Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 11 de novembro de 2019 Páx. 48369

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inician os prazos de cesamento e toma de posesión do concurso de traslados aberto e permanente correspondente ao ano 2019, na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 16 de setembro de 2019 (DOG núm. 184, do 27 de setembro), resolveuse con carácter definitivo o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2019 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

No punto quinto desta resolución establécese que, na categoría de médico/a de familia de atención primaria, e de conformidade coa previsión contida no artigo 30.4 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario dos servizos de saúde, o cesamento e a toma de posesión dos novos destinos adxudicados efectuarase de modo simultáneo á incorporación dos/das aspirantes seleccionados/as no proceso selectivo para o acceso á condición de persoal estatutario fixo desta categoría, convocado pola Resolución do 1 de marzo de 2018.

Finalizado este último proceso, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso

RESOLVE:

Primeiro. Iniciar os prazos de incorporación aos destinos adxudicados no concurso de traslados aberto e permanente correspondente ao ano 2019, na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

Os/as profesionais que, conforme a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 16 de setembro de 2019 (DOG núm. 184, do 27 de setembro) pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2019 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, resultaron adxudicatarios dun novo destino na categoría de médico de familia, deberán cesar no que, de ser o caso, desempeñen, no prazo previsto na base novena da Resolución do 20 de novembro de 2017 reguladora das bases do concurso.

Por necesidades organizativas e co obxecto de preservar o normal funcionamento das institucións sanitarias no proceso de incorporación dos/das profesionais como consecuencia da resolución deste proceso, os/as profesionais que estean a prestar os seus servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia cesarán o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do novo destino obtido debe efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde, no prazo de quince días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos. Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles/as adxudicatarios/as de praza no concurso que xa viñesen ocupando praza con carácter definitivo no mesmo centro de destino ou en virtude de comisión de servizos ou reingreso provisional.

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir da mesma data.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos