Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 11 de novembro de 2019 Páx. 48322

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 141/2019, do 31 de outubro, polo que se modifica o Decreto 63/2018, do 31 de maio, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22 atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que ten por obxecto promover e coordinar o deporte, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. A dita lei, no seu artigo 148, regula a Comisión Galega de Control da Violencia, configurándoa como un órgano colexiado de participación dos distintos sectores con intereses no ámbito da prevención e represión da violencia, que foi obxecto de desenvolvemento regulamentario polo Decreto 63/2018, do 31 de maio, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia.

Neste punto, faise necesario sinalar que as funcións que se atribúen a esta comisión deben entenderse no marco do disposto na vixente Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, modificada pola Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e de conformidade co acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, sen que en ningún caso supoña menoscabo nin límite do exercicio competencial por parte da Administración xeral do Estado en materia de seguridade, protección de persoas e bens e mantemento da orde pública.

Existe unha especial sensibilidade e preocupación, tanto da cidadanía como das distintas administracións públicas, polos episodios de violencia con ocasión da práctica de competicións deportivas oficiais. Preocupación que acada as súas máximas cotas cando, ademais, estes episodios de violencia acontecen con ocasións de competicións nas cales participan menores de idade.

Preténdese, a través deste decreto, modificar a composición da Comisión Galega de Control da Violencia no Deporte engadindo, entre as súas vogalías, dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito das competencias da Comisión designadas pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte de entre os sectores deportivos de Galicia non recollidos. O obxectivo desta modificación é poder contar coa participación de persoas de recoñecido prestixio no ámbito dos clubs deportivos de Galicia, colectivo moi numeroso e de grande importancia no deporte galego, que acheguen a experiencia e a visión dun colectivo fundamental á hora da proposta de iniciativas, medidas e actuacións nas competencias da Comisión.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 63/2018, do 31 de maio, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia

O Decreto 63/2018, do 31 de maio, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 4, Composición, queda redactado do seguinte modo:

«A Comisión Galega de Control da Violencia estará composta por unha presidencia, unha vicepresidencia e 17 vogalías».

Dous. Engádese unha alínea k ao artigo 4, Composición, tal e como segue:

«k) Dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito das competencias da Comisión, designadas pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte de entre os sectores deportivos de Galicia non recollidos nas letras anteriores».

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente por razón da materia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias da respectiva consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia
Administracións Públicas e Xustiza