Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 16 de outubro de 2019 Páx. 45466

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 7 de outubro de 2019 pola que se nomean membros do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

O 13 de xaneiro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que no seu artigo 5 configura o Consello Reitor como un dos seus órganos de goberno e no seu artigo 7 indica que é o órgano colexiado de goberno de Augas de Galicia.

A composición do Consello Reitor fíxase no artigo 7 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia indicando que está integrado pola Presidencia, que lle corresponde a quen desempeñe a de Augas de Galicia, a Vicepresidencia, que corresponde a quen desempeñe a dirección da entidade, e que ademais formarán parte del os seguintes vogais:

a) Once representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, propostos polas consellerías seguintes:

Cinco serán propostos pola consellería competente en materia de augas.

Un será proposto polas consellerías competentes en materia de administracións públicas, facenda, industria, sanidade, desenvolvemento rural e pesca.

b) Tres vogais representantes das entidades locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, dos cales un deberá ser, chegado o caso da súa creación, proposto polas áreas metropolitanas que se creen.

c) Oito vogais representantes dos usuarios: dous polos usos domésticos da auga, correspondendo a proposta dun deles ás entidades subministradoras e doutro ás comunidades de usuarios e autoabastecemento, dous polos usuarios agrícolas e gandeiros, dous polos usos industriais e dous en representación dos aproveitamentos hidroeléctricos.

d) Un vogal en representación das asociacións non gobernamentais de carácter ambiental máis representativas de Galicia.

e) Un/unha representante da Administración xeral do Estado.

En cumprimento do disposto no Estatuto de Augas de Galicia, o 20 de febreiro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 24 de xaneiro de 2017 pola que se nomean os membros do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

O artigo 7.5 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia prevé que os vogais cesarán automaticamente cando cesen no cargo polo que foron nomeados ou cando perdan a representación do órgano propoñente.

Tal é o suposto de dous representantes, titular e suplente, dos usuarios agrícolas e gandeiros propostos pola asociación profesional Xóvenes Agricultores, que foi disolta por resolución xudicial; e dun representante, titular, dos usos industriais, proposto pola Confederación de Empresarios de Galicia, que faleceu.

Por todo isto, en virtude do establecido no artigo 7.5 do citado estatuto e das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. En substitución de vogais titulares e suplentes nomeados pola Orde do 24 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 35, do 20 de febreiro) que cesaron automaticamente, noméanse vogais titulares e suplentes do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia ás persoas titulares dos postos que se indican:

a) En representación dos usuarios agrícolas e gandeiros:

1º. Titular: a persoa titular da coordinadora do Gabinete Xurídico do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.

2º. Suplente: a persoa da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas proposta como representante o 20 de setembro de 2019.

b) En representación dos usos industriais:

1º. Titular: a persoa designada representante o 18 de xullo de 2019 pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2019

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade