucos vans e de pequeno tamaño. A fachada consta dun corte pentagonal rematada cunha espadana sinxela habitual no barroco rural galego entre o segundo terzo do século XVIII e a metade do século XIX. Nesta zona realizouse en lousa, o que motiva a ausencia de elementos decorativos. A planta é un modelo tamén habitual entre o século XVI e o XIX.

4. Casa Reitoral de Santa María do Castro: monumento: patrimonio arquitectónico, protección estrutural. Pequena edificación rectangular cuberta a catro augas que consta de dous habitáculos interiores, realizado en cachotaría de pedra e cuberta con lousa.

5. Cea do Río: lugar de valor etnolóxico. Trátase dunha acea típica galega, construída ao carón do río, en cachotaría e cuberta de lousas sobre vigas de madeira.

4. Estado de conservación e usos:

O aspecto máis sobresaínte do poboado castrexo posiblemente sexa o estado de conservación das construcións, pese as alteracións sufridas, que nun primeiro momento están a falar dun aproveitamento intensivo do espazo interno do xacemento; asemade, conservan unha potencia estratigráfica considerable. As estruturas foron consolidadas e realizáronse traballos de limpeza e mantemento dos restos en época recente.

O xacemento sufriu unha grave alteración pola apertura dunha pista nova de acceso ao cemiterio en 1994, que provocou a súa escavación de urxencia e a súa consolidación. As explotacións mineiras son recoñecibles perfectamente na paisaxe. A igrexa e casa reitoral están en bo estado de conservación, froito de recentes actuacións de restauración. A acea na actualidade atópase sen uso, pero aínda se mantén en pé e conserva as rodas con que, coa forza da auga, moían o millo ou outro tipo de cereal.

Na actualidade a maior parte da extensión é solo rústico de diferente natureza, con especial presenza forestal e de vexetación de ribeira. Ademais, a capela e o enterramento católicos están tamén en uso. A maior parte dos terreos do castro son propiedade do Concello de Cervantes e non son obxecto de ningunha alteración. O uso de cemiterio deberá ser avaliado no contexto de futuras medidas de integración e interpretación de todo o conxunto para determinar a súa compatibilidade coa protección do xacemento ou as medidas necesarias para a súa mellor integración.

5. Réxime de protección:

O réxime de protección dun ben inmoble declarado ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica será o que se define nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en concreto, pode resumirse en:

• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións previstas na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá a devandita autorización previa.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente, e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Dereito de tenteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Interese social para os efectos da expropiación forzosa: poderán expropiarse por causa de interese social os inmobles situados no contorno de protección dos bens de interese cultural que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen un risco para a súa conservación. Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade.

ANEXO II

Bens para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia

No mesmo ámbito da zona arqueolóxica e no contorno de protección do castro de Cervantes localízanse outros elementos con valor cultural que se clasifican polo seu interese cultural para seren incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Corresponden cos inmobles descritos no anexo anterior e coa seguinte identificación básica:

Elemento

Categoría

Nivel de protección

Localización

UTM ETRS89-FUSO 29

Lugar

Parroquia

Código

X

Y

Mina romana da Viña da Moura

Xacemento arqueolóxico

-

O Castro

O Castro

GA27012014

659.600

4.747.830

Mina romana do Ribadón

Xacemento arqueolóxico

-

Sabadelle

O Castro

GA27012015

659.360

4.748.300

Igrexa parroquial de Santa María de Cervantes

Monumento

Integral

O Castro

O Castro

HIST001

659.917

4.747.650

Casa Reitoral de Santa María de Cervantes

Monumento

Estrutural

O Castro

O Castro

HIST002

659.924

4.747.625

Cea do Río

Lugar de valor etnolóxico

-

O Castro

O Castro

ETN001

660.025

4.747.500

ANEXO III

Delimitación do ben e do contorno de protección

1. Descrición da delimitación do monumento: a delimitación da zona arqueolóxica e do seu contorno de protección propostas realízanse en función dos xacementos arqueolóxicos descritos e a súa implantación xeográfica.

• A delimitación do castro de Santa María de Cervantes, coa consideración de ben de interese cultural, queda definida pola liña que une os puntos 1 ao 6 que, comezando no 1 xusto na pista de acceso ao xacemento na igrexa de Santa María do Castro, logo de pasar a derradeira curva pronunciada na confluencia entre esta pista e o extremo sur da parcela 92.

• P1. 660.064-4.748.039. Desde o punto 1 séguese en dirección sueste, ladeira abaixo, cruzando a parcela 94 ata chegar á pista que leva aos prados do río, onde se cruza co linde nordés da parcela 154, e localízase o punto 2.

• P2. 660.115-4.747.951. Desde aquí ladeira abaixo, en dirección leste e seguindo polo linde que separa a parcela 94 ao norte da 154 ao sur, ata chegar á intersección coa pista que baixa do castro ao río, onde está o punto 3.

• P3. 660.189-4.747.874. Saíndo do punto 3, sóbese pola pista en dirección á igrexa e o castro bordeando o esporón ata chegar ao punto 4.

• P4. 659.966-4.747.833. Collendo este punto tómase dirección noroeste polo lindeiro sur da parcela 63 ata chegar ao seu extremo oeste, onde está o punto 5.

• P5. 659.938-4.747.857. Desde aquí en dirección norte polo lindeiro que separa as parcelas 232, 231 e case enteira a 175; ao oeste, das parcelas 63, 320 e case polo linde entre a 175 e a 4; ao leste, atravesando na metade a parcela 62 ata chegar ao extremo noroeste da parcela 320, no que está o punto 6.

• P6. 659.918-4.748.069. Cóllese en dirección leste atravesando parte da parcela 320 ata chegar ao camiño que leva ao castro, en que está o punto 1.

2. Descrición do contorno de protección.

O contorno de protección esténdese cara ao noroeste debido fundamentalmente á inclusión neste ámbito de dúas explotacións auríferas romanas, directamente relacionadas coa actividade do castro. A delimitación baséase en criterios topográficos e de visibilidade e adáptase aos fitos xeográficos e antrópicos, como os regatos, ríos ou estradas. Pola parte norte, o límite defínese polas estradas que discorren a media ladeira. Polo leste e o sur, o límite establécese polo río do Castro e polo nordeste polo regato que vén de Sabadelle.

• A delimitación do contorno de protección comezaría pola parte norte da área de delimitación, desde a parte sur da vila de Sabadelle, xusto na intersección da estrada que vai desde San Román a Vilamartín coa pista que leva á igrexa de Santa María do Castro, onde está o punto 1.

• P1. 659.718-4.748.490. Desde aquí cóllese en dirección sueste pola estrada que leva a San Román ata chegar á confluencia desta estrada coa que leva a Quindous, onde se atopa o punto 2.

• P2. 659.976-4.748.273. Partindo en dirección sueste pola estrada que leva a Quindous ata chegar á confluencia entre esta estrada co extremo norte da parcela 167, onde se localiza o punto 3.

• P3. 660.298-4.748.441. Saíndo deste lugar cóllese en dirección sur ladeira abaixo polo linde que separa as parcelas 167, ao oeste da 47; ao leste, ata chegar de novo á estrada de Vilamartín a San Román, onde se atopa o punto 4.

• P4. 660.283-4.748.362. Neste lugar continúase en dirección sur polos lindes que separan as parcelas 84 e 85; ao leste, das parcelas 83 e 85; ao oeste, ata chegar ao extremo sueste da parcela 86, onde está o punto 5.

• P5. 660.273-4.748.250. Desde aquí tómase en dirección oeste seguindo polo lindeiro sur da parcela 86 ata chegar ao extremo oeste da parcela 95, onde se atopa o punto 6.

• P6. 660.221-4.748.231. Cóllese ladeira abaixo en dirección sur polo lindeiro que separa a parcela 95; ao leste, da 94; ao oeste, ata chegar ao río do Castro, onde localizamos o punto 7.

• P7. 660.285-4.748.061. Desde este lugar tómase río abaixo seguindo polo curso do río e bordeando o esporón onde se asenta o castro ata chegar á confluencia deste río co extremo noroeste da parcela 6095, onde desemboca o regato que vén de Sabadelle, xusto no punto 8.

• P8. 659.206-4.748.595. Saíndo de aquí sóbese polo regato que vén de Sabadelle ata chegar á confluencia deste regato co extremo nordés da parcela norte 446 do polígono 7, onde está o punto 9.

• P9. 659.683-4.748.726. Desde aquí tomamos en dirección sur polo lindeiro que separa a parcela 446; ao oeste, da 447; ao leste, ata chegar á confluencia do extremo sueste da parcela 446 co lindeiro da parcela 455, onde se atopa o punto 10.

• P10. 659.588-4.748.569. Partindo deste punto cóllese en dirección leste, ladeira arriba polo lindeiro norte da parcela 455 ata chegar ao seu extremo nordés, onde está o punto 11.

• P11. 659.615-4.748.566. Desde este punto cóllese en dirección sur-sueste polo lindeiro que separa as parcelas 455-467 e 454; ao sur, das parcelas 452 e 453; e ao norte, ata chegar ao punto 1.

3. Delimitación gráfica.

missing image file

4. Localización dos bens catalogados incluídos no contorno da zona arqueolóxica.

missing image file