Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 15 de novembro de 2019 Páx. 48882

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 143/2019, do 31 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, treito A Pobra de San Xiao-Sarria centro, puntos quilométricos 13+500–24+000, de clave LU/17/005.01, nos concellos de Sarria e O Páramo.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 104, do 1 de xuño de 2018, publicouse o Anuncio do 15 de maio de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado: conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria. Treito: A Pobra de San Xiao-Sarria centro. Puntos quilométricos 13+500-24+000, de clave LU/17/005.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 3 de setembro de 2019 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de trazado: conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria. Treito: A Pobra de San Xiao-Sarria centro. Puntos quilométricos 13+500-24+000, de clave LU/17/005.01.

Este trazado ten por obxecto o desdobramento do corredor Nadela-Sarria. Treito: A Pobra de San Xiao-Sarria centro, e desdobrar o corredor C.G.-2.2 que existe actualmente entre Nadela e Monforte de Lemos, no treito que conecta o enlace A Pobra de San Xiao co enlace Sarria centro.

A duplicación do corredor establécese como unha nova calzada paralela á existente sobre a marxe esquerda, no sentido A Pobra de San Xiao-Sarria, de forma que non será necesario cambiar de marxe en ningún punto para acometer a duplicación da calzada. Adoptarase unha velocidade de proxecto para o tronco de autovía de 120 km/h, de maneira que as características técnicas se correspondan cunha sección de autovía A-120.

A construción desta nova infraestrutura conseguirá mellorar as condicións de seguridade e comodidade dos vehículos que circulen polo actual corredor C.G.-2.2, cun notable aumento da capacidade e niveis de servizo do itinerario e unha gran mellora da seguridade viaria, e espérase unha importante redución da accidentalidade e dos tempos de viaxe.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado: conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria. Treito: A Pobra de San Xiao-Sarria centro. Puntos quilométricos 13+500-24+000, de clave LU/17/005.01.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade