Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 22 de outubro de 2019 Páx. 46346

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle de parcela na que se situaba o antigo cuartel da Guardia Civil, abranguida entre as rúas do Doutor Loureiro Crespo e Casimiro Gómez.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 30.9.2019, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación definitiva ao estudo de detalle formulado, mediante iniciativa particular, pola entidade mercantil Geriatros, S.A., para reordenación de volumes edificables e completar as aliñacións e rasantes cara ao lindeiro norte que entesta coa Igrexa da Virxe do Camiño, da parcela con referencia catastral 0277013NG3907N0001PH, abranguida entre as rúas do Doutor Loureiro Crespo e de Casimiro Gómez, na que se situaba o edificio da antiga comandancia da Garda Civil, instrumento urbanístico redactado polo arquitecto José Enrique Pérez-Ardá Criado, datado en novembro do 2018, con entrada no Rexistro Xeral do Concello o 21.11.2018, baixo o núm. 2018047365 e ao que se incorpora, ao situarse o seu ámbito nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Peinador e como parte integrante deste, o informe emitido pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil (csv BQ3J7J795E01IZ8B), que inclúe, no seu anexo 1, un plano –que se incorpora aos planos normativos do estudo de detalle e que será dilixenciado xunto coa restante documentación obxecto de aprobación definitiva– no cal se representan as liñas de nivel das superficies limitadoras das referidas servidumes e que determinan as alturas (respecto do nivel do mar) que non deberá sobrepasar construción ningunha, incluídos todos os seus elementos (postes, antenas, carteis, etc.), así como o gálibo de viario ou vía férrea.

Segundo. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o seu contido íntegro estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra www.sede.pontevedra.gal.

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento aprobado será inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, a petición deste concello, para o que se remitirá un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

Ademais de no DOG e sede electrónica, o acordo será obxecto de publicación xunto co índice da documentos e planos –incluído o plano das servidumes aeronáuticas–, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro do Instrumento de Planeamento, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e executividade.

Terceiro. Notificar este acordo individualmente, con ofrecemento dos recursos procedentes, á entidade promotora e a todas aquelas persoas que figuren como interesadas ou constituídas en parte no expediente, con comunicación expresa á Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento.(...)»

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer directamente, quen se considere lexitimado, recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme a dereito.

Así mesmo, infórmase que nestas datas xa se atopa publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta a día de hoxe: http://www.pontevedra.gal/PXOU/Doutor-Loureiro-Crespo-27_-_Estudo-detalle-aprobado-def.pdf) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 15 de outubro de 2019

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde