Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45165

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de outubro de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos en materia de asistencia sanitaria durante a folga convocada para o día 16 de outubro de 2019 no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O desempeño público da prestación de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As direccións comarcais de Ferrol da Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT) comunicaron a convocatoria dunha folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores/as de empresas privadas e polos/as empregados/as do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña, e que se desenvolverá o día 16 de outubro de 2019 desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas. No entanto, naquelas empresas, administracións e organismos que teñan varias quendas de traballo, o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que empece antes das 00.00 horas do día 16 de outubro, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24.00 horas dese día. Así mesmo, naquelas empresas que teñan unha única quenda de traballo, pero que comece antes das 00.00 horas do día 16 de outubro, o paro iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o mesmo 16 de outubro na hora en que conclúa esta.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria da folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde, circunscrita ao ámbito da asistencia sanitaria pública. No dito ámbito a folga atinxe un centro dependente do Servizo Galego de Saúde (o Centro de Saúde/Punto de Atención Continuada das Pontes), o transporte sanitario competencia da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e empresas privadas que realizan tarefas de servizos contratados pola Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ferrol en relación co dito ámbito, que para estes efectos se limitan ao servizo de limpeza.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. Ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

De acordo co anterior, deben fixarse os servizos mínimos necesarios para garantir a atención aos usuarios/as que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros e dispositivos sanitarios públicos afectados pola folga no ámbito territorial do Concello das Pontes de García Rodríguez:

a) No ámbito funcional do transporte sanitario:

1º. Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2º. O 100 % dos servizos de transporte para enfermos/as que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia e diálise, así como as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

b) Na asistencia sanitaria do Centro de Saúde/PAC das Pontes de García Rodríguez:

1º. Unha cobertura do 100 % da actividade urxente no punto de atención continuada.

É imprescindible a cobertura do 100 % da asistencia urxente, tendo en conta que non cabe prever con antelación as necesidades por non tratarse dunha tarefa programable, e de que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia para os dispositivos de atención continuada.

2º. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención da unidade e servizo de atención primaria das Pontes de García Rodríguez prestarán a asistencia urxente ou inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A atención sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables neste ámbito asistencial, no cal o traballo é levado a cabo por un grupo interdisciplinar de profesionais que desempeñan cadansúas funcións (tanto as especificamente sanitarias como as de soporte administrativo de xestión e información) de xeito coordinado.

En consecuencia, establécese a seguinte dotación mínima nos tres colectivos profesionais existentes neste centro, isto é, persoal licenciado sanitario, persoal sanitario diplomado e de formación profesional e persoal de xestión e servizos:

– Nos colectivos con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– Nos colectivos con cinco ou máis profesionais: 2 efectivos.

c) No ámbito funcional do servizo de limpeza:

Cómpre establecer o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais, agás nas zonas onde se requira unha limpeza urxente (salas de extraccións, curas e actividades de cirurxía menor), nas cales se determinará o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestacións de limpeza habituais.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar suficientemente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos necesarios para garantir a totalidade da actividade urxente ou inaprazable que cabe prever nas quendas afectadas pola folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da correspondente institución e notificada aos profesionais afectados.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, asemade, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

a) UAP/SAP das Pontes:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Persoal licenciado sanitario

2

1

Persoal sanitario diplomado e de formación profesional

2

1

Persoal de xestión e servizos

1

1

b) PAC das Pontes:

Servizos mínimos

Tarde

Noite

Persoal médico de familia PAC

1

1

Persoal de enfermaría

1

1

Celador/a de PAC

1

1

c) Empresas contratadas. Estrutura organizativa de xestión integrada de Ferrol:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Limpeza

1

1

d) Bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) ou de soporte vital avanzado (AA-SVA) do 061 precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga: As Pontes de García Rodríguez, 1 AA-SVB.