Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 21 de outubro de 2019 Páx. 46011

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2019 de delegación de competencias na Xerencia deste organismo.

O Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos, establece no artigo 13 dos estatutos as funcións da dirección, entre as cales se atopa a de actuar como órgano de contratación e a de ordenar os pagamentos do organismo.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia no seu artigo 9.1.c), establece como funcións dos organismos autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia a autorización dos gastos contidos nos seus orzamentos e a ordenación do seus pagamentos.

Por outra banda, o artigo 72.2 e 4 do Decreto lexislativo 1/1999 establece que corresponde aos presidentes ou directores dos organismos autónomos da comunidade a autorización e disposición dos gastos e créditos, respectivamente o recoñecemento de obrigas e a ordenación de pagamentos que correspondan a estes. Estas facultades poderán ser obxecto de delegación ou desconcentración nos termos que regulamentariamente se establezan.

Así mesmo, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé o mecanismo da delegación de competencias para o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica.

A actividade administrativa do Instituto Galego do Consumo e da Competencia supón unha concentración de funcións arredor da súa dirección que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na xerencia do organismo autónomo, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 72.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Delegación de competencias

Deléganse na persoa titular da Xerencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia as competencias que se relacionan a seguir:

a) As funcións que como órgano de contratación son atribuídas á Dirección pola lexislación vixente, nos expedientes tramitados con cargo ao capítulo II, gastos en bens correntes e servizos, de acordo coa Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE y 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, así como a autorización de gastos, disposición de créditos, o recoñecemento das obrigas e a ordenación de pagamentos que corresponden aos citados expedientes, ata os límites dos créditos autorizados que figuran no orzamento do organismo autónomo, logo da proposta da persoa titular do Servizo de Asuntos Xerais.

b) A autorización de gastos e disposición de créditos, así como o recoñecemento de obrigas e a ordenación de pagamentos relativos ao capítulo 1, gastos de persoal, logo da proposta da persoa titular do Servizo de Asuntos Xerais.

c) O recoñecemento de obrigas e a ordenación de pagamentos relativos ao capítulo IV, transferencias correntes, logo da proposta da persoa titular do Servizo de Asuntos Xerais.

Segundo. Réxime xurídico da delegación de competencias

1. Os actos e as resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

2. En calquera momento a persoa titular da Dirección poderá avocar para si o coñecemento dun ou varios asuntos cuxa resolución corresponda ás competencias que son delegadas por esta resolución e, así mesmo, poderá acordar a súa revogación. En ambos os casos deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular, as competencias delegadas contidas nesta resolución serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular do Servizo de Asuntos Xerais.

Terceiro. Publicidade e efectos

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

Sol Mª Vázquez Abeal
Directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia