Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 11 de novembro de 2019 Páx. 48415

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2019 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Carballo, aprobada mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de maio de 2019.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de maio de 2019, da modificación nº 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Carballo (A Coruña).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, fanse públicas as disposicións normativas modificadas, para a súa entrada en vigor. Modifícanse os subepígrafes dos puntos seguintes:

Punto 4.1.8. Condicións xerais de uso. Regulación do uso industrial e almacén.

«Regulación do uso industrial e almacéns».

Enténdese nestas normas por uso industrial o correspondente aos edificios ou locais dedicados o conxunto de operacións que se executen para a obtención e transformación de primeiras materias, a súa posterior transformación, o seu envasado, almacenaxe, distribución e reparación. Inclúense na definición deste uso as actividades de artesanía así coma as actividades de almacenaxe e distribución de produtos e da venda por xunto.

Inclúe, en consecuencia, as seguintes actividades:

a) Produción, que comprende aquelas actividades que teñen como obxecto principal a obtención de produtos por procesos transformadores, e inclúe funcións técnicas e económicas, espacialmente ligadas á función principal, tales como a reparación, garda ou depósito de medios de produción e materias primas, así como a almacenaxe de produtos acabados para a súa subministración a grosistas, instaladores, fabricantes, etc.

Inclúense neste uso as actividades de investigación aplicada –comprendendo laboratorios, centros informáticos etc.,– complementarias e de servizo as empresas.

b) Almacenaxe e comercio por xunto, que comprende aquelas actividades independentes que teñen como obxecto principal o depósito, garda ou almacenaxe de bens e produtos, así como as funcións de almacenaxe e distribución de mercadorías propias do comercio por xunto. Así mesmo, inclúense aquí outras funcións de depósito, garda ou almacenaxe ligadas a actividades principais de industria, comercio polo miúdo, transporte ou outros servizos de uso terciario, que requiren espazo axeitado separado das funcións básicas de produción, oficina ou despacho o público.

c) Reparación e tratamento de produtos. Comprende aquelas actividades que teñen como función principal reparar ou tratar obxectos co fin de restauralos ou modificalos, pero sen que perdan a súa natureza inicial.

Os establecementos industriais, en función dos produtos que neles se obteñan, manipulen ou almacenen, clasifícanse nos seguintes grupos:

Grupo 1º:

Industrias da construción: talleres de pintura e decoración; escultura, cantaría e pulido de pedras artificiais; vidraría e, en xeral, os dedicados á preparación de materiais pétreos, naturais ou artificiais, cerámicos, vidros, agregados e aglomerantes, etc. Almacéns de materiais de construción.

Grupo 2º:

Industrias electromecánicas: talleres e almacéns de ferretaría, fontanaría, latón, broncistas, pratarías, fabricación de camas e mobles metálicos, carpintaría metálica, xoguetaría, óptica, mecánica de precisión e electrotécnica; reparacións electromecánicas, con exclusión dos destinados unicamente á reparación de automóbiles ou anexos ás instalacións de transportes urbanos; fabricación de instrumentos de música, etc.

Grupo 3º:

Industrias da madeira: talleres de carpintaría, tapizaría, decorado e acabamento de mobles onde a materia principal sexa a madeira; xoguetaría non mecánica; instrumentos de música con caixa de madeira; fabricación e preparación de embalaxes e de pasta de madeira, produtos sintéticos, celuloide, pasta de papel e cartón, etc. Almacéns destas industrias.

Grupo 4º:

Industrias químicas: talleres e laboratorios de preparación de produtos químicos en xeral; tratamentos químicos de produtos de calquera clase, incluso de peles e a súa curtume; produtos e especialidades farmacéuticas, produtos de perfumaría e limpeza e fabricación de vidros, esmaltes, pinturas, lacas e vernices, etc. Almacéns de produtos químicos.

Grupo 5º:

Industrias téxtiles e do vestido: talleres de confección e adorno de roupas de todas clases; sombreiraría, zapataría e luvas; albardaría; reparación, acabamento, tinxidura e limpeza de roupas; confección de adornos, xoiaría e bixutaría e talleres de fiado, tecidos, encaixes, incluso tinxidura, apresto e acabamento, etc. Almacéns téxtiles.

Grupo 6º:

Industrias da alimentación: tafonas, fornos de confeitaría, galletas, etc.; preparación refino e cortado de azucre; torrefacción de graos de café, cebada, chicoria, cacao e moedura e envase destes produtos; establecementos de frituras de produtos vexetais e animais, preparación e envase de leite e produtos lácteos; matanza de animais de curral e gando; preparación de conservas a base de carne e peixe; produtos alimenticios a base de residuos de matadoiro; preparación e envase de bebidas, fábricas de xeo, xeadarías e instalacións frigoríficas de conservación; fábricas de cervexa e fariñas, etc. Almacéns de produtos de alimentación.

Grupo 7º:

Industrias gráficas de elaboración de papel e cartón e da comunicación: talleres de imprenta, litografía, encadernación e artes gráficas en xeral; de cortado, dobrado, engomado de obxectos de papel e cartón con impresión e sen ela; de gravado e fabricación de rótulos esmaltados; talleres e laboratorios de fotografía e artes fotomecánicas, de revelado, copiado e montaxe de películas, estudios de dobraxe e sonorización, estudios de radio e televisión, etc. Almacéns de materiais relacionados con estas industrias.

Grupo 8º:

Instalación dos servizos de distribución de enerxía eléctrica, auga, e limpeza: estacións de xeración, transporte, transformación e distribución de enerxía eléctrica; instalacións de elevación, condución, distribución e depuración de augas; limpeza, desinfección, destrución ou aproveitamento de produtos residuais urbanos, etc.

Grupo 9º:

Industrias do metal e construción de material móbil: construción automóbil, transformados metálicos e construción de maquinaria e a súa almacenaxe.

Grupo 10º:

Industrias e almacéns agropecuarios: serradoiros e almacéns de madeira en bruto, almacéns de pensos, de produtos agrícolas e de maquinaria agropecuaria.

Os establecementos industriais, de acordo coa compatibilidade cos outros usos permitidos, que así se indiquen no proxecto sectorial, clasifícanse nas seguintes categorías:

Os establecementos industriais, de acordo coa compatibilidade cos outros usos permitidos que así se indiquen no proxecto sectorial, clasificaranse nas seguintes categorías:

Categoría 1ª: pertencen a esta categoría todas as actividades que dentro de cada un dos grupos definidos anteriormente, non estean expresamente incluídas na listaxe de actividades que definen a categoría 2ª, por considerarse incompatibles co uso terciario:

Categoría 2ª: listaxe de actividades incompatibles co uso teciario:

Grupo 1. Construción:

Prantas clasificadoras de agregados.

Fabricación de formigón.

Fabricación de aglomerados asfálticos.

Instalacións de trituración, serradura, tallado e pulido de pedra.

Talleres de pintura.

Instalacións destinadas a extracción de amianto, así como para o tratamento e transformación de amianto e produtos que conteñen amianto.

Grupo 2. Electromecánica:

Forxa mecánica.

Construción de estruturas metálicas.

Grupo 3. Madeira:

Fabricación mecánica, non artesanal, de mobles, xoguetaría e outros artigos, taboleiros de fibra de partículas, de contrachapado ou produtos en que a materia prima sexa a madeira e os seus derivados.

Tratamento de celulosa.

Industrias de fabricación de pasta de celulosa.

Grupo 4. Industria química:

Fabricación e formulación de pesticidas, produtos farmacéuticos, pinturas, vernices, elastómeros y peróxidos.

Fabricación e tratamento de produtos a base de elastómeros.

Fabricación de fibras minerais artificiais.

Fabricación de explosivos.

Fabricación de biocombustibles.

Produción de plásticos por extrusión, laminación ou operacións similares.

E, en xeral, os laboratorios de produtos químicos que presenten as seguintes características:

a) Que desprendan ácidos ou residuos nocivos ou perxudiciais.

b) Que produzan augas residuais nocivas

c) Que almacenen substancias inflamables e combustibles.

Grupo 5. Textiles e do vestido:

Talleres de lavado, desengrasado, tinturaría que empreguen produtos inflamables para o seu traballo.

Obtención de fibras artificiais.

Grupo 6. Alimentación:

Fabricación de produtos lácteos, aceites ou fariñas.

Almacéns e fabricación de bebidas alcohólicas.

Fábricas de féculas industriais.

Fábricas de conservas.

Matadoiros e salas de despezamento.

Azucreiras.

Fabricación de produtos alimenticios a base de residuos de matadoiro.

Grupo 7. Industrias gráficas de elaboración de papel e cartón e de comunicación:

Industrias da reciclaxe do papel.

Fabricación de papel e cartón.

Grupo 8. Instalación dos servizos de distribución de enerxía eléctrica, auga, limpeza e gas:

Estacións de xeración, transporte, transformación ou distribución de enerxía eléctrica.

Instalacións de elevación, condución, distribución e depuración de augas.

Limpeza, desinfección, destrución ou aproveitamento de produtos residuais urbanos.

As instalacións de xestión dos residuos en xeral, de residuos sólidos urbanos e asimilables a urbanos.

Grupo 9. Industrias do metal e construción de material móbil:

Fundición.

Forxa.

Estiramento.

Laminación.

Trituración e calcinación de minerais metálicos.

Embutido e corte de metais.

Revestimento e tratamentos superficiais.

Caldeiraría en xeral.

Grupo 10. Industrias e almacéns agropecuarios:

Fabricación de pensos e alimento para animais.

Almacén e fabricación de produtos químicos agrícolas.

Os laboratorios biolóxicos cas limitacións do grupo 4º e que non posúan estancias de gando.

Molestia, nocividade, insalubridade e perigo.

As definicións de actividade molesta, nociva, insalubre e perigosa e a determinación dos seus efectos serán as que determine a lexislación vixente.

Punto 4.1.8. Condicións xerais de uso. Regulación do uso comercial.

«Regulación do uso comercial».

Todos os locais de uso comercial deberán observar as seguintes condicións:

a) Os locais situados nun nivel inferior a planta baixa non poderán ser independentes do local inmediato superior, estando unidos a este por escaleira con ancho mínimo dun metro.

b) A altura libre mínima dos locais comerciais será de 3 m, e deberán adaptarse as condicións exixidas pola regulamentación sobre seguridade e saúde no traballo, o regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas e demais normativa de aplicación.

b.1. Os establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie de máis de 1.000 m2 deberán contar cunha altura libre mínima de 3,50 m.

b.2. Os establecementos comerciais a partir de 3.000 m2 deberán contar cunha altura libre de 4 m.

b.3. O semisoto e o primeiro soto deberán ter unha altura libre mínima de 3,50 m.

b.4. Os sotos só poderán destinarse a almacenaxe e cuartos de instalacións.

b.5. En todo caso respectarase a altura máxima da ordenanza correspondente e das restantes condicións desta normativa.

c) Nos locais comerciais as escaleiras de servizo para o público terán un ancho mínimo de 1,30 m.

d) Os aseos e equipos sanitarios axustaranse ao establecido pola normativa sectorial aplicable.

e) Nos locais comerciais que forman un conxunto como mercados, centros comerciais... poderán agruparse os servizos sanitarios correspondentes a cada local. Asimesmo, os aseos poderán proxectarse para dar servizo tanto os traballadores coma a clientela do local.

f) A luz e ventilación dos locais comerciais poderá ser natural ou artificial observando o disposto no Código técnico da edificación.

g) Dispoñerán das saídas de urxencia, accesos especiais para extinción, aparellos, instalacións e útiles que, en cada caso, e de acordo coa natureza e as características da actividade e en conformidade co establecido no Código técnico da edificación, resulten necesarios.

h) As estruturas da edificación serán resistentes ao lume e os materiais deberán ser incombustibles.

Os materiais empregados deberán ser de características tales que non permitan chegar ao exterior ruídos ou vibracións por riba dos niveis que se determinen.

i) Exixiranse as instalacións necesarias para garantir a supresión de molestias, olores, fumes, vibracións, etc.

Punto 4.1.8. Condicións xerais de uso. Regulación do uso de oficinas.

«Regulación do uso de oficinas».

Os locais de oficinas terán os seguintes servizos:

a) Os aseos e equipos sanitarios desta clase de uso axustaranse ao establecido pola normativa sectorial aplicable.

As oficinas que se establezan en semisotos non poderán ser independentes do local inmediato superior, estando unido a este por escaleiras cun ancho mínimo de 1 metro cando teñan utilización polo público. A altura libre deste local en semisoto será de polo menos 2,70 m. Os locais situados no soto non poderán dedicarse a outros usos distintos dos de almacenaxe, e cuartos de instalacións.

Nas restantes plantas a altura libre mínima dos locais de oficinas será de 2,70 m.

A luz e ventilación dos locais e oficinas poderá ser natural ou artificial, e cumprirá o establecido no CTE.

Exixiranse as instalacións necesarias para a supresión de molestias, olores, fumes, ruídos, vibracións, etc.

Punto 4.2.5. Normas comúns da edificación. Condicións de seguridade.

«4.2.5. Condicións de seguridade».

Axustaranse ao disposto no Código Técnico e aos seus Anexos, e demais disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación».

Punto 4.3.1. Normas particulares da edificación. Ordenanza 1. Edificación intensiva.

«4.3.1. Ordenanza 1. Edificación intensiva».

Aplícase esta ordenanza o conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende os cuarteiróns B, C1, C3, D1, G3 e H3.

Regúlanse dúas variantes dentro da ordenanza atendendo os usos permitidos:

Variante 1.A. Comprendendo os cuarteiróns B, G3 e H3.

Variante 1.B. Comprendendo os cuarteiróns C1, C3 e D1.

Definición. Regula a construción de naves acaroadas de pequeno tamaño e ocupación intensiva da parcela.

Aliñación. Será a indicada en planos de ordenación.

Recuamentos. Establécese un recuamento obrigatorio na fronte de parcela de 10 m e un recuamento mínimo de 5 m no fondo de parcela.

Parcela mínima: 500 m2.

Fronte mínimo. Será de 15 m.

Superficie de ocupación máxima. A resultante dos recuamentos establecidos.

Altura. A altura máxima da edificación será de 8 metros. Permítense ata un máximo de dúas plantas sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será 1,20 m2/m2.

Prohíbense os corpos voados pechados.

Permítense os espazos porticados.

Usos permitidos:

Variante 1.A.

Permítense os usos terciarios seguintes: comercial e oficinas.

Permítense os usos industriais na súa categoría 1ª, o uso garaxe-aparcadoiro e servizo do automóbil e o uso talleres de mantemento, entretemento, reparación e limpeza do automóbil.

Permítense os usos dotacionais seguintes: deportivo, recreativo, servizos urbanos e administración pública.

Variante 1.B.

Permítense os usos industriais en todas as súas variantes.

Permítense os usos garaxe aparcadoiro e servizo do automóbil en todas as súas variantes.

Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos nos puntos anteriores.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación destinaranse a aparcadoiro e espazos libres.

O interior das parcelas debe acoller unha praza de aparcadoiro por cada 200 m2 construídos.

Punto 4.3.4. Normas particulares da edificación. Ordenanza 4. Terciario mixto extensivo.

«4.3.4. Ordenanza 4. Terciario Mixto extensivo».

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende os cuarteiróns F2 e J1.

Regúlanse dúas variantes dentro da ordenanza atendendo aos usos permitidos:

Variante 4.A. Comprendendo o cuarteirón F2.

Variante 4.B. Comprendendo o cuarteirón J1.

Definición. Edificación de gran tamaño, con baixa ocupación da parcela e separada de todos os seus lindeiros.

Aliñación. Será a indicada en planos de ordenación.

Recuamentos. Os recuamentos mínimos anterior e posterior serán de 10 metros e os recuamentos laterais de 10 m.

Parcela mínima: 5.000 m2.

Fronte mínimo. Será de 45 m con fronte a rúa C.

Superficie de ocupación máxima: 50 % sobre parcela.

Altura. A altura máxima da edificación será de 12 metros. Permítense ata dúas plantas sobre rasante.

No caso de que a actividade desenvolvida se corresponda co uso hoteleiro, o número de plantas permitido será de tres sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 0,70 m2/m2.

Permítese agrupar parcelas cumprindo as dimensións establecidas nesta ordenanza. As parcelas serviranse obrigatoriamente da rúa C, desde a que se organizarán accesos de mercadorías e de vehículos.

Usos permitidos:

Variante 4.A.

Permítese o uso terciario nas variantes de comercial, oficinas e hoteleiro.

Permítese o uso dotacional en todas as súas variantes.

Variante 4.B.

Permítense os usos industriais en todas as súas variantes.

Permítense os usos garaxe aparcadoiro e servizo do automóbil en todas as súas variantes.

Permítense os usos terciarios seguintes: comercial e oficinas.

Permítense os usos dotacionais seguintes: deportivo, recreativo, servizos urbanos e Administración pública.

Usos tolerados:

Variante 4.A.

Toléranse os usos de almacenaxe en categoría 1ª sempre que estean ligados á actividade principal permitida aínda que se requira de espazo axeitado separado das funcións básicas de oficina, despacho ou servizo o público.

Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos no punto anterior.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación dedicaranse a vías interiores, aparcadoiro e espazos libres.

O interior das parcelas privadas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 100 m2 construídos de uso industrial e 2 prazas de aparcadoiro por cada 100 m2 construídos de uso terciario o dotacional.

Cando a superficie de produción ou almacenaxe supere os 750 m2, a instalación dispoñerá dunha zona exclusiva de carga e descarga dos produtos no interior de la parcela, de dimensión suficiente para estacionar un camión cunhas bandas perimetrais de 1 m.

Para superficies superiores a 1.500 m2, deberá duplicarse o dito espazo e engadirse unha unidade por cada 750 m2 máis de superficie de produción ou almacenaxe.

Para os efectos da aplicación das determinacións que fagan referencia á superficie de produción ou almacenaxe, esta dimensión entenderase como a suma da superficie útil de todos os locais dedicados á actividade produtiva ou de almacén, así como aquela vencellada de forma directa ás ditas actividades, quedarán excluídas expresamente as superficies destinadas a oficina, exposición de produtos, venda e aparcadoiro de vehículos que non estean destinados a transporte dos produtos.

Estudos de detalle:

Os técnicos municipais poderán solicitar a formulación dun estudo de detalle cuxo ámbito será a totalidade da parcela, cando as características da parcela así o aconsellen. En ausencia de estudo de detalle, os ditos aspectos deberán estar incluídos no proxecto da edificación sometido a licenza municipal.

Condicións para o estudo de detalle.

Área de movemento da edificación. Será a resultante dos recuamentos mínimos obrigatorios.

Superficie máxima edificable. Será a resultante de aplicar á parcela a edificabilidade máxima fixada nesta ordenanza.

Punto 4.3.5. Normas particulares da edificación. Ordenanza 5. Industrial extensivo.

«4.3.5. Ordenanza 5. Industrial extensivo».

Aplícase esta ordenanza ás zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende o cuarteirón E.

Definición. Industria de tamaño grande, con baixa ocupación da parcela e separada de todos os seus lindes.

Aliñación. Será a indicada nos planos de ordenación.

Recuamentos. Os recuamentos mínimos anterior e posterior serán de 10 metros e os recuamentos laterais de 10 m.

Parcela mínima: 10.000 m2.

Fronte mínimo. Será de 70 m con fronte a rúa E.

Superficie de ocupación máxima. 50 % sobre parcela.

Altura. A altura máxima da edificación será de 12 metros. Permítense ata un máximo de dúas plantas sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 0,70 m2/m2.

As parcelas serviranse obrigatoriamente da rúa E, desde a que organizarán accesos de mercadorías e de vehículos.

Usos permitidos:

Permítense os usos industriais en todas as súas variantes.

Permítense os usos garaxe-aparcadoiro e servizo do automóbil en todas as súas variantes.

Permítense os usos dotacionais.

Usos tolerados:

Tolérase o uso vivenda destinada ao persoal encargado da vixilancia e conservación de industria, coas determinacións establecidas nas condicións xerais de uso, e cunha vivenda por parcela edificable, que non poderá ser menor de 50 m2 nin maior de 150 m2.

A superficie destinada a vivenda computará edificabilidade.

Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos no punto anterior.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación destinaranse a vías interiores, aparcadoiro, espazos libres e almacenaxe.

O interior das parcelas privadas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 100 m2 edificables.

A instalación dispoñerá dunha zona exclusiva de carga e descarga dos produtos no interior da parcela, de dimensión suficiente para estacionar un camión cunhas bandas perimetrais de 1 m por cada 750 m2 de superficie de produción ou almacenaxe.

Para os efectos da aplicación das determinacións que fagan referencia á superficie de produción ou almacenaxe, esta dimensión entenderase como a suma da superficie útil de todos os locais destinados á actividade produtiva ou de almacén, así como aquela vencellada de forma directa ás ditas actividades, quedarán excluídas expresamente as superficies destinadas a oficina, exposición de produtos, venda e aparcadoiro de vehículos que non estean destinados o transporte dos produtos.

Estudos de detalle:

Os técnicos municipais poderán solicitar a formulación dun estudo de detalle, cando as características da parcela así o aconsellen. En ausencia de estudo de detalle, os ditos aspectos deberán estar incluídos no proxecto da edificación sometido a licenza municipal.

Condicións para o estudo de detalle.

Área de movemento da edificación. Será a resultante dos recuamentos mínimos obrigatorios.

Superficie máxima edificable. Será a resultante de aplicar a parcela a edificabilidade máxima fixada nesta ordenanza.

Punto 4.3.7. Normas particulares da edificación. Normas comúns ás ordenanzas 1, 2, 3, 4 e 5.

«4.3.7. Normas comúns ás ordenanzas 1, 2, 3, 4 e 5».

1. Os frontes de fachada e os lindeiros laterais realizaranse, con carácter xeral, con cerramento macizo de 0,5 metros de altura contados desde a rasante da beirarrúa, no punto medio do fronte principal ou linde que se determine. Poderase completar o cerramento ata unha altura máxima de 1,50 metros, medidos desde ese mesmo punto, con elementos de tipo diáfano. De ser posible, integraranse elementos vexetais no deseño dos cerramentos.

En caso de que a parcela teña necesidades especiais por mor da súa actividade ou normativa que lle sexa aplicable, poderase modificar o cerramento establecido no parágrafo anterior.

Non é obrigatorio o pechamento no fronte de parcela, en contacto coa vía, nin os laterais entre a vía e a nave en caso de naves acaroadas.

Cando os accidentes do terreo acusen unha diferenza superior a 1 metro entre dous puntos extremos, o cerramento deberá escalonarse nos tramos que sexan necesarios para non sobrepasar ese límite.

2. Cando resulte necesario realizar movementos de terra nas parcelas para a implantación das edificacións que superen o simple rasanteo, será necesario solicitar licenza para movemento de terras que se deberá tramitar con carácter previo, ou simultáneo coa licenza de obras da edificación. En todo caso, as rasantes definitivas resultantes non diferirán máis de 2,00 metros por enriba ou por debaixo da correspondente á da beirarrúa nos vértices da parcela.

Para estes efectos considérase como rasanteo ou movemento de terras que non supoña unha diferenza coa cota actual do terreo en máis de 1,00 metro.

Punto 4.5.1. Condicións ambientais e hixiénicas. Emisións a atmosfera.

«4.5.1. Emisións a atmosfera».

3. A instalación, autorización, e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustarase ao disposto na lexislación vixente.

Punto 4.5.2. Condicións ambientais e hixiénicas. Augas residuais.

«4.5.2. Augas residuais».

1. A produción de verteduras á rede de saneamento de augas pluviais ou fecais por parte das instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito do parque deberá axustarse ao disposto na lexislación e normativa vixente en materia de verteduras, protección ambiental de leitos e en xeral do dominio público hidráulico.

2. Todas as edificacións do Parque empresarial de Carballo, calquera que sexa seu uso, deberán ter resolto o sistema de vertedura das súas augas residuais na forma tecnicamente posible que evite a contaminación do medio, ou a alteración dos sistemas de depuración receptores das augas.

3. Para tal fin, toda as actividades industriais e de servizos, con instalacións dentro do Parque empresarial de Carballo, estarán obrigadas a solicitar especificamente o permiso de verteduras, previsto no Regulamento dos servizos públicos relacionados co ciclo integral da auga do Concello de Carballo.

4. O Concello non autorizará:

a) A apertura, a ampliación ou a modificación dunha industria que non teña o correspondente permiso de verteduras.

b) A construción, reparación ou remodelación dunha inxerencia que non teña o correspondente permiso de verteduras.

c) A posta en funcionamento de ningunha actividade industrial potencialmente contaminante, se previamente non se aproba, instala e, se é o caso, comproban os servizos técnicos municipais a eficacia e o correcto funcionamento dos pretratamentos nos termos requiridos na correspondente licenza de actividade.

d) Acometidas á rede que non sexan independentes para cada industria. Cando isto non sexa posible, deberá propoñerse como alternativa unha solución técnicamente axeitada.

5. A regulación da contaminación en orixe, mediante prohibición ou limitación na descarga de verteduras, establécese cos seguintes propósitos:

– Protexer o leito receptor de calquera efecto prexudicial, crónico ou agudo, tanto para o home como para os ecosistemas naturais.

– Protexer a integridade e boa conservación das instalacións de saneamento e depuración.

6. O criterio de preservar a calidade ecolóxica do medio receptor, así como a seguridade das instalacións de saneamento, definirase con base na concentración de contaminantes para a súa descarga ao medio receptor de acordo coa lexislación.

7. Queda totalmente prohibido descargar directa ou indirectamente, á rede de saneamento pluvial ou fecal, calquera dos seguintes produtos:

a) Sustancias sólidas ou viscosas en cantidade ou dimensións tales que sexan capaces de causar a obstrución na corrente das augas nos sumidoiros ou obstaculizar os traballos de conservación e limpeza da rede.

b) Disolventes ou líquidos orgánicos inmiscibles en auga, combustibles ou inflamables.

c) Gases ou vapores combustibles, inflamables, explosivos ou tóxicos.

d) Graxas, ou aceites minerais ou vexetais, excedendo de 200 ppm, medidos como graxa total.

e) Substancias sólidas potencialmente perigosas.

f) Residuos industriais ou comerciais cunhas concentracións ou características tóxicas ou perigosas que requiran un tratamento específico.

g) Líquidos que conteñan produtos susceptibles de precipitar ou depositarse na rede de sumidoiros ou de reaccionar coas augas desta, producindo substancias comprendidas en calquera dos puntos do presente artigo.

h) Substancias que por elas mesmas ou como consecuencia de reaccións que teñan lugar dentro da rede, teñan ou adquiran algunha propiedade corrosiva.

i) Substancias que poidan alterar negativamente dalgunha forma a capacidade de depuración das instalacións depuradoras ou calquera outra instalación de tratamento previo das augas.

j) Calesquera outros que determine a lexislación vixente.

8. Os titulares dos establecementos industriais que, pola súa natureza, poidan ocasionar descargas de verteduras que prexudiquen a integridade e correcto funcionamento das instalacións de saneamento, haberán de adoptar as medidas protectoras necesarias para evitalas, de acordo cos proxectos presentados e aprobados pola Administración.

Punto 4.5.3. Condicións ambientais e hixiénicas. Emisións acústicas.

«4.5.3. Emisións acústicas».

3. A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminadoras axustarase ao disposto na lexislación vixente.

Punto 4.5.4. Condicións ambientais e hixiénicas. Residuos sólidos e industriais.

«4.5.4. Residuos sólidos e industriais».

2. A produción, xestión e transporte dos residuos nas instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito do parque deberán axustarase ao disposto na lexislación vixente en materia de residuos.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo