Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 5 de novembro de 2019 Páx. 47516

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 25 de outubro de 2019 sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería.

O Decreto 106/2018, do 4 de outubro, modificou parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Conforme o devandito decreto modifícase a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, adscríbese a esta consellería o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo e inclúese na estrutura da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a entidade pública empresarial Augas de Galicia, anteriormente adscrita á antiga Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O dito departamento será o responsable de materializar as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia no eido competencial do ambiente, a ordenación do territorio e o urbanismo, a vivenda e o solo, e a conservación da natureza, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva consigo unha concentración de funcións ao redor da súa persoa titular que aconsella neste momento, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a Constitución española recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; do disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector publico autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Administración do persoal

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da consellería, segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

Segundo. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes nos supostos previstos nos artigos 119 e 120 da citada norma.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como menores; a prerrogativa da súa interpretación; a aprobación das súas modificacións cando concorran os supostos previstos na normativa de contratación; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente no número seguinte.

d) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación cos encargos a medios propios en materias da competencia da Secretaría Xeral Técnica, correspondan á persoa titular da consellería segundo á lexislación vixente, sen prexuízo do disposto no número 2.c).

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a seguir en materia de contratación:

a) En relación cos contratos que teñan a consideración de menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería.

b) Respecto do resto dos contratos:

– A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

– A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

– A realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento.

– A súa dirección, inspección e control, así como a resolución das dúbidas que ofreza o seu cumprimento, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

c) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación cos encargos a medios propios en materias da súa competencia, correspondan á persoa titular da consellería segundo á lexislación vixente.

Terceiro. Expropiación forzosa

Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería expropiante.

Cuarto. Xestión financeira e orzamentaria

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñer á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:

a) Os gastos de persoal.

b) Os gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos do capítulo VI dos orzamentos, agás os derivados de contratos menores correspondentes a competencias delegadas nas persoas titulares das direccións xerais.

d) Os créditos dos capítulos IV e VII dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación e de expropiación forzosa.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

c) Cos créditos dos capítulos IV e VII dos orzamentos dos seus centros directivos respectivos.

3. Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais, ao respecto dos créditos desconcentrados do capítulo II, autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que pola normativa vixente corresponden ao Consello da Xunta de Galicia, e do disposto nos puntos cuarto 1.b) e 2.b) desta orde.

4. Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica da consellería e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar», sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

5. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, e corresponde ás persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Quinto. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio atribúe á persoa titular da consellería.

Sexto. Procedemento sancionador en materia de axudas e subvencións

Delégase nas persoas titulares das direccións xerais da consellería o exercicio da competencia para resolver o procedemento por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

Sétimo. Recursos e reclamacións

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da consellería e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 39/2015, do 1 de outubro, agás aqueles expedientes de responsabilidade patrimonial en materia de conservación do patrimonio natural en que a contía solicitada sexa igual ou inferior a 1.500 euros en que se acorde a terminación convencional dos procedementos, incluídas, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades públicas instrumentais adscritas á consellería.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o exercicio da competencia, que corresponde á persoa titular da consellería, para a resolución de expedientes en materia de conservación do patrimonio natural nos cales se acorda a terminación convencional dos procedementos de responsabilidade patrimonial en que a contía solicitada sexa igual ou inferior a 1.500 euros.

Oitavo. Comisións de servizos con dereito a indemnización

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, das persoas titulares das direccións xerais, das xefaturas territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica, así como autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

2. Delégase nos/as directores/as xerais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

3. Delégase nos/nas xefes/as territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial, así como autorizarlles a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Noveno. Fundacións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións lle atribúe ao protectorado destas.

Décimo. Delegacións específicas de competencias

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o exercicio das seguintes facultades:

a) Suspender cautelarmente os procedementos de aprobación do planeamento urbanístico, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento e de outorgamento de licenzas para ámbitos ou usos determinados, unha vez acordada polo Consello da Xunta de Galicia a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a resolución dos expedientes administrativos sancionadores que correspondan á persoa titular da consellería en materia de residuos e protección ambiental.

3. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a competencia para a imposición das sancións que correspondan ao titular da consellería en materia de caza, pesca fluvial, animais domésticos e salvaxes en catividade, animais potencialmente perigosos e as establecidas na lexislación sobre conservación do patrimonio natural.

4. Deléganse nas persoas titulares das xefaturas das áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo as resolucións de concesión ou denegación provisional e as definitivas en materia do Programa de renda básica de emancipación, así como os recursos potestativos de reposición a que estas resolucións dean lugar.

Décimo primeiro. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento a persoa titular da consellería poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Por outra parte, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polas persoas titulares das direccións xerais en exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúese á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

e) En materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva, será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria.

f) As competencias que se delegan nesta orde á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica serán exercidas temporalmente, en caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

g) As suplencias nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico adscritas a esta consellería rexeranse polo disposto na súa propia normativa.

Décimo segundo. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Décimo terceiro. Revogación

Quedan sen efecto as delegacións de competencias contidas na Orde do 15 de marzo de 2012 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o artigo 9 da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Décimo cuarto. Eficacia da delegación

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda