Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 5 de novembro de 2019 Páx. 47513

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de outubro de 2019 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Aluman Obra Social.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Aluman Obra Social, con domicilio no predio Os Chans, en Armentón, Arteixo (A Coruña).

Feitos.

1. O 12 de xullo de 2019, a Fundación presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Aluman Obra Social constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 21 de xuño de 2019, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 1.635, por Manuel Ángel Pose Palleiro, que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada o 11 de outubro de 2019 na mesma localidade e notario, co número de protocolo 2.368.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto primordial «o fomento de actividades dirixidas á formación e integración social de persoas con discapacidade física ou psíquica e persoas en risco de exclusión social, principalmente a través de actividades médicas, psicolóxicas e educativas, deportivas e de lecer, con intervención especial de animais equinos ao aire libre».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Ángel Pose Palleiro como presidente; Manuel Pose Miñones como vicepresidente; Ana Barreiro Buño como secretaria, e Rosa María Carril Iglesias e a entidade Cefine Neurología, S.L., representada por Serafín Ortigueira García, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Aluman Obra Social, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de outubro de 2019,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Aluman Obra Social e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza